Segundo caso de presunta corrupción arquivado en Lugo por "nulidade das actuacións"

Edificio dos Xulgados de Lugo © Google

Primeiro, o caso das multas e agora, o de Castro de Rei. Apenas catro meses despois de que a Audiencia Provincial de Lugo anulase o caso da suposta trama de retirada irregular de multas por un defecto formal da investigación o mesmo órgano xudicial vén de tomar unha decisión practicamente idéntica a respecto doutro caso instruído pola xuíza Estrela San José, tamén responsable doutras investigacións de grande eco mediático, como a Campeón. Desta volta o caso que se arquiva por "nulidade das actuacións" dende o seu "inicio" é o vinculado a presuntas adxudicacións irregulares e supostos enchufes no Concello de Castro de Rei, na Terra Chá.

A poucos días de que entrase na fase de xuízo oral a Audiencia decide frear en seco un caso que se remonta ao ano 2008, época na que San José considerou que o equipo de goberno daquela dirixido polo socialista Juan José Díaz Valiño artellara unha trama para repartir favores en forma de contratos e postos de traballo. Sobre a mesa estaban presuntos delitos como a prevaricación administrativa, o suborno, o tráfico de influencias e a falsidade documental e no banco dos acusados ían sentar un total de 16 persoas. Pero nada disto vai ser xulgado porque, di a Audiencia, a xuíza non actuou como debería.

Para anular a investigación enteira, di o auto emitido este martes en Lugo, os maxistrados teñen en conta que as indagacións comezan nunha causa "completamente inconexa", a dun suposto delito contra os dereitos dos traballadores. Nesa investigación ordenáronse intervir diversos teléfonos, nos que se detectan "conversas entre persoas que aí estaban sendo investigadas e que se referían a temas alleos e distintos", entre os que figuraban as xestións de Castro. "A instrutora, que é consciente da inexistencia de conexidade" entre ambas causas, "opta por abrir novas dilixencias" e "continúa investigando, atribuíndose a competencia" sobre o novo caso.

A xuíza San José acusaba o ex alcalde de Castro de Rei e outras persoas de artellar unha trama de contratos irregulares e enchufes

Neste escenario, a Audiencia ten claro que a xuíza San José actuou "de maneira arbitraria", asumindo un caso que lle tería que ser axudicado ao xuíz ou xuíza que correspondese por quenda. Non evitar que isto acontece suporía "deixar que o xuíz que o considere procedemente asuma de maneira arbitraria as causas que sexan do seu interese e derive" ao "reparto" que marca a lei "o que non considere" interesante investigar. "Ten que se poñer couto a tal práctica", continúan os maxistrados, porque, do contrario, sería semellante a permitir que un cidadán "presente unha denuncia ante un xulgado concreto" porque o xuíz ou xuíza é do seu gusto, "violando" así o "dereito dos denunciados" a que cada causa sexa "vista polo xuíz ao que corresponde, e non por vontade de ningunha persoa".

A Audiencia cre que a xuíza San José actuou "de maneira arbitraria" e asumiu o caso aínda sendo consciente de que non podía facelo

En síntese, os maxistrados lucenses ven claro que San José asumiu o caso de Castro de Rei malia saber que os presuntos delitos non tiñan nada que ver co que ela estaba investigando. Por este motivo, ditaminan a "nulidade das actuacións" e, polo tanto, tamén "das probas obtidas", xa que "a obtención das mesmas adoece de vicio de nulidade a partir do descubrimento o ou achado casual da existencia dos presuntos delitos". "Todas a probas" foron recompiladas "de modo procesualmente irregular, con infracción do dereito do xuíz predeterminado pola lei". O mesmo acontece coas "intervencións telefónicas, mantidas de forma irregular". Polo tanto, e con independencia do fondo da cuestión, os erros de procedemento mandan o caso á gabeta.

Edificio dos Xulgados de Lugo © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.