Villares garante a investigación de Angrois e reactivar a das caixas se muda o goberno

Villares, con Errejón e candidatos de En Marea, este domingo en Pontevedra CC-BY-SA En Marea

Unha por non iniciada e outra, porque non chegou a pecharse. A investigación do accidente de Angrois e da quebra das antigas Caixanova e Caixa Galicia son dous dos asuntos que pairan sobre a campaña electoral galega como materias pendentes a abordar no caso de que mude a correlación de forzas no Parlamento de Galicia. Este domingo o aspirante de En Marea á Presidencia, Luís Villares, garantiu ante os asistentes ao seu mitin en Pontevedra que a formación impulsará ambas no Parlamento, a creación dunha e a reactivación da outra, se unha maioría de esquerda así o permite.

Tras recibir nos mitins do sábado o apoio da alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, Villares estivo arroupado desta volta polo 'número dous' de Podemos, Íñigo Errejón, que nun concorrido acto procurou aguilloar o electorado de En Marea non só presentando o candidato como un posible presidente "ao servizo da maioría", senón tamén advertindo da vaga expansiva que traería consigo unha derrota do PP en Galicia. "Se hai un goberno do cambio, botádesnos unha man para botar a Rajoy e construír un Goberno decente" no Estado, advertiu. "É un pracer presumir das nosas amigas e amigos", sinalou Villares en referencia a Errejón. "Outros presumen en iates e non suben os seus amigos aos escenarios", ironizou.

Errejón: "Se hai goberno do cambio, botádesnos unha man para botar a Rajoy"

Villares coida que actos coma este lle dan "azos" á súa candidatura mentres o PP os recibe das enquisas, que auguran unha maioría "axustadísima" para, di, mobilizar a base electoral conservadora. No entanto, augura, tras "oito anos nos que Atila Núñez Feijóo se dedicou a desfacer e pechar", En Marea chegará á Xunta para implantar "a ética, a decencia e a honestidade", xa sexa aprobando medidas como "a limitación de mandatos da que tanto falar Feijóo", rexeitando "portas xiratorias" como as de ENCE ou impulsando na Cámara as devanditas investigacións.

Villares: "Se as caixas estaban quebradas en 2009, por que Feijóo impulsou a fusión en 2010?"

"Temos dereito -di Villares- a saber que pasou no accidente de Angrois" e tamén que aconteceu "cos aforros das caixas". O actual presidente, acusa, "mente cando di que ao chegar estaban quebradas". Se así fose, sinala, caberái preguntarse "por que" impulsou a fusión "en 2010, se estaban quebradas en 2009, ano no que os conservadores remudaron a PSdeG e BNG no Executivo.

No eido das medidas de "rexeneración" quen foi definido por Errejón como "próximo presidente" de Galicia reiterou no seu mitin pontevedrés a apelación a Feijóo que vén realizando dende o primeiro día da carreira electoral. "Un país xusto non abusa das súas mulleres, levamos nove días de campaña" e Feijóo "aínda non cesou a Baltar" aínda que "todos escoitásemos como pedía favores sexuais a cambio dun enchufe na Deputación de Ourense". "Hai que posicionarse, señor Feijóo, co machismo ou coa igualdade", retou.

Vista do acto de En Marea en Pontevedra CC-BY-SA En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.