Villares presenta En Marea como primeira alternativa aos "pecados non expiados" de Feijóo

Villares, nun intre do seu discurso CC-BY-SA En Marea

O debate de investidura que culmina no Parlamento de Galicia ten máis certezas ca expectativas. A terceira maioría absoluta consecutiva do PP e o discurso en clave continuísta de quen será elixido novamente presidente deixou oas expectativas, case en exclusiva, para a banda da oposición. Unha delas é o papel de Luís Villares, voceiro de En Marea, que este xoves accedeu por primeira vez á tribuna de oradores do Pazo do Hórreo para presentar a formación como principal alternativa aos "pecados non expiados" do líder popular e referencia para quen non "confían" en Alberto Núñez Feijóo.

Nun discurso iniciado cun aquel de aceleración e máis pausado co paso dos minutos Villares evidenciou, como o resto de representantes da esquerda, que o candidato conta coa "lexitimidade" para gobernar. Pero iso, advertiu, non implica asumir a súa afirmación da primera xornada do debate. "Dixo que os pecados que os pecados que puidera cometar expiaran nas urnas", lembrou. Pero "hai pecados como o paro, a desigualdade, a emigración e sobre todo, a corrupción, que só comete quen goberna" e que, resalta, seguen vixentes.

"Dixo que expiara os pecados nas urnas, pero hai pecados como o paro, desigualdade e corrupción que só comete quen goberna"

"Como o proceso electoral non o absolve, En Marea votará non á súa investidura" e acto seguido, di, procurará formular unha alternativa para, ao tempo, evidenciar que a "estabilidade parlamentaria" de Feijóo estivo e segue estando acompañada pola "inestabilidade social". Tras a saída da recesión en termos macroeconómicos, reprochou Villares, a Xunta non "aproveitou o crecemento" para compensar as desigualdades, reforzar os servizos públicos ou promover, como prometeu, a creación de emprego.

"Non cre na autonomía"

Villares asegura que o obxectivo de En Marea é "gobernar en 2020" e así o fará ver "no Parlamento e na rúa"

Entre referencias ás Irmandades da Fala das que, afirma, En Marea se considera herdeira, Luís Villares reprocha que os anos da Presidencia de Alberto Núñez Feijóo fosen os da "paralización da transferencia de competencias", síntoma dun "mal xestor que non cre na autonomía". "Confórmase" con que o Estado "non interviñese" as contas do Goberno galego, "como se fose un logro compararse cos peores da clase", ironiza.

Circunstancias como as bosquexadas no seu discurso son, para Villares, mostra dabondo da necesidade dunha "resposta cidadá" ao Goberno do PP nos vindeiros anos "no Parlamento e na rúa". "Fronte á súa maioría, alternativa social para construír a maioría do futuro" e "acumular forzas", augura. O obxectivo de En Marea, sinala, é "gobernar en 2020" e por iso "formula liñas políticas" de xeito integral en áreas como a política territorial, as infraestruturas, a sanidade ou a educación. "Estaremos nos barrios, nas rúas, nas prazas, porque aí está a nosa xente". Esa xente, conclúe, agarda que o Goberno galego, ao cabo, poida "facilitarlles unhas condicións de vida dignas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.