"Un ERE encuberto na sanidade pública galega"

Protesta contra os recortes no Sergas © SOS Sanidade Pública

"Un ERE encuberto na sanidade galega". Iso é o que denuncia o PSdeG, a través da voceira do grupo na materia, Carmen Acuña, que denuncia que a Xunta está a levar a cabo unha redución masiva de emprego "a través de imposición de xubilacións forzosas a todos os médicos ao cumprir 65 anos". Segundo os socialistas, estas prazas quedan logo vacantes, o que explicaría as previsións do Goberno de "retirar do sistema 800 profesionais entre 2009 e 2015".

O PSdeG denuncia que a Xunta aplica un "ERE encuberto" impoñendo xubilacións forzosas a maiores de 65 anos, sen cubrir as súas vacantes

Por iso, a deputada socialista levou unha serie de iniciativas ao Parlamento de Galicia para que a Xunta explique diante do pleno "a súa teima polas xubilacións”, que estaría a provocar a “devaluación da sanidade pública irrecuperable a curto e medio prazo”. Carmen Acuña sinala que, ao tempo que os profesionais son xubilados, o Executivo galego négase a repoñer as súas prazas con novos profesionais.

Os socialistas lembran que o Goberno oponse incluso a repoñer o mínimo do 10% de prazas que permite a Lei

Do mesmo xeito, o PSdeG advirte que a Xunta oponse mesmo a repoñer o mínimo do 10% das prazas que permite a Lei, provocando “a perda dun número moi importante de traballadores para o sistema público de saúde”. Ante esta situación, os socialistas alertan de que a complexidade dalgunhas das especialidades afectadas obriga a empregar “moitos anos para chegar unha completa e sabia visión das mesmas”.

Acuña sitúa este "ERE encuberto" na política de recortes da Xunta e lembra que o Goberno galego xa confirmou a finais do ano pasado que as súas previsións eran de xubilar a un total de 800 profesionais entre os anos 2009 e 2015, nunha “estratexia descarada de empeorar a calidade da sanidade pública para impulsar a privada”. Nesta denuncia coinciden sindicatos e oposición, que levan meses denunciando este deterioro e manifestándose ante os continuos recortes sufridos nos hospitais e centros de saúde galegos.

Carmen Acuña acusa a Xunta de executar un “ERE descapitalizador do sistema sanitario público” en cantidade e calidade, “botando fóra a elite dos profesionais”. "Aínda que podían ampliar o exercicio ata os 70 anos, hoxe son botados de mala maneira, empurrados a marchar para que os absorba o sistema privado”, remata.

Manifestación contra a privatiación da sanidade CC-BY-SA Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.