Xustiza insta formalmente o alcalde franquista de Beade a retirar as homenaxes á ditadura

O alcalde de Beade, con Rueda e Baltar nunha imaxe de arquivo, e encabezado do requirimento do Ministerio CC-BY-SA Xunta

Unha carta da Dirección Xeral para a Memoria Histórica do Ministerio de Xustiza dirixida á "Calle del Caudillo", sen número. Foi remitida á casa consistorial de Beade e ten como destinatario ao seu alcalde, Senén Pousa, rexedor deste pequeno municipio ourensán dende 1974 e candidato do PP á reelección, outra volta, nas vindeiras municipais de maio. O responsable deste departamento do Goberno central, Fernando Martínez López, vén de advertilo formalmente sobre a necesidade de que, tamén en Beade, sexa cumprida a obriga legal de eliminar as homenaxes públicas á ditadura.

A carta da Dirección Xeral para a Memoria Histórica que insta o rexedor do PP a retirar as homenaxes á ditadura que poidan existir no municipio vai dirixida á rúa "do Caudillo", onde se atopa a casa do Concello de Beade

A misiva, datada neste 13 de febreiro e divulgada polo PSdeG ourensán, lembra a Pousa que tras a posta en marcha desta dirección xeral a propia ministra de Xustiza, Dolores Delgado, avanzou a "intención" do Goberno de España de impulsar reformas legais en materia de memoria histórica, pero tamén de velar polo cumprimento das disposicións vixentes. Entre elas, lembra que as Administracións públicas xa teñen a obriga de "tomar as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignas e placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas" que supoñan exaltar o golpe de 1936, a posterior ditadura e as súas accións.

No mesmo sentido Martínez López recorda que entre as medidas que poden aplicarse ao Concello por ignorar a lexislación "poderán incluírse a retirada de subvencións ou axudas públicas" e tamén resalta que existe xurisprudencia do Tribunal Supremo que avala a aplicación de todo este corpo normativo. Por todo isto a Dirección Xeral de Memoria Histórica insta o alcalde de Beade a que "acredite a non existencia de simboloxía de exaltación no seu municipio" e, "no caso de que a houbese, proceda a dar cumprimento" á lei, elaborando un catálogo de vestixios da ditadura no municipio e procedendo á "inmediata retirada" de todos os elementos de "exaltación da ditadura".

Casa do Concello de Beade, na rúa "do Caudillo" © Concello de Beade

Diante deste apercibimento o PSdeG na provincia de Ourense lembra que o rexedor de Beade, que adoita declararse abertamente "franquista" e "orgulloso" de selo, "leva máis dunha década incumprindo a lei á mantenta". E faino "co consentimento e aplauso do PP e, ademais, gabándose da súa actitude". O Ministerio, resaltan, non fai máis que "indicarlle ao alcalde insurrecto do PP que debe cumprir a lei" e lembrarlle "as consecuencias do seu incumprimento".

A advertencia chega escasas semanas despois de que o rexedor, no cargo dende 1974, se reafirmase na intención de manter a rúa de homenaxe a Franco tras un informe da Deputación que constataba o incumprimento da normativa vixente

Esta advertencia chega escasas semanas despois de que o alcalde de Beade se negase a aplicar ningunha medida neste sentido, concretamente no que atinxe á retirada da denominación da devandita rúa "do Caudillo", así denominada como homenaxe a Franco. Despois de que a Deputación de Ourense, a instancias dos socialistas, elaborase un informe no que admite que esa rúa incumpre a lei de memoria histórica, o alcalde proclamou en declaracións ao Faro de Vigo que "dedicar unha rúa ao caudillo é legal e así se vai chamar mentres sexa o alcalde de Beade". 

O PSdeG reclamaba, diante desta negativa, que a Deputación de Ourense suprimise do seu plan de obras os fondos para rehabilitar, precisamente, esa rúa de Beade. Malia o informe que evidenciaba a ilegalidade do nome e a negativa do alcalde a cambialo, a subvención seguiu adiante segundo o previsto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.