Transparencia: o compromiso ineludible coa democracia e a cidadanía

Feijóo consulta documentos no seu escano, nun intre dun pleno CC-BY-NC-SA AGE

As leis de transparencia regulan o dereito da cidadanía a solicitarlle información ás institucións públicas. En países como o Reino Unido isto implica poder preguntarlle a un concello polos cartos que gasta en té e galletas, acceder a un informe policial ou mesmo saber cantos tripulantes de submarinos nucleares foron sancionados por consumir alcol e drogas. Hai 95 países no mundo con normas deste tipo. Até hai poucos días, o Estado Español era o único membro da UE con máis dun millón de habitantes que non tiña unha lei de acceso á información.

Na campaña electoral das últimas eleccións xerais, o daquela entón candidato, Mariano Rajoy, anunciou en varias ocasións que de ser elixido presidente, “nos primeiros 100 días de goberno España tería unha lei de transparencia, bo goberno e acceso á información pública”. A lei aprobouse con case 2 anos de atraso a respecto do prazo inicial e aínda tardará outros 2 en estar plenamente operativa. Haberá que agardar 12 meses para poder enviar solicitudes de información ao Estado e até 24 para facer o propio nas autonomías. 

A lei impulsada polo gabinete Rajoy foi moi criticada polas organizacións especializadas en datos abertos e liberdade de información

O proxecto atopou a oposición de toda a esquerda parlamentaria e de UPyD, pero sobre todo foi moi criticada polas organizacións da sociedade civil especializadas en datos abertos e liberdade de información.

A asociación Access Info! xunto co Centre for Law and Democracy publican un ranking no que avalían e puntúan as leis de transparencia de todo o mundo. A lei española aínda non está incluída ao ser moi recente, pero quedaría no posto 75 dun total de 96 normas, moi por debaixo de países como Serbia, India ou Liberia, que contan con algunhas das leis máis ambiciosas do mundo.

A lei exclúe certos tipos de información

Unha das principais críticas recibidas desde a sociedade civil refírese ás exclusións presentes na lei, tanto de institucións como de documentos. Calquera tipo de informe que poida ser considerado como “interno” ou aquelas cuestións referidas ao funcionamento das institucións quedarían fóra do que pode requirir un cidadán ao abeiro desta lei.  Non se poderán solicitar axendas de cargos públicos, comunicacións internas ou informes técnicos que apoien a toma de decisións políticas.

David Cabo: "O Goberno está a vender unha idea de transparencia limitada a onde van os cartos"

Victoria Anderica, de Access Info, láiase de que este proxecto nace entendido como unha lei para a administración, limitándose a algúns documentos oficiais e contratos. “Hoxe en día a transparencia xa non é transparencia administrativa, debe ser transparencia de todas as institucións públicas”, di. O director da Fundación Civio, David Cabo,expresouse en termos moi semellantes á hora de valorar os límites do texto. “O goberno está a vender unha idea da transparencia limitada a onde van os cartos. Pero realmente a transparencia é máis grande ca iso. Tamén é saber con quen se reúnen os políticos ou os motivos polos que se toma unha determinada decisión”.

A administración vixíase a si mesma

As entidades privadas que estean contratadas pola administración para prestar un determinado servizo non estarán incluídas dentro da lei de transparencia. Malia todo, se reciben máis de 100.000 euros en axudas públicas directas ou un 40% dos seus ingresos totais, terían que publicar activamente unha serie de documentos, maiormente referidos ás súas contas.

Outro dos aspectos máis criticados da lei é a posibilidade de que a administración utilice o “silencio administrativo negativo” como xeito de denegar unha petición. Isto quere dicir que se un cidadán lle solicita información a un organismo público e non recibe ningunha resposta, a súa petición está denegada aínda que descoñeza o motivo.

"Podemos estar catro meses sen unha resposta nin unha explicación de por que non nos contestaron; isto non pasa en ningún país do mundo"

O mesmo criterio rexe para as reclamacións. De presentarse unha queixa á comisión que regula o dereito de acceso a información, tamén existe a posibilidade de que utilizar o silencio administrativo negativo para denegar unha reclamación. Para Victoria Anderica “esta lei establece un silencio administrativo dobre porque o organismo de revisión tampouco ten a obriga de contestar. (...) É dicir, que podemos estar catro meses sen ter unha resposta nin unha explicación de por que non nos contestaron. E isto non pasa en ningún país do mundo”.

Para velar polo cumprimento desta lei créase o Consello de Transparencia de Bo Goberno, que tamén recibiu moitas críticas por non estar composto por persoas independentes. A totalidade dos seus membros están nomeados pola propia administración, xa sexa polas cortes, o Ministerio de Facenda ou por outros organismos dependentes do aparello do estado como o Tribunal de Contas, a Axencia de Protección de Datos ou a Secretaría de Estado e Administracións Públicas.

