Vía libre ao cianuro nas minas galegas: "xa hai cautelas dabondo"

Tractorada contra a mina de Corcoesto CC-BY-SA Salvemos Cabana

Este martes a sombra do Prestige paira sobre o pleno do Parlamento galego. Con varias iniciativas na orde do día sobre a sentenza xudicial relativa á catástrofe, deputados e deputadas de AGE e do BNG acudiron á sesión con cadansúas camisolas da plataforma Nunca Máis para expresar o seu desacordo co ditame, pero tamén a esixencia dunha maior protección ambiental para o país. Esa camisola foi a que loceu, por exemplo, a vicevoceira do BNG, Ana Pontón, na defensa dunha proposición de lei encamiñada a prohibir o uso do cianuro nas explotacións mineiras do país, iniciativa que bateu contra a maioría absoluta do PP igual que o Prestige o fixo contra as ondas atlánticas.

A propia Pontón quixo explicitar a relación entre os berros de "nunca máis" contra o chapapote e o rexeitamento ao "veleno" do cianuro para extraer minerais da terra, paralelismo que case lle custa o apercibimiento dende a Presidencia, dirixida nese intre por Miguel Santalices. "Alá vostedes coas súas censuras e paranoias", resolveu a nacionalista, antes de defender unha iniciativa que "ten a ver con algo máis que co uso dunha tecnoloxía concreta" ou "dun proxecto concreto", caso por exemplo da mina de Corcoesto. "Estamos debatendo sobre o modelo de desenvolvemento deste país" e prohibir o cianuro sería "un paso máis na loita por cambiar un modelo vello, esgotado e insostible".

As únicas "vantaxes" do cianuro son para as empresas mineiras por ser "máis barato", argumentou Pontón

Existen "outras técnicas que non teñen a gravidade e a afectación do cianuro", produto que só ten "vantaxes" para as empresas mineiras por ser "máis barato", explica Pontón, que bota man de reivindicacións ecoloxistas e de informes científicos para reclamar o veto a estas "bombas ambientais", xa prohibidas en Alemaña, Hungría ou a República Checa, na liña do recomendado polo Parlamento Europeo. Cunha reivindicación semellante e unha camisola idéntica tomou a palabra Antón Sánchez de AGE, quen non quere ver cumprido o seu "pesadelo" de, nun futuro, enfrontarse ao relato dun eventual vicepresidente español, chamado Ángel Carromero, explicando que da mina de Corcoesto "só saen uns hilillos de lixiviados" con rumbo ao río Anllóns.

PSdeG e AGE apoiaron a iniciativa mentres que o PP ve no cianuro "a mellor técnica dispoñible"

Ao contrario do defendido polos populares, explica Sánchez, este tipo de explotacións mineiras non serían un negocio se "respectasen" o medio ambiente. "Só hai negocio se uns levan o ouro e outros pagamos os pasivo ambiental nos próximos 100 anos", resume, nunha reivindicación tamén asumida polo PSdeG. A súa voceira, Patricia Vilán, subliña que a iniciativa do BNG non fai máis que recoller as peticións ecoloxistas, pero tameń aplicando as recomendacións de informes do departamento de Enxeñería Química da USC, da Defensora del Pueblo e do Valedor do Pobo. "Esta é a oportunidade" para "resolver sobre a prohibición do cianuro" e, ademais, impoñerlles ás empresas maiores obrigas de aseguramento para facerlles fronte aos accidentes.

Pero nin a autora da proposta nin o resto da oposición fixeron mudar a intervención do PP, lida polo parlamentario Aurelio Núñez, quen ten "moi claro o que teño que votar". Segundo o grupo que sustenta o Goberno existe a "necesidade de limitar o risco nocivo" das explotacións mineiras, pero "a lexislación xa establece límites e cautelas dabondo". Para Núñez resulta "curioso" que o Bloque defenda agora esta iniciativa e non en 2008, cando impulsou a Lei de Minaría dende o Goberno. Este, xunto coas vocacións "en Andalucía" de PSOE e IU a respecto da mina de Aznalcóllar, semellaron motivos dabondo para deixar as cousas como están. "A cianuración é a mellor técnica dispoñible", asegura. "Ata que ocorre unha desgraza e morre xente, non hai que cambiar nada", retrucou Pontón. Dende Twitter, o conselleiro de medio ambiente xa deixara claro o naufraxio da proposta.

Tractorada contra a mina de Corcoesto CC-BY-SA Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.