Teo leva á Fiscalía o contrato con Aquagest que asinou o PP antes de perder o goberno

Noriega e varios edís teenses, no salón de plenos do Concello CC-BY-SA Merixo

O 30 de abril de 2007 faltaba apenas un mes para as eleccións municipais e todo indicaba que o histriónico Armando Blanco, que ordenara e mandara no municipio durante case dúas décadas, ía perder o bastón de mando, como finalmente aconteceu. Nesa xornada Blanco presidiu un dos seus derradeiros plenos municipais como rexedor e nel impulsou a renovación da concesión do servizo municipal de augas coa empresa Aquagest -agora Viaqua- por vinte anos, para estender así o contrato ata 2029. Daquela os grupos da oposición advertiran da posible ilegalidade dunha operación que agora ten sobre a súa mesa  Fiscalía de Santiago.

O actual rexedor, Martiño Noriega, preguntárase naquel pleno as razóns para renovar un contrato que non expiraba ata 2009 e cuxa prórroga, informada desfavorablemente pola Intervención municipal, implicaba unha suba do 24% das taxas para a veciñanza. Segundo os argumentos ofrecidos daquela por Blanco, a empresa ofrecía a cambio 1,7 millóns de euros "para obras" e novas dotacións de operarios e vehículos, ademais de "cancelar os recibos que faltan por pagar" e outras melloras".

A empresa, agora coa lupa sobre ela pola investigación da trama Pokémon, pediu en 2013 un novo incremento de tarifas, que segundo os servizos xurídicos municipais "suporía unha nova modificación contractual que non se pode realizar". Pero os informes solicitados van alén e falan abertamente de posibles ilegalidades.

A asesoría xurídica cre "conveniente aludir á posible relevancia penal" da prórroga do contrato, impulsada polo PP en 2007

"Un dos informes xurídicos que obran neste expediente -informa o Concello- indica que é conveniente aludir á posible relevancia penal derivada da adopción do acordo plenario", isto é, da prórroga do contrato daquela apoiada polo PP e polo grupo independente InTeo. "A asesoría xurídica considera que as circunstancias observadas nesta amplicación poden levar a concluír que naquela decisión concorreron indicios de delito", sinalan.

Tras case sete anos tendo que "asumir todas as obrigas e os poucos beneficios establecidos" na prórroga de 2007, di o concelleiro de Urbanismo, Rafael Sisto, o Concello non só se dirixe á Fiscalía, senón tamén ao Consello Consultivo para que este emita un ditame a respecto de "se procede a nulidade do contrato" que para o goberno local é "manifestamente ilegal", como acreditan os "informes técnicos que acreditaban esa situación" no momento da aprobación. "Dende o Concello enténdese que esta situación está incursa nunha causa de nulidade", afirman.

Noriega e varios edís teenses, no salón de plenos do Concello CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.