"Temos tantas ou máis posibilidades de ter eurodeputado que AGE ou o BNG"

López e membros de CxG, no comezo da campaña CC-BY-SA CxG

O betanceiro Paulo Carlos López fai 29 anos a finais deste ano. Antes de que iso aconteza xa levará na súa bagaxe unha campaña electoral como aspirante de Compromiso por Galicia ao Parlamento Europeo, uns comicios aos que a formación galeguista concorre en coalición con PNV, CiU e CC. Nun panorama de escasa "tensión electoral" que, ao seu xuízo, lles interesa a PP e PSOE, compatibiliza o proceso de asentamento de CxG no territorio coa explicación de propostas entre un electorado ao que ve "farto" das actitudes políticas "dos grandes partidos".

É vostede o candidato máis novo do partido máis novo. Iso é valor ou un obstáculo?
Creo que é un elemento positivo. Dicían dende a Geração à rasca, os primeiros indignados de Europa occidental, que non temos que estar parados nin paradas agardando que os problemas se resolvan, senón dar un paso adiante para sermos parte da solución. Os compañeiros nas eleccións primarias entenderon que isto é un elemento positivo e eu creo que para nada é un obstáculo. Xa é hora de que no galeguismo e na política en xeral haxa novas caras e novas formas de entender a acción política e a democracia.

O seu partido estase lanzando ao electorado e ao tempo, nacendo con procesos como esas eleccións primarias. Como se compaxina o asentamento infraestrutural do partido cos procesos electorais?
Estamos facéndoo con moito traballo. É un proceso simbiótico; o proceso de constitución de agrupacións tamén implica dar unha mensaxe clara que se pode entender como electoral. Ao constituír unha agrupación o primeiro que facemos é unha xuntanza aberta á veciñanza e tamén fixemos as primarias abertas á cidadanía. Imbricar a cuestión organizativa e o traballo electoral non deixa de ser un continuo no proxecto de Compromiso por Galicia, centrado na xente e co corazón no país.

Hai quen di que as primarias minoran o papel da militancia...

"A cidadanía ten que dar un paso adiante e os aparellos dos partidos, un paso atrás"

Nós acreditamos en que hai que tentar que a cidadanía recupere a confianza na política, democratizar a democracia e desparasitala. Para iso a cidadanía ten que dar un paso adiante e os aparellos, un paso atrás. Cremos que as organizacións non son patrimonio da militancia, nin sequera dos simpatizantes. Nós queremos que as organizacións sexan transparentes, con paredes de vidro para que se poida ver dende fóra, pero tamén para participar dende dentro. É o que demanda a cidadanía, un xeito de controlar e fiscalizar a actividade partidarias. Senón, depois atopámonos con casos de corrupción e con partidos que, no canto de solucionar problemas, cŕeanos. As organizacións do século XXI teñen que ser moito máis líquidas e permeables.

E iso hai que facelo aínda a risco de que integrantes doutras organizacións inflúan nas súas decisións?
Cando se fan primairas abertas hai que ter unhas mínimas garantías democráticas. Nas nosas primarias as persoas que participaron asumiron un manifesto asumindo os principios básicos de CxG e outro documento que incidía en que non se militase noutra organización política. Pode ser que haxa casos de distorsión da vontade militante e cidadá por parte doutras organizacións, pero non creo que se dea o caso.

No que vai de campaña que está sendo máis importante, chamar ao voto para CxG ou chamar a que se vote, en xeral?
Nós vimos dicindo que o PP e o PSOE, pero sobre todo o PP, critican as coalicións do resto de organizacións cando eles van en coalición entre eles, en coalición con Pokémon, Pikachu e Campeón e tamén coa abstención. Viuse co PP ralentizando a elección do candidato para ter unha campaña moi acoutada, obsérvase na ausencia de cartelaría nos espazos públicos... O principal é dicirlle á cidadanía que hai que ir votar, porque aínda que Bruxelas e Estrasburgo quedan lonxe, as súas políticas tócannos moi de preto. Canta máis participación haxa, máis posibilidades haberá de mudar as cousas. Nós a mensaxe que estamos dando é clara: a utilidade do voto a CxG é clara e temos tantas ou máis posibilidades de termos eurodeputado que AGE ou o BNG.

"O escano pode rotar e temos un acordo co PNV para poder introducir demandas sen ningún tipo de veto"

Pero as enquisas din que vostede non terá escano. Como planifica ese escenario?
Temos un acordo electoral e cabe a posibilidade de que o terceiro ou cuarto escano roten e, dependendo do peso que teñamos nas urnas, poidamos estar no Europarlamento. No caso de non poder optar a ese escano, temos un acordo bilateral co PNV para que nós poidamos introducir demandas sen ningún tipo de veto. Por iso a cuestión fundamental é que Galicia vai ter, dun xeito ou doutro, voz a través de Compromiso por Galicia sen depender de Madrid. E iso non o poden dicir outros, porque hai inquéritos que din que Os pobos deciden non vai ter representación e mesmo que periga o escano para Lidia Senra.

