Un grupo de militantes de CxG pide desbotar as urxencias electorais e presentarse en solitario

Logo de Compromiso por Galicia © CxG

Nunha fin de semana que será determinante para coñecer que grupos se presentan finalmente ás eleccións e con que fórmulas, un novo texto público se engade aos xa coñecidos. Fronte a outros chamamentos á unidade entre CxG e Anova, un grupo de militantes e simpatizantes de Compromiso por Galicia amosa a súa preferencia por que a súa formación acuda en solitario ás eleccións, ou cando menos rexeitan de plano as propostas de fronte ampla de Anova e Esquerda Unida, á que desbotan, rexeitando "vencellos e subordinacións a estruturas de fóra do noso país".

O texto fai fincapé sobre todo na necesidade de que Compromiso priorice o fortalecemento do seu proxecto ás urxencias electorais

O texto fai fincapé sobre todo na necesidade de que Compromiso priorice o fortalecemento do seu proxecto ás urxencias electorais. Os asinantes afirman estar "preocupados" polo "cruce de declaracións absurdo entre representantes do noso colectivo e outros" e alertan de risco de "diluír o proxecto político de Compromiso por Galicia nun maremagnum de siglas, de personalidades pretéritas do nacionalismo, de reivindicacións maximalistas e de ortodoxias afastadas do sentir maioritario da pobo galego". Conclúen que "acadar representación parlamentaria, a cambio de renunciar ó que de radicalmente anovador ten Compromiso, representa para nós un absurdo tal como fabricar o mango dunha machada coa madeira da derradeira árbore".

O texto realiza finalmente unha sintese de requisitos mínimos dunha alianza electoral, que alén do devandito rexeitamento á inclusión de forzas estatais, e a súa defensa da elección dos candidatos en primarias, aposta por "elaborar un programa político orientado á Xunta de Galicia, co seu nivel actual de competencias e as súas capacidades económicas, normativas e políticas", un programa que sería "transformador, orientado a incrementar as oportunidades económicas individuais e coletivas dos galegos e galegas, o benestar e as capacidades políticas, así como a participación cidadá na praza pública, mais nunca orientado á ruptura institucional nin a conflitividade social".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.