Un novo fallo de sinalización cun Alvia volve pór o foco no estado do tren convencional mentres se remata o AVE

Estación de Pedralba (Zamora) na que o pasado 1 de xullo ocorreu o incidente agora revelado Dominio Público Google Street View

O pasado 1 de xullo un tren Alvia entre Madrid e Galicia viuse novamente afectado por un fallo na sinalización que fixo que se activasen as balizas de freado de emerxencia, esta vez na localidade zamorana de Pedralba de la Pradería, entre Puebla de Sanabria e o límite con Ourense. A Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) vén de abrir unha investigación sobre o incidente, que non causou danos persoais e do que non se informou no seu momento.

A menos de sete quilómetros dese punto, na estación de Puebla de Sanabria, produciuse hai un ano outro incidente con outro Alvia Madrid-Galicia por outro fallo da sinalización que non acabou nun descarrilamento grazas aos reflexos do maquinista. Tamén supuxo a apertura doutra investigación da CIAF aínda non rematada.

Fomento vén de abrir unha investigación sobre un incidente en Sanabria, que Adif atribúe a unha treboada, preto de onde ocorreu outro hai un ano por un “deterioro non previsto nos materiais”

Adif, a empresa pública dependente de Fomento que xestiona as vías, asegura que as dúas incidencias “non teñen ningunha relación entre si” ao deberse en principio a do pasado xullo “a unha sobretensión das instalacións ferroviarias, debido ás fortes tormentas acaecidas” mentres que a de hai un ano atribúese a “un deterioro non previsto nos materiais”. Adif tamén asegura que “en ningún caso existe relación entre os traballos de construción da liña de alta velocidade Madrid-Galicia e a seguridade do tráfico ferroviario na liña de ancho convencional”, pero avanza que a seguridade na liña actual será mellorada “nun prazo breve cando finalicen as obras da alta velocidade”.

A incidencia do pasado 1 de xullo, segundo Adif, debeuse a unha sobretensión eléctrica debida ás tormentas que “provocou que a indicación dos sinais da estación [de Pedralba] non se correspondera coa indicación das balizas de control de tráfico correspondentes”. “Ao non concordar a sinalización coa indicación das balizas ASFA, os sistemas de seguridade activáronse correctamente, provocando o freado de emerxencia do tren”, explica a empresa pública.

Pola contra, a incidencia rexistrada hai un ano a menos de sete quilómetros dese punto, na estación de Puebla de Sanabria, atribúea Adif a “un deterioro non previsto nos materiais”. Un Alvia Madrid-Ferrol que non tiña que deterse na estación circulaba a 90 quilómetros por hora pola vía principal. Malia que a sinalización non o indicaba, unha das agullas da estación estaba disposta para desviar o tren a unha vía secundaria, operación na que a velocidade máxima permitida é de só 30 quilómetros por hora. O maquinista do Alvia decatouse visualmente de que as vías estaban configuradas para o desvío malia que non llo indicara previamente a sinalización e activou o freo de emerxencia evitando un descarrilamento.

Adif asegura que “en ningún caso existe relación entre os traballos de construción do AVE e a seguridade na liña convencional”, pero avanza que esta será mellorada “nun prazo breve cando finalicen as obras da alta velocidade”

Segundo o relato inicial dos feitos da investigación da CIAF, esa madrugada producírase un fallo de enerxía. Mentres durou, o persoal de tráfico accionara manualmente dúas agullas para que puidese saír un tren sen que ao volver a enerxía a sinalización rexistrase ese cambio de configuración dos desvíos. Tras detectar o “deterioro non previsto nos materiais”, Adif di que renovou “as pezas que fallaron” con “compoñentes máis modernos e de maior capacidade”. Pero tamén admite que tanto en Puebla de Sanabria como en Pedralba “está prevista a substitución do encravamento [as instalacións de seguridade das estacións] nun prazo breve cando finalicen as obras da alta velocidade”.

Con independencia de que as anteditas dúas incidencias agora baixo investigación non tivesen relación coas obras do AVE, a cuxo remate condiciona Adif en todo caso melloras da seguridade da liña convencional, os traballos si están a provocar interferencias na circulación dos trens actuais. Maquinistas que circulan habitualmente entre Madrid e Galicia sinalan que nos puntos en que as obras do AVE se realizan nas proximidades da liña convencional actual veñen producíndose modificacións das velocidades de circulación nesta última así como da sinalización, balizas e sistemas de seguridade e control do tráfico. A comezos deste ano La Voz de Galicia xa contou como os condutores dos Alvia Madrid-Galicia teñen que enfrontarse a numerosas limitacións da circulación provocadas por todo tipo de obras en marcha ou polo mal estado da vía convencional.

Obras do AVE vistas desde un tren que circula pola vía convencional nas proximidades de Pedralba [CC BY-SA Praza Pública]

En 2015 nas proximidades de Toro un maquinista dun Alvia Madrid-Galicia non puido ver uns sinais nunha zona en obras para o AVE porque "se encontraban xirados cara ao campo"

O caso máis significativo de interferencias das obras do AVE sobre os servizos convencionais entre Madrid e Galicia produciuse en outubro de 2015 nas proximidades de Toro (Zamora). Segundo concluíu a investigación que realizou no seu momento a CIAF, un Alvia Madrid-Ferrol saltouse unha parada técnica que tiña que efectuar na estación de Monte la Reina, entre Toro e Zamora, como precaución por obras que se estaban a realizar na vía máis adiante. A investigación concluíu que houbo un erro humano do maquinista por non cumprir coa súa obriga de circular por esa zona en función do que lle fosen comunicando por teléfono, sistema de control do tráfico alternativo imposto polas obras, que desactivaran outros. Porén, a CIAF considerou “factor coadxuvante” do incidente “a situación dos sinais [semáforos que tamén terían indicado ao maquinista que tiña que deterse], que se encontraban xirados cara ao campo, incumpríndose o disposto”. Alguén xirara os semáforos e o maquinista non puido ver que lle indicaban que se detese.

Malia considerar que a causa directa do incidente de 2015 foi un “erro humano” do maquinista, a investigación sinalou como incorrecta a análise de riscos realizada por Adif, elemento que tamén está en cuestión no accidente de Angrois

Malia considerar que a causa directa dese incidente foi un “erro humano” do maquinista, a investigación sinalou como incorrecta a análise de riscos realizada por Adif, empresa pública á que tamén pediu máis detalle nas súas indicacións ao persoal sobre os efectos que as obras poden ter sobre todas as instalacións de seguridade.

A análise de riscos realizada por Adif tamén está en cuestión no accidente do Alvia en Angrois do 24 de xullo de 2013. Malia que no treito de AVE Ourense-Santiago no que ocorreu o accidente non había obras en curso, a situación existente na curva de Angrois era produto de que aínda non remataran outras obras do AVE galego. A sinalización alí existente, incapaz de evitar o sinistro, fora deseñada en función de que ese punto é o entronque entre o treito de AVE xa rematado entre Ourense e Santiago e a liña A Coruña-Santiago-Vigo daquela aínda en obras. A sinalización definitiva de Angrois unha vez rematadas as obras desa segunda liña aínda está a ser implantada agora.

Expediente que vén de abrir a Comisión de Investigación de Accidentes Feroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.