Dende que formalizaron a coalición chegáronlles críticas por teren eses compañeiros de viaxe. Séntese cómodos na coalición ou é unha cuestión utilitarista?
As normas das eleccións europeas márcanas os grandes partidos, coa circunscrición estatal. Noutros Estados non acontece isto, que obriga a buscar acordos con outras formacións políticas de ámbito non estatal e neste caso participamos na candidatura que propiciara o PNV, á que despois se sumaron CiU e CC por diversas circunstancias. Sentímonos cómodos, porque sendo forzas políticas diferentes temos un programa marco con tres enlementos fundamentais: a defensa dos nosos respectivos territorios, a participación directa nos órganos institucionais da UE nos que se deciden asuntos que nos afecten, a aposta polo incentivo económico e o abandono da austeridade e a defensa da democracia. Neste marco movémonos e sentímonos agusto, o que non significa que ratifiquemos todas as políticas duns e doutros nos seus respectivos territorios.

Chegaron a crer posible unha candidatura galega?
A candidatura galega non era o mellor para Compromiso por Galicia, íanos invisibilizar na campaña. Pero era o mellor para o país e por iso non puxemos condicións. Se apostamos por ela foi porque pensamos que era posible, pero non puido ser e non vou imputar responsabilidades a ninguén. Agora toca defender proxectos políticos diferentes, agardo que todos co corazón no país.

Nos últimos tempos a UE é fonte de boa parte das preocupacións cotiás da cidadanía por mor dos recortes, dos plans de axuste... Que Europa queren vostedes?

"O problema non é Europa, senón quen a goberna, que dende 1999 é a dereita europea"

Nós somos europeístas pero non acreditamos nas miserias que existen en moitas políticas públicas da UE. A Europa que queremos é diferente á que queren PP e PSOE e tampouco quere ser a anti Europa que queren AGE e BNG. Non queremos a europa dos Estados e da austeridade que queren PP e PSOE, que implica que non haxa ningunha mudanza substancial entre as prácticas políticas das dúas familias políticas, pero tampouco cremos que Europa sexa o problema e a fonte de todos os males. Hai que distinguir; o problema non é Europa, senón quen a goberna. É un espazo mellorable e con moitas contradicións, pero o problema é que dende 1999 goberna a dereita europea e é o que hai que cambiar. A introdución de Galicia na UE foi negativa non tanto por decisións da UE senón por decisións políticas do Estado español e dos seus sucesivos partidos, que nos utilizaron como moeda de cambio. A Europa que queremos é a da cidadanía, onde a política estea por riba da economía e onde se aposte por unha actividade económica con incentivos e non pola austeridade.

É posible facer isto aínda coa socialdemocracia en crise?
A socialdemocracia non está en crise. É o que se tende a dicir. O que están en crise son os tradicionais partidos socialdemócratas, que asumiron o dogma do pensamento único, neoconservador e neoliberal. Pero existen outras organización como CxG, que dende punto de vista do galeguismo recollemos esa herdanza da socialdemocracia, que é a ideoloxía que máis benestar trouxo para o conxunto da humanidade ao longo da historia. Non imos aplicar criterios da socialdemocracia dos 40 ou dos 50, senón que cómpre renovala. E nin o PSdeG nin o PSOE o van facer.

Di o PP que as formacións pequenas, ademais de minoritarias, son “irrelevantes” e por iso cómpre votarlles a eles ou, en todo caso, aos grandes partidos...

"O irrelevante é a talla política de Feijóo e non hai nada máis inútil que votarlles aos inútiles de sempre"

Como dixo Xoán Bascuas, o irrelevante é a talla política de Feijóo e non hai nada máis inútil que seguirlles votando aos mesmos inútiles que estiveron facendo o inútil durante tanto tempo. Hai que apostar por novas organizacións como CxG, porque os grandes partidos nos están levando a unha situación de pobreza na que non avanza a política senón os grandes lobbies de presión.

Vostedes poñen o acento na loita contra a corrupción e nas denominadas listas brancas. Por que non debe haber persoas imputadas nas listas electorais?
O fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, vén apelando á necesidade de diferenciar a inocencia penal da inocencia política. A inocencia penal tense que guiar pola presunción de inocencia e seguir os procedementos xudiciais, pero a inocencia política ten que ter en conta outros elementos. Unha persoa que está representando os cidadáns pero pasa máis tempo no xulgado que na institución que debe gobernar ten que dimitir. Non estamos condenando ou prexulgando, senón diferenciando a cuestión penal da política. Para a cidadanía o segundo problema son os partidos e os políticos; como a xente non vai estar cansa se, por exemplo, no Concello de Santiago, a capital deste país, hai máis persoas acusadas que mobles? Ou co PSOE, no que 13 dos 14 primeiros membros da lista foron acusados dalgún xeito a respecto do seu comportamento na xestión dos recursos públicos? A nosa principal mensaxe de campaña é que a Europa anti corrupción tamén se constrúe con medidas pequenas, como as listas brancas.

Paulo Carlos López, nun intre da entrevista con Praza CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.