Un ano tras a campaña na que Feijóo non perdeu

Feijóo, nun mitin de campaña na Coruña © PPdeG

O 5 de outubro de 2012 era a primeira xornada da campaña electoral en Galicia. Era unha carreira electoral atípica, con varios novos actores e aínda máis interrogantes. Como lle afectaría ao BNG a irrupción da Alternativa Galega de Esquerda encabezada por Xosé Manuel Beiras? Resistiría o PSdeG de Pachi Vázquez a debacle xeral do seu partido? Faría Mario Conde algo máis que espectáculo? E, sobre todo, revalidaría o PP a maioría absoluta ou habería lugar para unha alianza da esquerda e do nacionalismo que compuxese un Goberno alternativo? Todas estas preguntas estiveron sobre a mesa durante dúas semanas tras as que, como prognosticaban algunhas enquisas ao inicio, Alberto Núñez Feijóo non perdeu.

Pola banda do partido conservador a carreira cara ás urnas estivo salferida de promesas e dunha calculada distancia de Feijóo a respecto de Mariano Rajoy, con quen apenas compartiu actos e, en ocasións, das propias siglas do PP. O aspirante á reelección salferiu as súas intervencións de promesas centradas na recuperación económica e, máis concretamente, na activación do sector produtivo galego. Así, por exemplo, o actual presidente insistía nos seus mitins en que a nova lexislatura sería a da volta da carga de traballo aos estaleiros, cuns contratos de Pemex polos que o sector aínda está a agardar. Outra das patacas quentes para a industria era o risco de peche de Alcoa se non lograba unha tarifa eléctrica que finalmente chegou e foi anunciada nun mitin do PP. Mentres, a prensa ía perdendo a conta dos apercibimentos que o Executivo recibía por parte da Xunta Electoral.

Feijóo mativo unha calculada distancia a respecto de Rajoy; mentres, recibía advertencias da Xunta Electoral

Neste contexto foi no que chegou un elemento case exótico para as campañas galegas, os debates. PP, PSdeG e BNG pactaron tres ríxidos cara a cara entre os seus respectivos candidatos nos que Feijóo apostou por axitar o medo a unha reedición do bipartito, Pachi Vázquez se presentou como garantía da fin dos recortes e o BNG prometeu un cambio transformador. Neses debates non estiveron forzas como AGE ou Compromiso por Galicia, que se 'colou' nos debates ofrecendo a súa propia lectura das organizacións que ata ese momento sentaban no Pazo do Hórreo: "cero propostas, cero solucións", resumiu Xoán Bascuas.

A polarizada campaña foi tamén a do regreso dos debates televisivos

Coa campaña notablemente polarizada entre o PP e AGE ou, máis concretamente, entre Beiras e Feijóo, as derradeiras enquisas mantiñan os populares na maioría absoluta e dábanlle entrada a Alternativa na Cámara. Socialistas e Bloque insistían: "se nos movemos, o PP perde"; "ás enquisas, nin caso", clamaban. Entre debates sobre o eventual rescate á economía española, o déficit ou Pemex chegaba o final da campaña. A incógnita que permanecía era, en definitiva, unha: cambio ou continuidade?

Perdas de votos e proxectos da nova lexislatura

O 21 de outubro abriron as urnas e, ao peche, as letras de molde falaban de que Feijóo arrasara: en plena crise económica, cun PP desprestixiado e a poboación indignada polos recortes, o líder da dereita galega non só mantiña a súa maioría absoluta, senón que a ampliaba de 38 a 41 escanos. Pero a letra pequena dicía máis cousas. O reforzamento da maioría conservadora non implicou un medre en votos, ao contrario. Tras o reconto do voto emigrante -no que houbo unha abstención do 96%- resultou que o partido do Goberno deixara polo camiño 128.000 votos. Son algúns maís dos 124.000 que perdeu o BNG, pero menos das case 230.000 papeletas perdidas polos socialistas, unha das claves das eleccións. Mentres populares, socialistas e nacionalistas perdían case medio millón de apoios AGE estreábase recollendo 200.828 votos. Ao tempo, todas as forzas miraron con inquietude o crecemento da abstención e do voto en branco, o cal Feijóo resolveu que tamén é "representado polo PP".

As forzas que sentaban no Parlamento antes das eleccións perderon case medio millón de votos

Cos votos recontados e o novo Parlamento composto botaba a andar a novena lexislatura autonómica entre análises do acontecido na pugna electoral, especialmente na banda da oposición. Mentres, ao PP tocáballe desenvolver un programa inzado de promesas, moitas delas aínda por realizar. Así, por exemplo, nada se sabe aínda dos prometidos plans de emprego, da aposta por reactivar os traspasos de competencias a Galicia ou dos devanditos contratos de Pemex. Si saíron adiante xa proxectos comprometidos como a elaboración dun plan para os aeroportos ou o envío ao Parlamento da denominada Lei de Garantías de Prestación Sanitaria, que inclúe unha vía de trasvase de doentes á sanidade privada

Pachi Vázquez, nun mitin no Carballiño CC-BY-NC-SA PSdeG
Jorquera, nun mitin electoral do BNG CC-BY-NC-SA BNG
Beiras, con Yolanda Díaz nun mitin en Ferrol CC-BY-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.