Trinta ex ministros únense para defender a unidade de España e a Constitución

José Bono, ex ministro e impulsor da fundación © Congreso dos Deputados

Pola Constitución e a unidade de España. Trinta ministros que formaron parte de anteriores gobernos do Estado (con UCD, PSOE ou PP) veñen de crear unha fundación, impulsada por José Bono e Eduardo Zaplana, para a defensa dos valores que recolle a Carta Magna.

Bono e Zaplana son os impulsores da Fundación España Constitucional

A iniciativa xorde logo dun encontro celebrado hai meses e no que os ex ministros acordaron facer algo para defender os que consideran valores de igualdade, unidade, liberdade e solidariedade recollidas na Constitución. A Fundación España Constitucional sae principalmente do impulso de Bono e Zaplana, que apostan pola necesidade de que PSOE e PP cheguen a grandes acordos para salvagardar a unidade de España.

Elena Salgado ou Ángel Acebes tamén apoian esta iniciativa que defende a unidade de España

Pero non só Bono e Zaplana apostaron por esta fundación, senón que outros moitos deron importantes apoios, como Ángel Acebes, ministro durante os gobernos de Aznar, ou Elena Salgado, vicepresidenta e ministra de Economía con Zapatero, e María Antonia Trujillo, que ocupou a carteira de Vivenda, así como ex membros do Executivo de Felipe González como Carlos Solchaga, titular do Ministerio Economía e Facenda, ou Javier Gómez Navarro, que ocupou a carteira de Comercio.

Tamén apoian esta iniciativa ex ministros históricos de UCD como Marcelino Oreja, que fora presidente da formación e comisario europeo de Transporte e Enerxía; Rodolfo Martín Villa, ministro de Gobernación no Goberno entre 1976 e 1979; ou Jaime Lamo de Espinosa, ministro de Agricultura de 1978 a 1981.

A Fundación España Constitucional, segundo reflicten varios medios, ten o obxectivo de difundir os valores de liberdade, unidade e solidariedade recollidos na Carta Magna de 1978 e fomentar a convivencia entre españois. Para iso, empregará a experiencia desta trintena de ex ministros, así como de informes, estudos e iniciativas que sirvan para impulsar a defensa da Constitución.

José Bono, ex ministro e impulsor da fundación © Congreso dos Deputados
Zaplana e Acebes, xunto a Aznar e Rajoy no Congreso © Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.