Un grupo de militantes mozos de CxG e Anova pide unha coalición entre as dúas forzas

Noriega, Bascuas, Cuiña e Hermida, nun coloquio en Santiago CC-BY-SA Praza Pública

O texto, asinado polo de agora por unha vintena de persoas, avógase por un acordo entre Compromiso por Galicia e Anova para acudir unidos ás eleccións, en termos semellantes á proposta formal que este xoves realizou CxG. Os mozos e mozas asinantes afirman defender esta opción "a título persoal e como un sentir estendido nas nosas respectivas organizacións".

Propoñen un programa común baseado na defensa do autogoberno, do Estado de benestar e a "radicalidade democrática"

Defenden a construción dun "referente electoral único e xenuinamente galego" e cualifican a unidade de acción electoral entre ambos proxectos políticos "total e absolutamente necesaria nun contexto como o que estamos a vivir, de recentralización no ámbito nacional e de agresión ao conxunto da cidadanía no ámbito social".

Así mesmo, propoñen a confección dun programa de mínimos con tres piares: "o reforzamento da identidade nacional de Galiza e do seu autogoberno", a "blindaxe dun ensino e dunha sanidade públicas como piares da Sociedade do Benestar" e a "radicalidade democrática, concretada na defensa da democracia e nunha nova forma de facer e entender a política". Finalmente, defenden que os candidatos se escollan “de abaixo a arriba” cun proceso de listas abertas "no que poderán participar os militantes, simpatizantes e a cidadanía que así o desexe".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.