Terra Galega desmárcase de CxG pero abre a porta a futuros acordos

Cuiña e Bascuas, na reunión cos dirixentes de TEGA © CxG

Terra Galega desmárcase de Compromiso por Galicia. A formación de centro galeguista celebrou o pasado martes o seu comité nacional, no que se analizaron os resultados electorais logo de acudir conxuntamente aos comicios con CxG, e acordou desvincularse da coalición liderada por Xoán Bascuas para "continuar sós", aínda que "mantendo a porta aberta" a futuros acordos entre as dúas forzas.

Terra Galega decide "seguir só" de cara ás municipais pero non pecha a porta a futuras alianzas con Compromiso

Así o aclara Guillermo Sánchez Fojo, secretario xeral de Tega, que asegura que a dirección do partido considera "moi malos" os resultados das pasadas eleccións autonómicas, algo do que non culpa a CxG, senón "máis ben, á falta de tempo" para a organización e o asentamento dunha nova forza galeguista. "A culpa non é de Compromiso nin de Terra Galega, senón dos dous e tamén do feito de que a campaña se centrase nunha batalla personalista, algo ao que contribuíron moitos medios", aclara o líder dunha formación que xa deixara claro que o acordo con Compromiso ía destinado, nun principio, aos comicios autonómicos.

"Seguiremos sós coa vista posta nas próximas eleccións municipais, porque somos un partido marcadamente  municipalista", engadiu Sánchez Fojo, que non descarta posibles acordos no futuro con CxG. "Non formaremos parte do partido agora que se vai constituír oficialmente, pero non imos pechar ningunha porta porque se con algunha formación nacionalista podemos confluír é con Compromiso e non co BNG nin con Anova", explica.

Tega nega que as diferenzas ideolóxicas sexan as causantes da desvinculación

Ademais, o secretario xeral de Tega aclara que foron varios os membros da dirección do partido que consideraron un erro a unión con Compromiso, pero nega que as diferenzas ideolóxicas sexan as causantes desta desvinculación temporal. "A diferenza ideolóxica entre CxG e Tega pode ser dun 5% e máis; somos progresistas e coa cabeza posta na nosa terra", insiste Sánchez Fojo, que cre que nas pasadas eleccións autónomicas "non perdeu nin Compromiso nin Terra Galega". "Quen perdeu foi Galicia", asegura, logo de destacar que os resultados da coalición nacionalista "foron malos incluso alí onde Tega goberna ou ten unha importante presenza".

Rafael Cuiña, membro da dirección de CxG e candidato por Pontevedra nos pasados comicios, cre que a noticia "é boa". "Creo que Terra Galega nunca estivo cómoda cun partido socialdemócrata", asegurou, tras "agradecerlles a súa colaboración". Outros cargos importantes da coalición queixáronse de terse enterado pola prensa da decisión de Tega, aínda que Guillermo Sánchez xa aclarou que falaría co líder da formación, Xoán Bascuas, durante a xornada deste mércores para aclararlle a decisión tomada polo partido no seu comité nacional.

 

Cuiña e Bascuas, na reunión cos dirixentes de TEGA © CxG
Guillermo Sánchez Fojo, secretario xeral de Tega © TEGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.