Unha empresa da trama Zeta recibiu un 30% máis de axudas tras o retorno do PP á Xunta

Gerardo Crespo © CAYPE

As revelacións da Operación Zeta, a suposta trama corrupta de falsos cursos de formación, atenaza o Goberno galego e, moi especialmente o seu presidente. A presunta actuación dun amigo persoal de Alberto Núñez Feijóo, o empresario Pachi de Lucas, como ligazón entre Gerardo Crespo e diversos cargos políticos, isto é, como 'conseguidor', irrita o xefe do Executivo mentres a oposición reitera a petición de explicacións. Ante estas esixencias o Goberno galego vén insistindo en dous argumentos: que a investigación comezou a instancias da propia Xunta -realmente foron dúas ex traballadoras dunha das organizacións investigadas as que foron inicialmente á Policía- e que o bipartito de PSdeG e BNG achegou máis fondos ás entidades de Crespo que o PP. Malia estas afirmacións, os datos oficiais amosan que algunha das compañías presuntamente utilizadas para defraudar o erario viron incrementadas as súas subvencións ao retornar os conservadores ao poder.

Dende o ano 2006 o Consello de Contas detalla, na súa fiscalización anual da conta xeral da Xunta, as transferencias e subvencións que Goberno galego realiza ás empresas privadas, sempre que estas achegas sexan superiores a 150.000 euros. Ata o momento os informes do organismo fiscalizador chegan ata o ano 2012, o que permite realizar unha análise de sete exercicios económicos concretos. Deste repaso cabe concluír que, cando menos unha das empresas dirixidas por Gerardo Crespo, Gecreri, viu incrementadas as súas subvencións nun 30% no primeiro ano completo con Feijóo na Presidencia e Beatriz Mato na Consellería de Traballo. Nese mesmo ano a achega media da Xunta a empresas privadas incrementouse nun 10%.

Gecreri obtivo 470.000 euros en 2010 e 360.000 euros en 2009, segundo o Consello de Contas

Sen prexuízo de que puidesen recibir outras achegas de menor contía, o cómputo de axudas superiores a 150.000 euros indica que Gecreri obtivo no ano 2010 470.325,48 euros. No 2009, no que a Xunta estivo dirixida pola coalición de PSdeG e BNG ata mediados de abril, as axudas públicas que recadara foran de 360.699,13 euros. Un ano antes, o derradeiro completo do bipartito, Gecreri logrou 202.717,62 euros mentres que outra das empresas agora investigadas, Azetanet, tivo unha achega de 268.546,33. En 2006 e 2012 non figuran axudas ningunhas de máis de 150.000 euros a estas compañías mentres que en 2011, ano no que comezou a investigación da trama, os fondos foron 411.723,18.

Estas cifras próducense nun contexto no que, ademais, e ao contrario do afirmado polo propio presidente, as organizacións presuntamente corruptas seguiron recibindo subvencións da Xunta cando xa eran investigadas, como xa informou Praza Pública. Así, aínda que Feijóo asegura que tras "sospeitar da utilización incorrecta" das axudas "decidimos cortar todo tipo de contrato coas empresas implicadas por supostas irregularidades", o certo é que na relación de subvencións concedidas pola Consellería de Traballo en 2013 figuran máis de 80.000 euros para Azetanet: 51.000 para un curso de asistencia á dirección e 32.600 para outro de atención a persoas dependentes.

Entidades de Crespo seguiron tendo axudas públicas cando xa eran investigadas pola presunta fraude

Asemade, catro meses despois de que a Xunta se dirixise á Fiscalía para notificar as irregularidades detectadas na xestión de cursos de formación, en 2012, outra das entidades de Crespo, AED Galicia, obtivo unha axuda de 8.100 euros para a prevención de riscos laborais. Do mesmo xeito, como detallou este diario, a finais do verán de 2009 o actual Goberno aprobou unha ampliación de crédito para financiar plans de emprego, fondos que tamén beneficiaron a entidades da trama: AED e Fundefo. Aínda que Feijóo e o PP tamén atribúen estas axudas ao bipartito a Consellería de Traballo presentounas en 2010 como parte do "plan de choque" contra a crise que impulsaba o presidente da Xunta.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Gerardo Crespo © CAYPE

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.