Villares agradece aos mariñeiros que parasen a lei de acuicultura e Feijóo di que a retomará con “unanimidade”

Leiceaga durante a súa visita ao porto de Burela Dominio Público PSdeG

O mundo do mar centrou este domingo as propostas dos candidatos de PP e En Marea e parte das do socialista. O presidente Feijóo asegurou en Santiago que, se revalida o cargo, retomará a súa contestada lei de acuicultura, que tivo que aparcar en febreiro polas protestas do sector, pero que “mentres non haxa unanimidade, non haberá lei”. Mentres, Luís Villares, agradeceu en Vilagarcía aos mariñeiros da comarca que parasen “o chapapote que supuña a lei de acuicultura” e asegurou que promoverá a protección dos produtos galegos do mar fronte os foráneos. Pola súa banda, Xoaquín Fernández Leiceaga quixo amosar o seu apoio aos mariñeiros de Burela antes de propor nesa localidade un plan de revitalización demográfica con medidas para o emprego dos mozos e máis escolas infantís.

A lei de acuicultura que tentou impulsar o PP nesta última lexislatura contemplaba medidas que boa parte do sector marítimo, mesmo entre os afíns aos populares, vía como unha privatización encuberta de zonas marítimo-terrestres dedicadas agora a actividades estractivas que a longo prazo acabaría beneficiando ás grandes empresas en detrimento dos traballadores. Tamén xerou dúbidas sobre a ampliación dos espazos destinados a plantas en terra e sobre o incremento de bateas. A forte contestación do sector fixo que o pasado febreiro a propia Conselleira do Mar, Rosa Quintana, retirase o borrador que tiña a exposición pública e pedise ao sector que esquecese del, “que non se vai tramitar ningunha lei de acuicultura en Galicia”.

Este domingo nada dixo o candidato popular do contido da nova lei que promete tramitar se repite á fronte da presidencia da Xunta. Feijóo limitouse a asegurar que a impulsaría falando co sector e que “mentres non haxa unanimidade, non haberá lei”. No acto sectorial Feijóo tamén cargou contra as políticas comunitarias de pesca e, en particular, contra os dous últimos comisarios, aos que non mencionou polo seu nome pero si polas súas nacionalidades, maltés e grega, en referencia a Karmenu Vella (no cargo desde 2014) e e María Damanaki (comisaria entre 2009 e 2014). Segundo Feijóo, acusan a Galicia de incumprir as normas pesqueiras “os mesmos que aquí se presentan ás eleccións”, en referencia ao PSdeG e xogando coa militancia de Damanaki no PASOK e de Vella no Partido Laborista.

Feijóo aposta por "que o Brexit sexa unha oportunidade" para a pesca galega e Villares quere impulsar as artes menores

Feijóo tamén apostou por “que o Brexit sexa unha oportunidade” para a pesca galega e criticou os acordos comerciais que permiten inxentes importacións de produtos pesqueiros de Papúa-Nova Guiné, á que se referiu como “Guinea-Nueva Papúa” para logo corrixirse cun “bueno, dá igual” e cualificalo como “pequeno país” malia ter un tamaño case igual ao de España.

Pola súa banda, o candidato de En Marea, Luís Villares, nun acto en Vilagarcía de Arousa que centrou tamén no mundo do mar, defendeu que “a democracia é participación”, e censurou que o PP tentase facer unha lei de acuicultura “dando as costas ao sector”. Por iso, agradeceu ao sector que fose quen de parar coas súas protestas “o chapapote que supuña a lei”.

Fronte a ese proceder dos populares, Villares apostou por impulsar as artes menores de pesca, “fundamentais no noso país”, e “investir na mellora de identificación de especies”. Do mesmo xeito, comprometeuse ao saneamento integral de todas as nosas rías porque “un mar limpo é produtivo e tamén turístico para que Feijóo poida seguir paseando nos iates dos seus amigos cando xa non sexa presidente da Xunta”.

Leiceaga amosou en Burela o seu apoio aos mariñeiros antes de prometer un plan de revitalización demográfica con medidas para o emprego dos mozos e máis escolas infantís

O candidato socialista, pola súa banda, visitou o porto de Burela, onde subiu a un barco e amosou o seu apoio ao sector pesqueiro. Xa en terra, Leiceaga anunciou un plan de revitalización demográfica con medidas para o emprego dos mozos, un programa de vivendas en alugueiro e máis escolas infantís. O socialista lembrou o seu plan de emprego xuvenil, con 100 millónes de euros para empregar a 10.000 mozos cada ano.

Leiceaga durante a súa visita ao porto de Burela Dominio Público PSdeG
Feijóo coa conselleira do Mar e o coordinador en materia pesqueira do PP Dominio Público PP de Galicia
Villares, no acto de Vilagarcía centrado no mundo do mar Dominio Público En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.