Villares e Pontón advirten a Feijóo de que non lle corresponde elixir quen lidera a oposición

Feijóo e Gonzalo Caballero, saúdanse antes da xuntanza © Xunta

Feijóo aproveitou a súa reunión do pasado mércores co novo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, para volver intentar levar os socialistas ao seu rego e, de paso, minguar a forza tanto de En Marea como do BNG. Logo dunha xuntanza de máis de tres horas, o presidente da Xunta amosou a súa disposición a que o líder socialista o sexa tamén da oposición -malia que non é a segunda forza máis votada- sempre que sexa quen de pactar asuntos claves co PP. Non tardaron en responder o resto de grupos, que advirten ao xefe do Executivo que non é el o que debe elixir quen lidera a oposición. 

"Nós non temos máis obxectivo que que o señor Caballero poida ser líder da oposición se quere", dixo Feijóo

"Nós non temos máis obxectivo que, o señor Caballero, se quere ser líder da oposición, que o poida ser", asegurou Feijóo para advertir máis tarde de que para liderar a alternativa en Galicia hai que liderar tamén a oposición. "Non poden ser presidentes da Xunta tres persoas porque só pode haber un", dixo. 

Caballero remarcou que o PSOE sitúase fronte ao PP como alernativa, pero tamén aclarou que o novo tempo do PSdeG tamén supón abrir unha liña de traballo e diálogo fluído cos populares en asuntos claves. "Estando nós na esquerda, nunha alternativa ao PP, cremos que hai distintas cuestións nas que os galegos poden entener que hai que abrir o diálogo", dixo. 

Caballero matizou e situou a xuntanza na "normalidade" institucional: "A partir de aí, estaremos enfronte do PP"

O secretario xeral do PSdeG saíu este xoves a matizar, na xuntanza da executiva do partido, o encontro con Feijóo. Insistiu en que se inaugura un "novo tempo político en Galicia" pola "alternativa de esquerdas con responsabilidade de país" na que tería virado a formación. O líder dos socialistas galegos aclarou que o seu obxectivo é "retirar o PP" da Xunta, "sen que iso impida manter as portas abertas ao diálogo en asuntos de país". Así, situou a xuntanza co xefe do Executivo "na normalidade" institucional. "A partir de aí, estaremos enfronte para, pasiño a pasiño, sen présa pero sen pausa, garantir o cambio no goberno da Xunta", dixo. 

Tanto En Marea como BNG recolleron a luva lanzada por Feijóo para advertirlle de que non é el quen determina o liderado na oposición. Luís Villares, voceiro da confluencia, lembroulle que á súa formación "puxérona os cidadáns como segunda forza máis votada" e cre que el busca en Gonzalo Caballero "alguén que lle sexa máis cómodo" que a oposición que exerce o seu grupo. 

Villares cre que Feijóo busca en Gonzalo Caballero "alquén que lle sexa máis cómodo" que a oposición de En Marea

Así respondeu Villares ao ser preguntado pola xuntanza entre o líder do PSdeG e Feijóo, a mesma pregunta que afrontou a voceira do BNG, Ana Pontón, que declinou valorala pero advertiu que o presidente da Xunta non ten “un dedo máxico para decidir quen é ou non é líder da oposición” e reiterou “ser moi feliz sendo incómoda para Feijóo e para o PP". Ademais, recoñeceu que se este lle ofrecese ser a líder da oposición "non marcharía para casa contenta”.

"A decisión sobre o liderado na oposición non lle corresponde a Feijóo, aínda que ao PP encantaríalle unha Galiza co vello modelo bipartidista”, insistiu Pontón, que sinalou tamén que o “dedazo dentro do  PP funciona moi ben, pero en democracia non o decide o dedo de Feijóo”.

Pontón di "ser moi feliz sendo incómoda para Feijóo" e aclara que "non marcharía contenta" se este lle ofrecese ser líder da oposición

Ademais, Villares insistiulle a Feijóo que os cidadáns "puxeron En Marea" como "segunda forza máis votada" e "líder da oposición en Galicia", un papel que, ao seuu ver, a formación rupturista mostrou neste "ano e medio", tanto na rúa como na Cámara. "É unha pulsión social que, lamentablemente para Feijóo, non vai pdoer determinar", dixo, para advertir que "hai cousas que non están ao alcance" do presidente da Xunta. "Ten a maioría e pode amordazar o Parlamento, pero non pode decidir quen é a oposición neste país", engadiu. 

Por todo isto, Villares istou a "facer oposición" en Galicia para que saia da "irrelevancia política" á que, na súa opinión, a conduce Feijóo en temas como a AP-9, financiamento autonómico ou infraestruturas ferroviarias. 

Ana Pontón e Luís Villares, no Parlamento CC-BY-SA En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.