Vence define as candidaturas do BNG como “muros de contención fronte ás políticas devastadoras do PP”

Candidatos e candidatas do BNG-Asembleas Abertas para as sete cidades galegas © BNG

Miguel Anxo Fernández Lores (Pontevedra), Serafín Otero (Vigo), Xosé Manuel Carril (A Coruña), Rubén Cela (Santiago), Susana García (Ourense). Rubén Arroxo (Lugo) e Iván Rivas (Ferrol) son os sete candidatos de BNG-Asembleas para as sete grandes cidades galegas. A formación presentou este sábado as súas candidaturas para as sete urbes. 

Vence puxo Pontevedra como exemplo e aval de goberno do Bloque nas cidades e afirmou que as candidaturas BNG-Asembleas Abertas “son a alternativa á dereita e ao centralismo”

O portavoz nacional, Xavier Vence, cualificou de “estratéxico” o papel da Galicia urbana nos comicios do vindeiro 25 de maio, subliñando que as cidades "terán un papel chave" no obxectivo de poñer as bases “para empezar a pasar a páxina negra” do PP. Vence puxo Pontevedra como exemplo e aval de goberno do Bloque nas cidades e afirmou que as candidaturas BNG-Asembleas Abertas “son a alternativa á dereita e ao centralismo”.

Vence presentou as candidaturas como “muros de contención fronte aos recortes” e garantía da “loita sen cuartel contra a corrupción”. “Estas candidaturas son muros de contención fronte ás políticas de recorte do PP, devastadoras no social, que destrúen as conquistas e nos someten ao centralismo”, dixo. O BNG “propugna a insubmisión ante as políticas de privatización, empobrecemento e marxinación”, engadiu

O portavoz nacional da formación salientou o papel de BNG-Asembleas Abertas contra a corrupción: “Somos a garantía da loita sen cuartel contra a corrupción, no presente e no futuro, garantía dunha xestión limpa, honesta onde os intereses dos veciños e veciñas están por riba dos intereses das empresas que conforma a rede clientelar do PP”. E destacou a inclusión de candidatos e candidatas independentes nas listas: "estamos empeñados en facer das candidaturas BNG-Asembleas Abertas o referente de toda esa cidadanía rebelde que quere construír país desde os concellos”, dixo. "Non creemos nunha visión cantonalista de concellos como entes separados, senón pezas de conxunto para articular un novo proxecto de país", acrecentou.

"Non creemos nunha visión cantonalista de concellos como entes separados, senón pezas de conxunto para articular un novo proxecto de país", dixo Vence

No acto tamén tomaron a palabra os e as sete candidatas, facendo fincapé nos problemas e demandas concretas das súas localidades. Así, Iván Rivas (Ferrol) e Serafín Otero (Vigo) realizaron numerosas referencias ao futuro dos estaleiros dunha e doutra urbe. Ruben Arroxo (Lugo) apostou por unhas infraestruturas ferroviarias “propias do século XXI e non dun libro de historia”. Susana García (Ourense) chamou por políticas que "impulsen o potencial do sector primario con industrias de transformación e comercialización". 

Miguel Anxo Fernández Lores (Pontevedra) destacou que o BNG aposta por cidades “feitas para as persoas”. Rubén Cela (Compostela) asegurou que o BNG “será garantía de tolerancia cero cos corruptos, sen especulacións nin pelotazos urbanísticos, sen desafiuzamentos, onde as persoas sexan o primeiro”. Finalmente, Xosé Manuel Carril (A Coruña) fixo fincapé na defensa dos servizos sociais “para acabar coa exclusión de calquera tipo”.

Candidatos e candidatas do BNG-Asembleas Abertas para as sete cidades galegas © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.