Que o proceso congresual non capitalice o discurso público do PSdeG. É a reclamación que, máis ou menos explicitamente, lanzou este luns o secretario xeral dos socialistas galegos, Pachi Vázquez. Despois de que, na última semana, a aprobación do sistema de primarias consultivas derivase nun cruzamento de declaracións entre defensores e detractores do modelo aprobado para renovar o liderado do partido, Vázquez sae o paso para instar a deixar dentro do partido os posibles desencontros.
"Os problemas do partido resolveranse dentro do partido", resumiu Vázquez este luns, a preguntas da prensa nos corredores do Parlamento, onde previamente se reunira con representantes dos sindicatos agrarios galegos. Cuestionado polas críticas dos grupos internos que consideran que non está garantida a elección da secretaría xeral por parte da militancia, o líder socialista advertiu de que o PSdeG ten "perfectamente estipulados os seus procesos", se ben, "por repecto" ás persoas que están a pasar unha situación social e económica "desesperada", non centrará as súas declaracións públicas na cuestión.
Vázquez insta a relegar o debate interno por "respecto" ás familias en situación "desesperada"
"Por respecto ás 60.000 familias [do rural] que están desesperadas vou falar do agro, dos sindicatos e da xente que non pode chegar a fin de mes, que non teñen cartos para pagar os pensos e que non conseguen ver unha saída porque teñen que vender o leite por baixo dos custos de produción", abondou Vázquez. Este chamamento interno prodúcese pouco despois de que o propio secretario xeral considerase que o sistema de elección "en urna e secreto" supón "un avance "un avance sen precedentes no camiño da participación e da transparencia".
Este é o clima interno no que comezará a traballar a comisión paritaria que, formada por membros das Executivas nacional e federal dos socialistas, redactará o "regulamento ad hoc" para as primarias consultivas. Sobre este procedemento a vicesecretaria xeral do PSOE, Elena Valenciano, aseguraba hai poucos días en Televisión Española que a "fórmula" adoptada é "moi parecida aos caucus americanos" ao tempo que deixou caer os seus receos xa que "hai que aprender a traballar coas regras". Do mesmo xeito, Valenciano obviou a José Ramón Gómez Besteiro para sentenciar que "de momento non hai candidatos" a suceder a Pachi Vázquez.