En palabras do director de Civio, “todos os representantes do Consello da Transparencia veñen da administración. Non hai sociedade civil, é a administración vixiándose a si mesma.”

“Todos os representantes do Consello da Transparencia veñen da administración. Non hai sociedade civil, é a administración vixiándose a si mesma.”

A cultura da transparencia británica

O Reino Unido adoita pórse como exemplo de transparencia e acceso á información dentro da Unión Europea. A súa lei atópase no posto número 26 no ranking de Acces Info! e, segundo Victoria Anderica, “malia non ser a mellor do mundo aplícase nunha cultura que xa cre na transparencia e no concepto de ‘accountability’". Este termo en inglés non ten unha tradución sinxela ao galego e cando se refire ás administracións públicas adoita significar ‘render contas’.

Da cultura da transparencia tamén falou David Cabo, o director de Civio, quen sinalou que no Estado Español só o 13% das peticións de información que fixeron a través da súa plataforma tuderechoasaber.es tiveron unha resposta positiva. “Se estivésemos nun país no que culturalmente se aceptase que as institucións teñen que responder as preguntas aínda que non houbese unha lei, pois sería estupendo”. Neste sentido, para Cabo, aprobar unha norma que regule a transparencia é un paso fundamental para mudar os hábitos das institucións, por iso lamenta que o proxecto de lei sexa tan “insuficiente”.

A pesar de teren esa cultura do ‘accountability’, a lei de liberdade da información supuxo un cambio importante no Reino Unido.

Segundo Paul Bradshaw, profesor de xornalismo na Birmingham City University, hai investigacións que só foi posíble facelas cunha norma deste tipo, como o caso dos gastos dos deputados, un dos maiores escándalos da política británica nos últimos anos. “A historia consistía en que moitos políticos incluían como gastos de representación cousas que mercaron para eles mesmos ou para as súas propiedades. Isto só puido saír á luz pola insistencia dunha xornalista en particular, xa que ao principio denegábanlle estes datos ao abeiro da lei de liberdade de información”.

Malia todo, para Bradshaw aínda existen moitos límites na transparencia do Reino Unido. Como por exemplo o feito de que a familia real non estea considerada como unha ‘autoridade pública’ e polo tanto fique excluída da lei. Aínda que a monarquía británica publique por propia iniciativa moitos datos sobre o seu funcionamento, particularmente gastos, non se lle poden enviar peticións de información.

Nos últimos anos, os xornalistas utilizaban unha pequena trampa para acceder a datos sobre a monarquía ao preguntárenlle a outras institucións gobernamentais pola súa relación coa coroa, incluíndo correspondencia. Non obstante, recentemente esta opción foi anulada ao bloquearse a posibilidade de que se publicasen 27 correos do Príncipe Carlos nos que pretendía influír ao goberno.

Un país pouco democrático?

As modernas democracias constitucionais non só deben garantir regras claras para a competencia electoral, senón tamén asegurar un exercicio transparente da función pública de tal xeito que a sociedade coñeza e avalíe a súa xestión. No caso español, o Partido Popular vén de aprobar co apoio de CIU, PNV, CC, UPN e Foro Asturias a lei que rexerá a transparencia.

Para a deputada galega do PSOE Laura Seara as eivas do proxecto xurdiron dende o principio, pois afirma que unha Lei deste tipo debería ter contado cunha participación pública na súa fase de tramitación parlamentaria.

PSOE e BNG opuxéronse ao xeito en que o Goberno central regulou a transparencia

Doutra banda, o paraugas que ampara a dita lei é o artigo 105 da Constitución, que regula o dereito de acceso a arquivos e rexistros públicos. Porén, o desexable sería que este papel o desempeñasen outros artigos de maior intensidade democrática como sería o caso do artigo 23, que recolle o dereito á participación política ou o 20, que recolle o dereito á liberdade de información.

Ao fío disto, Seara afirma que é lóxico que o PP optara polo 105 como columna vertebral da lei, pois trátase do goberno máis opaco da historia da democracia. A deputada tamén sinala que o principio de participación política e o da liberdade da información non pasan polo seu mellor momento.

Unha das reivindicacións dos colectivos a prol da transparencia é precisamente que o dereito de acceso á información sexa recoñecido como fundamental. Isto permitiría que, no caso de entrar en conflito con outras normas, primase o dereito da cidadanía a solicitarlle ás institucións os datos que considere.

Sen noticias do dereito á participación real

O Goberno español, tras tramitar o anteproxecto de lei Transparencia, abriu un prazo para que cidadáns e colectivos presentaran suxestións. En maio o Consello de Ministros dixo que recollera algunhas suxestións, pero nin se dixo cales foran, nin se fixeron públicas, a pesar das solicitudes feitas desde as organizacións pro-acceso. O Goberno tampouco llas trasladou á oposición, tan só puideron acceder a un resumo coa argumentación das achegas cidadás seleccionadas polo goberno. Tres mil seiscentas oitenta e tres, en concreto.

