Xoán Bascuas, único candidato á Secretaría Xeral de Compromiso

Xoán Bascuas participa na Convención Electoral Nacional © CxG

Compromiso por Galicia celebrará este domingo no Hotel Scala de Padrón o seu I Congreso Nacional baixo o lema Galicia en positivo. Renovaranse os órganos de dirección e sometaranse a debate varios documentos, entre eles o político, onde se establece a estratexia da formación cara as eleccións municipais. Xoán Bascuas é o único candidato á Secretaría Xeral da organización galeguista.

Na súa carta de presentación, Bascuas afirma que se presenta “porque coñezo o camiño que fica por facermos xuntos e sei da dificultade que implica. Porque sei que ese mesmo camiño conduce ao mellor para o noso país e porque quero protagonizar esa esperanza de futuro con vós”. Engade que se presenta "porque ben sei que non buscades un líder mesiánico, senón que entendedes que un secretario xeral non é outra cousa máis que o voso primeiro servidor. Porque apreciades o valor da palabra dada na política e sabedes que o traballo é o único esforzo válido e útil para a construción de Compromiso”. Conclúe que "desexo asociar o meu futuro político e persoal ao futuro deste partido, sabendo que a vosa ilusión e a miña son a mesma; porque sempre que caín no desalento atopei apoio en vós, e porque a miña perseverancia é froito da nosa vontade de ser”.

52 homes e mulleres serán candidatos ao Consello Político Nacional (CPN)

52 homes e mulleres serán candidatos ao Consello Político Nacional (CPN). A elección farase mediante listas abertas “con métodos de corrección que garantan unha votación limpa e no que órgano saínte sexa fiel reflexo da nosa organización”, sinalan dende CxG. Unha vez escollido o CPN, o secretario xeral terá que realizar unha proposta de Executiva que deberá ser referendada posteriormente polo Congreso. O acto de clausura será ás 19 horas, e nel están convidadas organizacións sociais, sindicais, profesionais ou políticas, como o PNV, PP, PSOE, BNG, Anova, IU ou Cerna.

Araúxo lembrou que o Congreso “ditaminará formalmente” a fórmula e os mecanismos de concorrencia ás eleccións municipais

A pasada semana, Sandra Araúxo, Secretaria de Organización de Compromiso, destacou que “este Congreso terá un evidente compoñente municipal, unhas eleccións que son as máis apegadas á cidadanía e onde poderemos amosar que a nosa forza política vai medrando pouco a pouco”. Ademais, salientou que "a aposta polas primarias abertas á cidadanía para a escolla de candidatos e o noso compromiso coa transparencia serán un dos nosos principais piares”. De igual xeito, Araúxo lembrou que o Congreso “ditaminará formalmente” a fórmula e os mecanismos de concorrencia a estas eleccións municipais, “onde acordamos empoderar de capacidade de decisión ás nosas Agrupacións Locais”, engadiu.

Cartaz do congreso © CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.