Un grupo de militantes aviva a dicotomía de Máis Galiza ao apostar pola permanencia no BNG

Aymerich intervén ante a Asemblea Nacional do Bloque CC-BY-NC-SA BNG

Dous bloques dentro dunha formación que non decidiu se permanecer ou non dentro do Bloque Nacionalista Galego (BNG). Máis Galiza afronta unha semana decisiva que a levará ben a seguir os pasos do Encontro Irmandiño, ben a subscribir a opción de Carlos Aymerich. Unha terceira proposta de resolución urxente vén de facer máis evidente a dicotomía que existe dentro de +G sobre este aspecto. Manifesto asinado por unha vintena de militantes que aposta por seguir dentro do BNG pero cun condicionante que, en calquera caso, non é menor.

Ao seu entender o Bloque debe crear "un novo marco de convivencia" de maneira inminente, de xeito que "antes" das eleccións autonómicas se asuma que hai "dous grandes proxectos" que conflúen no BNG. Seguir, pero con cambios dentro dunha estrutura fundamentalmente controlada pola UPG.

Os asinantes desta terceira alternativa son: Francisco Xavier Cerqueira Villarroel (militante de Vigo) Manuel Monge González (militante da Coruña), Eduardo Fernández Abel (militante de Lugo), Ramón Antonio Iglesias Ferreiro (militante de Bergantiños), María Teresa Castro Villaverde (militante da Costa da Morte),Carmen Martinez Corbalan (militante de Vigo), Mª Teresa Guiances Coto (militante Vigo), Cristina Fernandez Piñeiro, (militante do Val Miñor), Inma Oriol Janeiro (militante da Mariña), Ramón Veras Castro (A Coruña), Mónica Castro Nogareda (militante da Laracha), Raúl Francés Rodríguez (militante do Condado), Benedicta Exposito(Militante Vigo) Cristina Martínez Souto (militante do Baixo Miño), Dominga Brion (miltante da Barbanza), Mari Luz Álvarez Lastra (militante da Mariña), Ana María Martínez Fernández (militante da Mariña), Mercedes Giráldez Santos (militante do Morrazo).

 

A proposta

Na opinión destas persoas que subscriben, apoian e asinan esta proposta de resolución, "a XIII AN non serviu para pechar a crise na que o BNG leva instalado desde hai anos". Entenden que, "lonxe de construír unha base sólida sobre a que asentar a convivencia entre os dous grandes proxectos nacionalistas as teses e a actitude da dirección persisten nunha clarificación ideolóxica dificilmente compatíbel coa pluralidade que debería ser consubstancial ao BNG". Estes militantes entenden que os problemas non só están na casa do BNG, senón tamén na propia: "Tamén en +G se viven momentos de incerteza diante da nosa asemblea do 11 de marzo onde se vai propor deixar de ser corrente no BNG para acadar maior autonomía de acción e incidencia política".

Un dos puntos nos que fai máis fincapé esta proposta é o da "coherencia". Aseguran os militantes que a subscriben que Máis Galiza foi creada para "cambiar o BNG desde dentro" e que, despois da pasada asemblea, cómpre "non dar a mensaxe" de que "marchamos porque perdemos". "Iso nos debilita como proposta real de cambio", inciden. Malia todo, a presentación para a votación desta proposta non implica que haxa "medo" a deixar o Bloque: "simplemente supón actuar con prudencia, darnos tempo para marcar unha estratexia que nos posibilite a construír o instrumento axeitado e posteriormente tomar as decisións que como partido político constituido consideremos máis oportunas".

Proposta de resolución

En definitiva, este colectivo de militantes aposta, e así o propón ao resto de persoas que integran Máis Galiza, que esta "siga a traballar dentro do BNG para lograr un novo marco de convivencia de tal xeito que, antes das próximas autonómicas, se logren avances serios, reais, públicos e verificábeis no sentido de sentido de asumir que no nacionalismo galego hai dous grandes proxectos e que, para conviviren na mesma organización, esta dualidade ten que se reflectir a todos os niveis".

 

Xoán Bascuas, á esquerda, nunha imaxe de arquivo © BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.