Villares: "O verdadeiro programa do PP ten suplemento, o Código Penal"

Villares, amosando propaganda do PP e o Código Penal CC-BY-SA En Marea

Na caravana electoral de En Marea cunde unha sensación cando restan menos de vinte e catro horas para o peche. Alén do resultado que obteña a formación no seu debut como tal nuns comicios ao Parlamento de Galicia, o certo é que o seu candidato á Presidencia, Luís Villares, foi "de menos a máis", din na súa contorna. Mostra disto, esgrimen, foron intervencións como a do concorrido mitin en Vigo, o maior da campaña, ou as pronunciadas en Lugo e mais en Ourense, onde este venres afiou o seu discurso esgrimindo dende o atril o 'xornal' electoral do PP e amosando o que, ironiza, debera ser o seu "suplemento": un exemplar do Código Penal.

Horas despois de que, nunha entrevista na Cadena SER, Alberto Núñez Feijóo asegurase "arrepentirse" da súa amizade co narcotraficante Marcial Dorado -na altura estaba ligado ao PP de Arousa, xustificou-, Villares instou o candidato popular a seguir pola senda do "perdón". "Grazas por arrepentirte, estaría ben que agora pedises perdón polas vítimas do narcotráfico. Non sabía nada -afirma- como tampouco sabe nada de Baltar. Como vai confiar o país nun candidato que está a mentir todo o día?", pregúntase.

O candidato de En Marea instou en Ourense a que Feijóo "pida perdón" pola súa relación con Marcial Dorado, pero tamén "por Bárcenas, por Camps, por Conde Roa ou por Baltar"

"Que se deixe mentir dicindo que descoñecía o que en Galicia sabía todo o mundo, de onde sacaba o señor Dorado os cartos para pagar os iates nos que paseaba con Feijóo", e "pida perdón polo dano causado" tamén "polo resto dos seus amigos, de Rajoy e do PP": "Por Bárcenas, por Camps, por Conde Roa, por Barberá, por Rato" e, en último termo, "por Baltar". Nomes coma estes, de "imputados" e "condenados", sinala Villares, fai que o programa conservador chegue ao 25S, simbolicamente, "con suplemento incluído: o Código Penal", dixo sostendo unha copia do texto legal nunha man e na outra, a propaganda electoral de Feijóo.

Fronte a isto, subliña o candidato de En Marea, só cabe pasar de "indignarse" a "comprometerse" co voto o vindeiro domingo. Non cabe "voto de silencio", apelara previamente Xosé Manuel Beiras. Cómpre "votar a En Marea para que acabe esta vergoña, é unha botalla moral, de uqen apostamos polo nobre da razoa humana e eles [en referencia ao PP], que apostan polo máis ruín que hai nas persoas", dixo.

Coa participación da secretaria de Análise Política de Podemos, Carolina Bescansa, da cabeza de lista da formación por Ourense, Ánxeles Cuña, e de varios candidatos e candidatas, os membros e En Marea culminaron o acto portando caraveis como símbolo de "dignidade". "Trátannos como simples mercadorías para os seus intereses e para os seus amigos", pero "hai marea e hai dignidade", concluíu.

Villares, con Beiras, Bescansa e candidatos por Ourense CC-BY-SA En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.