Un ano de Marea Atlántica: da Ribeira do Cómaro a María Pita

Manuel Rivas, na presentación da Marea Atlántica © Marea Atlántica

#DeHoxeNunAno. Con esta etiqueta, a Marea Atlántica conmemora o aniversario do nacemento público e presentación ante a cidadanía dun espazo de confluencia que tan só doce meses despois goberna a cidade logo de ser unha das grandes sorpresas das eleccións municipais e de inspirar outras mareas que acadaron tamén a alcaldía en varios municipios galegos. Desde aquel concorrido acto na Ribeira do Cómaro até o pazo de María Pita. En 365 días

Marea Atlántica presentouse á cidadanía nun acto público hai hoxe un ano

"Coruñesas e coruñeses de idades, biografías e perspectivas diferentes sacamos as nosas mans dos petos e unímolas outra vez máis. [...] Desde aquela somos máis mans e témolas máis arrexuntadas. E a Marea foise convertendo en trenza da xente do común", lembra a plataforma agora que volve "á beiramar, ao pé das Lapas e da Torre", e repasa "en fraterna comuñón o moito labor desenvolvido". 

"Conquistamos o goberno da cidade e o corazón de moita xente para quen queremos traballar porque non temos outros superiores aos que render contas. O noso consello de administración é o ben común do 99%", asegura a Marea Atlántica, que tan só unhas semanas antes daquel acto iniciático do 22 de xullo de 2014 lanzara un manifesto que foi xuntando sinaturas -ata máis de 2.500-, acadando o aval cidadá e "diluíndo" nas súas augas diversas formacións políticas e movementos sociais que deron lugar a case 37.000 votos -a tan só uns poucos do PP-, dez escanos e a formación dun goberno co apoio na investidura de PSdeG e Bloque.  

"Se seguimos de mans dadas e se nos sinalades o camiño –rectificando cando for preciso- conseguiremos os nosos obxectivos", di a plataforma

"Non vai ser fácil o traballo que temos por diante pero se seguimos de mans dadas e se nos sinalades o camiño –rectificando cando for preciso- conseguiremos os nosos obxectivos conforme o noso programa, o código ético e as lexítimas expectativas dunha cidade mellor, con máis rigor democrático, con máis xustiza social", advirte agora a Marea, que se recoñece "máis vigorosa", pero tamén con "máis responsabilidade" e advertindo que "aínda precisa máis mans". 

Foron varias persoas do movemento social, sindical e veciñal da cidade as que impulsaron pouco antes daquel acto da Ribeira do Cómaro un manifesto que contou co apoio de ilustres como o escritor e xornalista Manuel Rivas. A Marea Atlántica aparecía no Estado case ao mesmo tempo que Guanyem Barcelona (agora Barcelona en Comú) e foi referencia en Galicia de entre os espazos de confluencia partidaria e cidadá. Sumou miles de sinaturas, creou mareas de barrio e sectoriais, percorreu a cidade e foi sumando apoios, tamén os de Ada Colau. Conseguiu en poucos días 12.000 euros para a campaña a través dunha colecta por internet e destapou o asociacionismo e activismo coruñés tantas veces agochado ou censurado. E todos os partidos que sumaron o seu apoio (EU, Anova, CxG, Equo ou Espazo Ecosocialista) implicáronse na vitoria, tamén -e activamente- Podemos, a pesar de que nas primarias os seus candidatos quedaron relegados a postos testemuñais da lista. A visita de Pablo Iglesias á Coruña supuxo un impulso clave na súa carreira electoral.

A Marea rachou tópicos sobre A Coruña e lanzouse a por un goberno municipal que durante os últimos catro anos en mans do PP  estivera salpicado de corrupción, Pokémon e Pikachus ou de polémicas e millonarias obras que chegaban á vez que crueis desafiuzamentos que saltaron a todas as portadas. E por consenso -e ratificado nas súas primarias- optou por un candidato -e actual alcalde, Xulio Ferreiro- ao que adoitan recoñecerlle aquilo que el sempre lembra: "temos que seguir sendo xente normal". 

Agora, desde o goberno local intenta aplicar "sentidiño", pero vai cumprindo co programa, ben sexa en decisións simbólicas ou noutras de máis calado. Ferreiro estreouse rexeitando acudir á ofrenda relixiosa dos alcaldes das cidades do antigo Reino de Galicia e o seu goberno vén de retirar a subvencións ás touradas, que supoñen a fin das corridas na Coruña. Ao tempo, acadou un acordo de organización que dá á oposición moitos máis medios e posibilidades das que gozaba e afrontou -e aclarou- a situación de penuria económica na que atopou o Concello, ademais de deitar luz sobre numerosos "problemas" que se descubriron no consistorio "cada vez que se abre unha carpeta". Destapou polémicas axudas institucionais das que gozaban certames como o das casas rexionais, suspendidas polo elevado custo que supuñan á administración local. E iso espertou as protestas pouco sorpresivas de certos sectores. 

"Con algúns poderes fácticos remisos ou contrarios á nosa maneira de facer, só nos queda, como aos mariñeiros, usar as mans guiadas polas cabezas que as gobernan"

"Carentes de poder, con limitados recursos, con algúns poderes fácticos remisos ou contrarios á nosa maneira de facer, só nos queda, como aos mariñeiros, usar as mans guiadas polas cabezas que as gobernan", di a plataforma, que aposta por ir "sumando e vencendo dificultades para servir de ferramenta á cidadanía" porque "a ilusión é un territorio propio dos mareantes", e por "non claudicar cando as cousas veñan mal dadas".

"Sabemos que o pobo –vós e nós- é quen máis ordena. Que o siga sendo de hoxe nun ano. E que todas o vexades e o fagades posible", remata a Marea Atlántica, que hoxe hai un ano comezaba aquela singradura de "dornas solidarias no temporal", tal e como dixo Manuel Rivas. "Unha marea solidaria de milleiros de dornas mentres outros pelexan polos mellores camarotes do Titanic sen saber que está a afundir", advertía o escritor que, tan só dez meses despois, tocaba a buguina para celebrar a vitoria electoral da plataforma o 24 de maio. 

Xulio Ferreiro, co bastón de mando © Andy Pérez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.