Vicepresidencia mercou novas na prensa por 200.000 euros entre abril e agosto

Rueda e Feijóo, no pleno do Parlamento © Conchi Paz

Segue a chuvia fina. O termo popularizado no ámbito político galego en tempos de Fraga para definir o xeito en que se repartían os fondos europeos en múltiples e pequenos proxectos ben podería tamén ser aplicado ao reparto de cartos entre os medios de comunicación. Este sistema, instaurado e estendido polo propio gabinete do fundador do PP, mantido polo bipartito e continuado polo gabinete Feijóo, vén de ofrecer un novo resultado, desta volta procedente da Vicepresidencia da Xunta. No segundo cuadrimestre do ano o departamento que dirixe Alfonso Rueda mercou novas na prensa por máis de 200.000 euros.

Como adoita acontecer, esta inxección de cartos non é resultado dun concurso público -pouco máis do 10% das achegas gobernamentais aos medios se asignan "mediante convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva", segundo o Consello de Contas-, senón dun reparto pola vía dos convenios. Esta figura xurídica, a priori tan legal como discrecional, permite que o Executivo distribúa os cartos do xeito que considere máis oportuno e adquirindo, a efectos prácticos, espazos na prensa para inserir información oficial presentada como se fosen novas ordinarias. Desta volta a suma chega, concretamente, aos 204.000 euros en sete convenios coas principais empresas editoras de xornais impresos do país.

O grupo empresarial máis beneficiado neste reparto é La Voz de Galicia, que levou 87.341 euros nun só convenio. As seguintes son as dúas cabeceiras do Grupo Moll-Prensa Ibérica, Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña, que recibiron en total 50.488 euros -40.337 para o xornal vigués e o resto, para o coruñés-. Nunha banda máis baixa está El Progreso, ao que lle corresponderon 22.713 euros, La Región, con 16.900 e a Editorial Compostela, editora de El Correo Gallego, con 14.512 euros. O reparto péchao La Capital -grupo propietario de El Ideal Gallego- cun convenio de 12.046 euros.

As informacións sobre a sede electrónica da Xunta irán condicionadas polos convenios asinados

Neste caso, todos os convenios teñen a mesma finalidade. Os espazos mercados pola Vicepresidencia teñen, como obxectivo, "a elaboración e difusión de actuacións de difusión e potenciación da sede electrónica da Xunta de Galicia". Así as cousas, as informacións sobre este servizo da Administración autonómica estarán, en virtude destes convenios, condicionadas polas preferencias da propia Xunta. Isto acontece mentres segue sen cumprirse a promesa formulada polo PP -e antes polo bipartito- de elaborar unha lei de publicidade institucional. Segundo figuraba no programa electoral conservador en 2009 o goberno de Feijóo íalle dar "soporte legal" á "política de axudas aos medios de comunicación", como "sucede na maioría dos países europeos"

Rueda e Feijóo, no pleno do Parlamento © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.