Marta Lois, Ramón Sarmiento, José Antonio Rodríguez Añón e Mercedes González Pazos encabezan as listas polas catro provincias, nas que tamén aparecen nos primeiros postos Paulo Carlos López, Berta Vigil, Juan Villoslada, Raquel de Ana Rodríguez e Rocío Núñez Rúas
Sumar Galicia deu a coñecer este luns a composición das súas listas para as eleccións do 18 de febreiro, unhas candidaturas encabezadas por Marta Lois, número 1 pola provincia da Coruña e que inclúen a Ramón Sarmiento como número 1 por Pontevedra, José Antonio Rodríguez Añón como número 1 por Lugo e Mercedes González Pazos como número 1 por Ourense.
Ademais, na Coruña Paulo Carlos López (portavoz de Sumar Galicia), Berta Vigil e o ex-concelleiro do PSdeG na Coruña Juan Villoslada aparecen nos posto dous, tres e catro. En Pontevedra, o ex- secretario de CCOO en Galicia Ramón Sarmiento está acompañado por Raquel de Ana Rodríguez, especialista en estudos de xénero, e Rocío Núñez Rúas, vicepresidenta do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.
Para Sumar, a clave destes comicios está en “mobilizar” a unha maioría progresista que xa existe en Galicia
Nas listas, destaca ademais a presenza en posicións máis simbólicas do ex-alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, da profesora Marilar Aleixandre ou de Suso Díaz, pai da vicepresidenta do Goberno e líder de Sumar, Yolanda Díaz.
Desde Sumar Galicia inciden en que o seu obxectivo cara á este 18 de febreiro é “ensanchar o espazo progresista”. De feito, fontes da formación aseguran que a coalición “non resta a ningún outro partido” ao presentarse ás eleccións, senón que aumenta as opcións da esquerda. En todo caso, valoran que pode haber un “pequeno” traslado de votos do PSdeG a Sumar, en base ás enquisas sobre as que veñen traballando nos últimos dous meses.
“Estamos dentro na Coruña e en Pontevedra”, avanzou íñigo Errejón no acto de presentación de Marta Lois como candidata de Sumar Galicia que tivo lugar o pasado venres no Auditorio Mar de Vigo
“Estamos dentro na Coruña e en Pontevedra”, avanzou íñigo Errejón no acto de presentación de Marta Lois como candidata de Sumar Galicia que tivo lugar o pasado venres no Auditorio Mar de Vigo, onde tamén participou xa o cabeza de lista por Pontevedra, Ramón Sarmiento. Sumar Galicia parte da base de que o que faga Podemos en Galicia non lle vai perxudicar e que a clave destes comicios está en “mobilizar” a unha maioría progresista que xa existe no noso país.
Neste senso, sinalan que a obtención de deputados e deputadas por parte de Sumar, para o que a formación necesita superar o 5% na circunscrición, é imprescindible para que a esquerda acade unha maioría que permita desaloxar do Goberno ao PP.