Para Seara isto vai contra a transparencia e contra o dereito á participación real e efectiva. A deputada constata retroceso da dita participación cidadá noutros ámbitos como a parálise da Comisión de Peticións no Parlamento, a dos Consellos de Participación sectoriais e o anuncio de supresión do Consello da Xuventude de España.

Galiza, pioneira na transparencia

Agora que o Goberno central aprobou a súa lei neste eido, as CCAA terán que poñerse mans á obra para desenvolver os seus propios textos. Madrid, Aragón, Valencia, Murcia e A Rioxa (todas gobernadas polo PP) non presentaron aínda ningún borrador.

A Xunta foi, en 2006, o primeiro Goberno autonómico que impulsou unha Lei de Transparencia

Galiza foi a primeira en aprobar unha Lei de Transparencia e Boas Prácticas na Administración Pública e fíxoo por unanimidade en xuño de 2006, cando gobernaban PSdeG e BNG, que a consensuaron co PP. Se ben hai que recoñecer o mérito do bipartito, que rompeu o xeo, non é menos certo que era unha lei que xa naquel entón quedaba obsoleta en comparación coas súas homólogas europeas. A día de hoxe está totalmente anticuada.

A deputada do BNG, Tareixa Paz, afirma que a lei, aínda que incompleta, pretendía ser o primeiro paso dun proceso dinámico, o chanzo que puxera en marcha os instrumentos de transparencia e os fora mellorando. A lei galega nin sequera obriga a esclarecer todas as decisións económicas, pois fóra dela quedan as contratacións, obras, subvencións… o que permite que siga existindo un forte poder de discrecionalidade por parte da administración. Tampouco establece ningún tipo de medida punitiva para os incumpridores da lei.

Outras medidas precisas

A fin última dunha lei de transparencia ten que ser mellorar a calidade democrática e a participación cidadá. En último termo, que os cidadáns se sintan representados e confíen nas institucións nas que delegan por medio do voto.

Malia todo, existen outras medidas que axudarían a ese fin. Serían trocos de tipo lexislativo e executivo: a eliminación da privatización de servizos públicos para o ámbito empresarial, modificar a política de contratos públicos, minimizar as correccións ou modificados nas obras, eliminar as asistencias técnicas que sexan imprescindibles ou que os procesos de administración sexan transparentes e profesionalizados.

Pero o fundamental é que os propios partidos se sometan á lei da transparencia, o que eliminaría o problema da financiamento ilegal. Por suposto, folga dicir que non debemos entender a transparencia como algo iminentemente ligado ao administrativo, senón que debe ser a característica sine qua non de calquera institución democrática e por extensión, de calquera estado democrático

Información pública, accesible e libre: Transparencia

É importante subliñar que a transparencia non se limita a ser un elemento preventivo da corrupción, senón que ademais é un piar básico no funcionamento dun sistema democrático. A súa existencia ou ausencia afecta directamente á relación entre cidadáns e Estado.

A democracia non deixa de ser a participación dos cidadáns nesas institucións ás que eles, coa súa soberanía lles deron poder. Por iso temos dereito a coñecer o comportamento da Administración cando sexa a nosa vontade e a participar na toma de decisións do Estado. Amósase indispensable en etapas de crise porque reduce a incerteza e aumenta a preditibilidade das decisións gobernamentais. Polo tanto, tamén reduce o risco, aumenta o crecemento económico e, polo tanto, a xeración de emprego produtivo.

Porén, unha actitude transparente non aparece por xeración espontánea. Nela debe contribuír, de xeito inequívoco, a masa funcionarial dun estado. E para iso non son precisos só funcionarios íntegros, senón un sistema de incentivos e garantías que fomente tal comportamento.

A coxuntura política actual constitúe o ambiente idóneo para sentar as bases dunha cultura da transparencia na xestión pública, pois cada vez xorden máis grupos na sociedade civil que reclaman isto ás institucións. As esixencias da cidadanía e a vontade política por facer máis transparente o Estado deberían reforzarse mutuamente e xerar un proceso reformista.

En definitiva, a democracia debe cumprir a seguinte premisa: funcionar na medida que os cidadáns participen de xeito efectivo nos asuntos públicos, non cada 4 anos, senón de xeito permanente. Á súa vez, a premisa anterior só pode cumprirse do seguinte xeito: que o acceso á información pública sexa sinxelo, efectivo e libre. E todo iso resúmese nunha palabra: transparencia.

O proxecto dependeu da vicepresidenta Sáenz de Santamaría © Goberno de España

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.