Docentes de Formación Profesional en Galicia denuncian a "discriminación salarial" que sofren con respecto a persoal da mesma categoría e coas mesmas funcións. É o profesorado en Sectores Singulares (PESSFP) quen vén de denunciar unha "diferenza" duns 150 euros mensuais no seu soldo con respecto ao profesorado técnico (PT) "malia ter exactamente os mesmos deberes e obrigas".
O profesorado en Sectores Singulares de FP denuncia que non percibe o complemento da Xunta de 150 euros mensuais que si reciben docentes que fan as súas mesmas funcións
Todo xorde, segundo explican, coa aplicación do Real Decreto 800/2022 polo que se integra o profesorado técnico da FP no Corpo de Profesores de Ensino Secundario (PES), logo de que a nova lei educativa (Lomloe) elevase a esta categoría os técnicos de Formación Profesional con carreira universitaria. No entanto, a medida non incluíu aqueles sen carreira universitaria e coas mesmas funcións, que tampouco foron equiparados a nivel salarial, razón pola que a Xunta decidiu complementar o seu soldo para evitar aquelas diferenzas.
A Xunta achega un complemento ao profesorado técnico que non puido integrarse no corpo funcionarial A1; o novo corpo creado, coas mesmas funcións e categoría, quedou sen complemento ningún
Ao tempo, o Ministerio creou para as dez especialidades que non requirían o grao universitario o novo corpo de PESSFP, unha categoría que, segundo denuncia o profesorado, quedou "nun limbo" ao non poder integrarse no grupo funcionarial A1 de Secundaria por non cumpriren coa titulación requirida, pero tampouco acceder ao complemento salarial duns 150 euros mensuais aplicado ao corpo técnico.
Así, e a raíz da nova lexislación, a Xunta aprobou en marzo de 2023 un complemento salarial para este profesorado técnico de FP, corpo a extinguir, sen carreira universitaria, que convive co novo corpo de PESSFP, que non cobra ese complemento malia "facer as mesmas labores, ter os mesmos módulos e impartir docencia as mesmas horas", como di unha afectada.
"Esta diferenza salarial constitúe unha discriminación fronte ao principio de igualdade no trato e na retribución polo mesmo traballo"
"Esta diferenza salarial, que supera os 150 euros, constitúe unha discriminación fronte ao principio de igualdade no trato e na retribución polo mesmo traballo", din os docentes afectados, organizados un cento deles para esta demanda, que abrangue unhas 170 persoas con praza, aos que habería que engadir o persoal interino e substituto. En total, preto de 300.
Protestan co "afán de loitar contra a desigualdade" e reivindican que "a mesmo traballo, mesmo salario". "Esta diferenza retributiva minimiza a traxectoria profesional acadada por este colectivo ao longo dos anos e que, paradoxalmente, se está a fomentar nas novas leis da Formación Profesional".
Os PESSFP subliñan que a súa reclamación "non pretende confrontar as políticas de integración do profesorado nin o complemento ao corpo de PT, senón recalcar a necesidade de valorar de forma equitativa a experiencia e funcións deste colectivo, ao igual que o resto de docentes".
O colectivo acordou, ademais, unha recollida de sinaturas para manifestar o seu "descontento", así como para solicitar unha reunión coa Consellería de Educación, a Dirección Xeral da FP e a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos. Así, espera que a súa mobilización "sexa o punto de partida para un diálogo construtivo" co departamento que dirixe Román Rodríguez e demais autoridades competentes, "co fin de que se adopten medidas que aseguren a igualdade de oportunidades e o adecuado recoñecemento" do seu labor na Formación Profesional.
A Consellería de Educación aclara que é o Goberno central quen debe "resolver" o asunto e lembra aos afectados que accederon mediante oposición e "coñecían previamente as condicións" do posto
A Consellería, en resposta a Praza.gal, aclara que "o novo corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP foi creado polo Ministerio para emendar o erro de ter eliminado o corpo de profesores técnicos". "Ten condicións salariais propias fixadas polo propio Ministerio, polo que calquera cambio nas mesmas debe ser o Goberno central quen o resolva e asuma", di.
Así, aclara que este novo corpo "comezou a incorporarse en 2023 a través de prazas convocadas en oposicións", polo que "as súas condicións son coñecidas previamente polos candidatos". Ademais, lembra que a Xunta "xa está asumindo un incremento salarial de 3,5 millóns de euros anuais, derivados das decisións unilaterais do Goberno central, que mesmo deixou nun limbo a docentes con décadas de experiencia".
CIG-Ensino pide unha solución
Ante esta situación, CIG-Ensino pide á Consellería de Educación que "remate coa discriminación salarial entre o profesorado de FP" e lembra que solicitou na Mesa Sectorial "por enésima vez" que a Xunta atenda as demandas dun colectivo de arredor de 300 docentes entre persoal fixo e interino con contrato durante todo este curso académico.
En resposta ao sindicato, segundo conta o sindicato, responsábeis da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos contestaron “que non se contempla ningunha medida” para equiparar o salario do profesorado de sectores singulares da FP co do profesorado técnico de FP para extinguir, "que actualmente cobra un complemento de 151,37 euros ao mes para á súa vez non verse discriminado co profesorado que puido integrase no corpo de secundaria".
CIG-Ensino aclara que "sempre defendeu que debe existir un corpo único de ensinantes encadrado no grupo A1, pero esta reivindicación implica un cambio normativo a nivel estatal, ao tratarse dun corpo de funcionariado dependente do Estado malia aprobar as oposición nunha determinada comunidade autonómica". Neste sentido, o sindicato realizou unha recollida de 7.366 sinaturas en apenas mes e medio, que lle entregou á actual ministra de Educación, Pilar Alegría, en xuño de 2022, obtendo como resposta que “nese momento non tocaba abrir dita negociación”. "Agora, que supostamente están abertas negociacións para abordar as condición laborais docentes, volverá insistir neste punto como unha das súas principais reclamacións. Con todo, tal e como se prevén os grupos de traballo da Mesa estatal e a indefinición dos temas a tratar, o sindicato non é moi optimista a respecto de que se acade este obxectivo", explica.