Almudena Otero naceu e pasou a súa infancia no norte de África. Xa na adolescencia trasladouse á Galicia. É Doutora en Filoloxía Alemá cunha tese sobre a relación entre tempo e identidade na novela artúrica e posúe as Licenciaturas de Filoloxía Alemá e Xornalismo pola Universidade de Santiago. Cun importante labor investigador en universidades tan prestixiosas como Princeton, Colonia e Freie Universität Berlin, impartiu docencia na USC. É autora do libro ‘ayn. O ollo e a fonte (Rianxo: Axóuxere 2017), no que explora as formas da linguaxe mística e os espazos que abren para repensar e rescribir o mundo. Na actualidade traballa como tradutora.