Yolanda Díaz: "Temos a obriga de acertar na tese política pola gravidade do que está sucedendo no país"

Comitiva de Esquerda Unida en Santiago CC-BY-SA Merixo

Esquerda Unida avanza cara á súa Asemblea Nacional, que se celebrará o 27 de abril en Compostela. Este sábado o Consello Político Nacional aprobou por unanimidade o documentos político e económico e cunha soa abstención os estatutos, o documento de organización e a carta financeira. Agora todos estes textos serán debatidos e aprobados polas asembleas comarcais da formación, que até o 13 de abril presentarán emendas aos documentos e elixirán os delegados e delegadas que participarán na Asemblea Nacional, posiblemente o máis importante que a coalición celebrou nunca, pola actual situación de emerxencia social e polo propio crecemento da formación en Galicia.

Antes da asemblea vai haber varios encontros sectoriais: un dirixido a sindicalistas, outro a mulleres e outro a colectivos sociais, "co obxectivo de abrir a asemblea a un debate na rúa e que a cidadanía faga as súas achegas criticas dende fóra da organización ao proceso que se inicia".

Yolanda Díaz, Coordinadora Nacional, salienta que "temos a obriga de acertar na tese política, pola gravidade extrema do que está sucedendo no país" e sinala que "a tese política parte da premisa de que estamos en momentos terribles para a cidadanía por por da acción de goberno neoliberais a ultranza. As persoas están espidas ante a agresións que se están producindo contra as maiorías sociais e nós temos que incardinar o noso discurso na rúa e fortalecernos".

"As persoas están espidas ante a agresións que se están producindo contra as maiorías sociais e nós temos que incardinar o noso discurso na rúa e fortalecernos"

O aspecto organizativo é fundamental neste momento, segundo Díaz, que explica que "ao igual que sucedeu do debate a nivel federal a estrela do debate de hoxe foi como organizarnos de aquí en diante e como materializar o que poñemos nos textos: levar á práctica a nosa tese de que hai que organizar a rebeldía pois existe un forte conflito social presente ou latente en todas as capas da sociedade. A convicción que sae hoxe é que temos que afinar na materia organizativa porque somos conscientes de que aí temos eivas". Segundo Yolanda Díaz, o obxectivo é "chegar a todos os sectores sociais que están sendo agredidos".

Comitiva de Esquerda Unida en Santiago CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.