O rescate da concesión do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo será un dos asuntos prioritarios da vindeira lexislatura galega no caso de que o PP perda a maioría absoluta. Así será se PSdeG, BNG e En Marea manteñen as súas promesas que, na liña do defendido durante os últimos anos, se encamiñan a mudar o controvertido modelo público-privado co que foi construído e posto en marcha o novo centro hospitalario vigués. Como xa fixeron en días pasados socialistas e Bloque e na liña do defendido antes de acceder formalmente á candidatura, este xoves o aspirante de En Marea á Presidencia, Luís Villares, comprometeu a "xestión pública completa" do complexo se accede ao Goberno.
No marco dun encontro coa Xunta de Persoal da área sanitaria viguesa, Villares e mais a actual deputada de AGE e número 3 de En Marea por Pontevedra, Eva Solla, presentaron como "unha das nosas prioridades de goberno" a "recuperación para o control público de toda a sanidade que foi destruída e privatizada polo goberno de Núñez Feijóo". "Queremos transmitir -di o candidato- a garantía do dereito á saúde e ao acceso universal ao servizo". E iso, na súa opinión, pasa tamén polo rescate do Cunqueiro que, como vén de lembrar o Consello de Contas, supón un pago aprazado duns 1.400 millóns de euros ata o ano 2035.
No caso concreto de Vigo, Villares subliña que xunto á aposta polo rescate entre as prioridades dun eventual goberno de En Marea figuraría "a utilización íntegra do hospital do Meixoeiro" -o seu peche parcial foi reducido polo Sergas á categoría de "lenda urbana" nun argumentario remitido ao persoal-, a "apertura de camas" para reducir listas de espera, nesta liña, "o establecemento dun plan urxente para a redución" da demora. Este paquete, sinala, complementaríase cunha "ampliación do sistema de atención primaria, para desatascar as urxencias".
Villares e Solla aseguran que, se goberna En Marea, acometerán o rescate do hospital vigués e un plan para recuperar os postos de traballo destruídos no Sergas
Segundo En Marea, ningunha destas medidas poderá ser aplicada sen unha mudanza na política de persoal do Sergas en xeral e na área de Vigo en particular. Segundo Solla, cómpre "evitar os contratos precarios" na sanidade pública e "repoñer, con convocatorias públicas, os postos de emprego eliminados durante os anos de Feijóo". "Por iso é preciso atender en primeiro lugar os casos máis urxentes, como a atención primaria, ou os postos que sufriron con maior intensidade" uns recortes que, lamenta, foron executados "mentres Feijóo dicía que as camas eran importantes nos hoteis e non nos hospitais, un insulto e unha banalidade".
Para repoñer os postos de persoal destruídos no Sergas nos últimos anos -máis de 1.000, segundo a Secretaría de Estado de Administracións Públicas-, Villares e Solla ven "preciso acompeter un plan coa colaboración dos profesionais e sindicatos, co que se poida resolver as necesidades máis urxentes, como enfermaría e outras de nova creación". "A partir dese momentoe, sacaranse de xeito progresivo as convocatorias necesarias", aseguran.