Un defensor de 'La Coruña', á fronte dos informativos de TVE

Julio Somoano © La esfera de los libros

Dous meses e unha semana. É o escaso tempo transcorrido dende que, a finais de abril, o Goberno central lanzase a reforma legal que, en virtude da actual correlación de forzas do Congreso dos Deputados, lle devolve ao PP o control de Radio Televisión Española pola vía da elección do presidente da corporación pública. Nada máis tomar posesión o elixido para ese cargo, Leopoldo González-Echenique, comezou a exercer por unha das áreas dos medios públicos estatais contra as que máis frecuente e duramente cargaron os conservadores na súa etapa de oposición: os informativos. Así, como era agardado por moitos dos profesionais de TVE, o xornalista Fran Llorente é relevado da dirección dos espazos informativos. Mentres Llorente era despedido entre aplausos polos seus compañeiros transcendía que para relevalo González-Echenique decidiu fichar a un dos rostros máis coñecidos de Telemadrid, Julio Somoano, ata agora presentador dos informativos matinais da canle dependente do Goberno de Esperanza Aguirre.

Pero, quen é o elixido? Á marxe da obrigada distinción entre os profesionais da información e os medios nos que desenvolven o seu labor as manifestacións públicas de Somoano nos últimos anos permiten deducir un grao de sintonía bastante elevado co sector máis conservador do gabinete de Mariano Rajoy. Así, por exemplo, hai poucos meses manifestaba as súas dúbidas sobre a "autoría intelectual" dos atentados terroristas do 11M en Madrid. Do mesmo xeito, o tamén filólogo aproveitou a presentación dun libro, no ano 2011, para defender abertamente a utilización de topónimos deturpados nos territorios do Estado con lingua propia diferente do castelán. Ao seu xuízo, o uso dos nomes oficiais e avalados por lei responde a unha "moda do politicamente correcto" que, no caso dos medios de comunicación, só asumen "os xornalistas sen capacidade crítica". Así, dende a súa particular visión, as "diversas Administracións" poden "dicir o que queiran", pero "La Coruña es La Coruña". Obvia Somoano que, á marxe das leis galegas, tamén unha normativa do Estado -aprobada en 1998, co Goberno de Aznar- desbotou o topónimo deturpado, neste caso para a provincia coruñesa, establecendo A Coruña como única forma oficial.

"As administracións poden dicir o que queiran, pero La Coruña é La Coruña", asegura Somoano

Nesa mesma intervención, realizada no marco dun encontro dixital no diario El Mundo, Julio Somoano "defendía" tamén os informativos de Telemadrid fronte ás "acusacións inxustas" de "presunta manipulación". Ao seu xuízo, "repetir un mantra durante anos" sobre un eventual escoramento desa canle cara ao PP e en detrimento da esquerda "non o converte en verdade". "As voces da oposición escóitanse en practicamente todos os informativos", aseguraba meses antes de lanzar ao mercado un dos seus libros máis controvertidas, unha biografía non autorizada do actual secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba. Apenas un mes antes das últimas eleccións xerais, ás que Rubalcaba concorreu como candidato socialista, o novo responsable dos informativos de TVE consideraba que falar de Rubalcaba "é sinónimo de caer en desgraza", xa que "a maioría de España lle ten medo" por ser un personaxe "maquiavélico".

A incorporación de Julio Somoano, que previsiblemente presentará tamén un Telediario, é a primeira, pero non a única acción dos novos xestores de RTVE que amosa ás claras un claro rumbo na corporación, recoñecida publicamente nos últimos anos por diversos organismos internacionais por, entre outros aspectos, a calidade e imparcialidade dos seus informativos. De agora en diante Radio Nacional de España queda baixo a dirección de Manuel Ventero, isto é, do que fora director de informativos de RNE durante a lexislatura na que José María Aznar gobernou con maioría absoluta.

Julio Somoano © La esfera de los libros

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.