"Somos unha nación": Vía Galega chama a manifestarse para "reforzar a autoestima colectiva"

Vía Galega convoca á manifestación o vindeiro domingo 24 de abril © Vía Galega

Vía Galega convoca unha manifestación baixo o lema 'Somos unha nación' para este domingo en Compostela

A plataforma Vía Galega convoca unha manifestación para este domingo 24 de abril co lema Somos unha nación que sairá ás 11:30 da Alameda de Compostela. Faino cos obxectivos de "crear máis conciencia nacional e de reforzar a autoestima colectiva como país".

Aproveitando a conmemoración dos 176 anos do abril de 1846 no que se sucederon numerosos levantamentos, pronunciamentos  proclamas pola creación da “Xunta Superior do Goberno de Galiza” que acabaron co fusilamento dos chamados Mártires de Carral, Vía Galega aposta por “esixir os nosos dereitos nacionais, como nación que somos”. 

A manifestación de Vía Galega percorrerá as rúas de Compostela © Vía Galega

“Non só temos todos os trazos que definen a unha nación, senón que temos a vontade de existir politicamente"

“Non só temos todos os trazos que definen a unha nación, senón que temos a vontade de existir politicamente; somos unha nación disposta a responsabilizarnos do noso futuro como pobo, sen subordinación nin dependencias, e pretendemos desterrar a falacia de que somos un País subsidiado”, explica Anxo Louzao, portavoz de Vía Galega, que esixe para Galicia "exercer o dereito inalienábel que lle asiste as todas as nacións do mundo: o dereito á autodeterminación, o dereito a decidir si mesma”. 

"É a única maneira de garantir un futuro sen emigración, maior benestar social e traballo digno para todos e todas”, insiste Louzao, que lembra tamén que respecto á inflación, por exemplo, "non só é maior en Galiza que no conxunto do Estado", senón que se manifesta "con maior virulencia por termos uns dos salarios máis baixos e as segundas pensións máis reducidas". Ademais, reclama tamén soberanía enerxética e alimentar e alerta da necesidade de "combater as agresións e a galopante españolización que diariamente padece o país". 

"Por todo isto estamos empeñados en crear máis conciencia nacional e reforzar a autoestima colectiva”, indica Louzao. “Temos a certeza que só con soberanía, exercendo como nación libre, Galiza terá futuro e construirá unha sociedade máis democrática, máis xusta e de maior igualdade social”, remata. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.