A sorte está botada para os candidatos á secretaría xeral do PSdeG. Os 460 delegados chamados a elixir entre Pachi Vázquez votan despois de escoitaren senllos discursos nos que o candidato á reelección optou polo ton institucional e Espinosa por tentar explicitar contradicións no seu rival, todo entre un ambiente no que os partidarios de ambos se esforzaron en amosar forza a base de aplausos e coreos, pero tamén na propia posta en escena. Así, cando Vázquez foi chamado á tribuna para intervir, Espinosa irrompeu no plenario rodeada de varias dirixente socialistas. A continuación entrou o aínda secretario xeral, vencendo no primeiro aplausómetro.
Como na presentación do informe de xestión, Pachi Vázquez evitou o corpo a corpo e preferiu lanzar mensaxes máis ou menos subliminais á súa opoñente que, en todo caso, non ocuparon unha parte fundamental do discurso. No que puido ser interpretado como unha mensaxe de ruptura cara a quen foi un dos seus principais valedores, José Blanco, o do Carballiño prometeulles aos seus un partido sen "paternalismos que nos veñan dicir o que temos que facer", un "proxecto sen ningún tipo de tutela, que sexa el mesmo o que tome as decisións". Este, di, é "un modelo que ás veces me dá dores de cabeza" pero que deriva no "traballo en equipo, cohesionado e unido" e "que pensa en galego" dende "a esquerda, cos valores da liberdade, da solidariedade e da igualdade".
Vázquez reivindica un partido "sen paternalismos, que non nos veñan dicir o que temos que facer".
Xunto a esa reivindicación da esquerda e do galeguismo, Vázquez, que interveu en primeiro lugar tal e como determinou o sorteo previo, tomou como propios algúns dos asuntos máis controvertidos do Congreso Federal do PSOE: "eleccións primarias para elixir a persoa máis capacitada que teña posibilidades de gañarlle á dereita" ou "listas abertas", promesas que despois aproveitaría Espinosa, no treito máis combativo da súa intervención. "Primarias, sen ningunha dúbida, listas abertas, tamén. Listas abertas, por certo, non vale dicilo hoxe, non vale votar unha cousa en Sevilla e dicir aquí que se vai facer. Non vale dicir unha cousa nun sitio e outra, noutro", sinalou, entre os aplausos dos seus partidarios.
Espinosa: "Primarias si e listas abertas tamén, pero non vale votar unha cousa en Sevilla e outra aquí"
Se este foi un dos treitos máis aplaudidos das palabras de Espinosa, Vázquez logrou espertar un auditorio que desconectara no treito de críticas ao Goberno de Feijóo con propostas en clave de "progreso". "Recuperar a nosa lingua como elemento que nos une" despois de que o PP tentase "destrozala", garantir unha "sociedade laica", con "neutralidade relixiosa en todos os actos públicos" ou rematar cos "privilexios hipotecarios dos bens da Igrexa, que ten que pagar como todos", foron algunhas das promesas dunha alocución con aire de investidura que logrou enganchar os partidarios do candidato á reelección.
Pola súa banda, o momento álxido de Espinosa chegou en dous puntos: a referencia ás mulleres, "que hoxe queremos dirixir o socialismo galego" e, sobre todo, a mención ao que situou como referente fundamental do seu proxecto "galeguista e socialdemócrata", "ese leal amigo que se nos foi hai poucos meses, Isaac Díaz Pardo", unha lembranza que logrou pór en pé á práctica totalidade dos presentes.
Malia á luva branca que caracterizou a campaña interna, os discursos remataron con berros de "Elena, Elena" seguidos polos de "Pachi, Pachi". O alcalde de Lugo e presidente do Congreso, Xosé López Orozco, optou pola distensión: "Non me digades que non paga a pena pertencer a un partido como o noso", sinalou, ante o aplauso xeral.