Xunta e Fomento cítanse para anunciar sen o Concello da Coruña o futuro dos terreos portuarios

Buques operando na contorna do porto interior da Coruña CC-BY-SA Praza Pública

Este martes o Concello da Coruña presentaba aos medios o programa do Foro Tecendo Litoral, un encontro que a finais de mes abordará, mediante unha vintena de relatorios, a "construción do novo horizonte litoral da cidade", isto é, a análise "da distintas posibilidades dos terreos portuarios" que quedarán libres cando a actividade dos peiraos sexa definitivamente trasladada ao porto exterior de Punta Langosteira. Escasas horas despois da presentación deste foro, ao que a Xunta non confirmou a súa asistencia malia estar convidada, o Goberno galego e o Ministerio de Fomento anunciaban que este mesmo mércores Alberto Núñez Feijóo, o ministro Íñigo de la Serna e o presidente de Puertos del Estado, José Llorca, asinarán "o protocolo relativo ao desenvolvemento dos terreos portuarios". O goberno local, confirman fontes municipais, non foi advertido.

O evento previsto no salón de actos da Autoridade Portuaria coruñesa é a continuación doutro celebrado o pasado outubro con Feijóo e Llorca como protagonistas e no que tamén o Concello foi obviado. O pano de fondo son os movementos dende a postura inicial das Administracións controladas polo PP, que non era outra que, unha vez liberados, vender o terreos dos céntricos peiraos para construír neles vivendas, hoteis e centros comerciais. No acto de outubro o xefe do Goberno galego e o responsable estatal aseguran que acordaran non vender os actuais terreos de Batería e Calvo Sotelo. Tampouco os da Solana, para cuxa venda o goberno local do PP fixera unha reforma urbanística 'ad hoc'. Si deixaba, non obstante, a porta aberta á privatización do espazo de San Diego, onde o proxecto inicial prevía ata 4.000 vivendas.

Xunta e Goberno central recuaron na súa intención de privatizar todo o terreo portuario, pero deixaron a porta aberta a vender o espazo de San Diego

Goberno de España e Goberno galego recuaban parcialmente pero facíano evitando anuncialo en presenza do alcalde, Xulio Ferreiro, ou do edil de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, que é o representante municipal no Consello de Administración da Autoridade Portuaria. Esa operación repítese este mércores na sinatura do protocolo que en outubro Feijóo e Llorca anunciaran como inminente, para dentro dunhas poucas "semanas" que finalmente tornaron en medio ano. Despois daquela primeira foto Puertos negouse a garantir que non privatizará parte dos peiraos e o pleno da corporación municipal acusou formalmente o presidente da Xunta de "deslealdade" nun acordo apoiado pola Marea Atlántica, o PSdeG e o BNG do que o PP se desmarcou votando en contra.

O Goberno galego e Fomento anunciaron a sinatura do protocolo sen advertir o Concello e horas despois de que o Goberno local presentase o foro sobre o futuro do litoral

Con este pano de fondo e despois de diversas mobilizacións cidadás a prol da devolución á cidade dos terreos portuarios as Administracións actualmente controladas polos conservadores moven peza nun contexto case preelectoral. Mentres, dende o Concello, Ferreiro advirte de que "hai cidades que se pactan nos reservados dun restaurante" e despois "pagan a factura durante décadas", mentres que noutras "apostan polo diálogo e polo debate cívico" e "toman as decisións estratéxicas con todas as voces aínda que iso supoña ir a outro ritmo e renunciar a algunhas cousas; A Coruña é agora unha desas cidades".

Neste sentido, antes de coñecer a convocatoria deste mércores o alcalde coruñés sinalaba que "confiaba" en que a resposta do presidente da Xunta para participar no devandito Foro Tecendo Litoral fose favorable e que o mesmo sucedese coas autoridades portuarias locais e estatais. Xa confirmaron a súa presenza representantes de cidades que viviron operacións de liberación de terreos portuarios como Bilbao, Barcelona, Saint Nazaire, Mallorca ou Valencia, así como persoas expertas da Universidade da Coruña ou do sector pesqueiro, entre outros.

Alberto Núñez Feijóo e José Llorca © Xunta
O alcalde da Coruña e os edís Claudia Delso e Xiao Varela, presentando o foro © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.