Touriño acusa a Feijóo de mentir: é "falso" que o bipartito soubese os problemas das caixas

Feijóo, con Touriño durante o traspaso de poderes de 2009 CC-BY-SA Vieiros

Entre as múltiples críticas recibidas polo Goberno bipartito e, nomeadamente, polo seu presidente, unha das máis reiteradas procedía do seu ámbito ideolóxico e partidario: a escasa capacidade de reacción ante as críticas do PP, sobre todo cando estas se asentaban en medias verdades ou en afirmacións máis ou menos distantes da realidade. Catro anos despois de perder o Goberno Emilio Pérez Touriño amosou este venres unha actitude ben distinta. Poucas horas despois de que o presidente da Xunta pasase pola comisión de investigación das caixas para asegurar, entre outras cousas, que o bipartito fora advertido polo Banco de España verbo dos problemas financeiros de Caixanova e Caixa Galicia.

A través dun comunicado remitido á prensa e "sen entrar a valorar os traballos da comisión", o ex dirixente socialista considera que "as informacións subministradas" por Alberto Núñez Feijóo "afectan moi directamente ao Goberno que tiven a honra de presidir" e, "en honra á verdade" e en aras dunha "correcta información dos cidadáns" e da "transparencia", séntese "no deber de informar". O que di o seu sucesor na Presidencia é "unha falsidade manifesta", asegura.

Mentres que Feijóo asegura que o bipartito "xa sabía" dos problemas das caixas Touriño retruca que, mentres foi presidente, nin el mesmo "nin o conselleiro de Economía recibimos información nin notificación ningunha por parte do Banco de España en relación cunha suposta inviabilidade, insolvencia ou delicada situación das caixas de aforro de Galicia, nin por separado nin de ningunha outra forma". Polo tanto, di o ex mandatario, "podo e debo afirmar que non é verdade o que se transmitiu na comisión"

"Non recibimos ningunha información en relación cunha suposta inviabilidade ou delicada situación das caixas de aforro"

No seu comunicado Touriño rebate tamén outra das acusacións lanzadas por Feijóo, segundo a cal no traspaso de poderes non recibiu "nin un só papel" referente á situación das caixas. Isto "non é certo", di o ex líder do PSdeG, xa que "no dossier entregado formalmente polo titular da Consellería de Economía e Facenda á súa sucesora", Marta Fernández Currás, "entre outra documentación, en relación coas caixas de aforro figuraba un informe referido á análise financeira das entidades galegas con dous documentos sobre a evolución dos recursos propios" das mesmas "no segundo semestre de 2008" e outro "cos datos básicos de evolución" correspondentes a xaneiro e febreiro de 2009.

"Ningún sinal de inviabilidade"

Neste contexto Touriño detense tamén a relatar cales foron os últimos datos que recibiu o seu Goberno acerca das caixas procedente do Banco de España. A "última información recibida" chegou nunha xuntanza celebrada a petición da Xunta o 21 de outubro de 2008. Nela estiveron presentes o conselleiro Fernández Antonio e o daquela gobernador do regulador, Miguel Ángel Fernández Ordóñez. Posteriormente, sinala, incorporáronse á mesma o director de Política Financeira de Galicia e tres directivos do Banco. Na xuntanza, di, "infórmase do seguimento que por parte do supervisor se realiza das caixas galegas, en particular do seguimento do Plan Estratéxico de Caixa Galicia" e "en ningún caso se sinala a existencia de problema ningún de solvencia ou inviabilidade de ningunha das caixas".

O ex presidente asegura que, ao contrario do que di Feijóo, si informou sobre as caixas no traspaso de poderes

Nun escenario no que "a revisión das últimas contas de ambas entidades, realizadas polo Banco de España, correspondentes ao período no que fun presidente", son "auditorías limpas e sen reparos, nas que os coeficientes de solvencia se sitúan por riba dos mínimos esixibles", o bipartito non recibiu alarma ningunha. Mentres, dende o regulador "persístese na idea de que a Xunta non debe interferir nin na xestión nin na supervisión que teñen encomendada -o Executivo bipartito renunciou a estar presente nas comisións de control das caixas-.

Por todo isto Touriño resume que "nin a información trasladada polo supervisor, nin os propios balances, nin as contas auditadas durante todos os anos" do seu mandato "puxeron de manifesto ningún sinal de inviabilidade ou falta de solvencia das caixas". Así, "nunca recibimos notificación nin comunicación formal ou informal" ao respecto". Segundo o ex presidente, Feijóo mente.

Feijóo, con Touriño durante o traspaso de poderes de 2009 CC-BY-SA Vieiros
Traspaso de poderes de Fernández Antonio a Currás © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.