Traballo 'colecciona' condenas por excluír a CIG das súas axudas

Actividade formativa da Forga CC-BY-NC-SA CIG

Outubro de 2012, xaneiro, marzo e outubro de 2013 e xaneiro e marzo de 2014. En menos de dous anos a Consellería de Traballo acumula xa sete sentenzas na súa contra por discriminar a CIG e a fundación que dela depende, a FORGA, en múltiples convocatorias de axudas públicas. A estes ditames únense dous autos, un para a execución forzosa dunha das sentenzas e outro, para obrigar a Xunta a volver avaliar unha solicitude da central sindical.

"En calquera país da contorna europea este currículo aparellarái, como pouco, o cesamento fulminante da súa responsábel directa, a directora xeral de Emprego e Formación", Ana María Díaz, reflexionan dende o sindicato, ao tempo que, ironizan coa posibilidade de que "atopándonos na Galiza", esta "vulneración flagrante da legalidade probabelmente puntúe como mérito para quen a comete". Estes 'méritos' poderíanse resumir co explicado na última das sentenzas, datada en marzo deste ano e na que se anula unha convocatoria de axudas para a elaboración de materiais formativos "por omisión do procedemento legalmente establecido".

Na última sentenza, de marzo deste ano, o tribunal advirte de que Traballo "omitiu de modo flagrante o procedemento"

"Resulta evidente que a administración vén reiterando resolucións denegatorias das subvencións interesadas" pola CIG ou a FORGA e "que unha vez anuladas, o que fai é cumprir a esixencia de motivación imposta nas sentenzas, avogando ao recorrente á promoción de novos recursos". Isto é, a Xunta primeira denégalle as axudas ao sindicato e despois volve facelo pero explicándose, o que para o tribunal "xera un círculo pernicioso que a nada conduce, á marxe da proliferación de contenciosos" provocada polo propio Goberno.

Denegación de cursos de formación para o emprego, veto para participar en programas formativos ou denegación de técnicos de orientación laboral forman unha sucesión de procedementos ilegais que, no seu último capítulo, o de marzo deste ano, inclúe un reparto de axudas previo á avaliación oficial das propostas. "Non se respectou o procedemento, ao resultar previa a reunión da Comisión Galega de Formación Profesional á cualificación das solicitudes por parte da Comisión de Valoración", di a sentenza, que abonda explicando que, "se isto non resultase suficientemente grave, resulta que ademais no expediente se contravén o contido que resulta da acta da Comisión Galega de Formación Continuada". "Omitiuse de modo flagrante o procedemento, xerando unha nulidade de pleno dereito da resolución", resume.

Uns 15 procesos pendentes

A denuncia pública da CIG prodúcese cando aínda resta uns 15 procedementos semellantes pendentes de resolución xudicial que, prevé a central sindical, "concluirán dun xeito semellante". Neste contexto, tanto o sindicato como a fundación, están a "avaliar as alternativas" para facer valer os seus dereitos ante a Xunta. Entre elas figura a posibilidade de "emprender accións legais contra a Xunta por responsabilidade patrimonial da Admnistración" ou "comparecer anet a Fiscalía, co obxecto de solicitar apertura dunha investigación para que se determinen se existen responsabilidades penais.

A CIG xa valora ir á Fiscalía ou dirixirse ás institucións europeas

Do mesmo xeito, a CIG valora a posibildiade de "informar o Parlamento e solicitar a apertura dunha investigación sobre as responsabilidades da Consellería" e "poñer en coñecemento das institucións europeas a permanente violación dos dereitos da CIG e da FORGA". O departamento de Beatriz Mato, lamentan, "vai camiño de facerse un oco no libro Guinness dos récords" polas "súas múltiplas decisións ilegais".

Actividade formativa da Forga CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.