A mocidade galega que non estuda alén da ESO repunta e perde peso no mercado laboral

A FP -na imaxe, unha estudante de Formación Profesional dun centro público galego- é sinalada por Educación como unha das vías para evitar o abandono educativo temperán CC-BY-SA Xunta

O abandono escolar temperán aumentou en 2024 en Galicia ata un 10,8%, un nivel moi inferior ao de décadas pasadas pero que racha unha tendencia sostida de diminución

Dende comezos de século o abandono escolar temperán caeu en Galicia de xeito moi pronunciado. O descenso da poboación de entre 18 e 24 anos que non segue estudando despois da ESO (xa sexa nunha formación regrada -Bacharelato ou FP- ou doutro tipo) acelerou nos anos da gran recesión e tocou fondo na pandemia da COVID-19, dous momentos -un prolongado, outro máis puntual- marcados por maiores dificultades de inserción no mercado laboral. Pero esta tendencia está a mudar.

O Ministerio de Educación actualizou nos últimos días os datos de abandono escolar temperán coas cifras correspondentes a 2024. E, tras un trienio de relativa estabilidade, repunta con claridade. Faino ata o 10,8%, unha cifra evidentemente moito máis positiva que as décadas previas (no ano 2000 roldaba o 30% e hai década e media aínda estaba na contorna do 25%), pero tamén a peor en catro anos.

Neste retrato robot da xente moza á que, por idade, lle correspondería rematar a Educación Secundaria Obrigatoria entre 2016 e 2022 segue habendo unha marcada diferenza por xénero. Mentres que o incremento nun ano é de 1,7 puntos entre a total da poboación, ata o devandito 10,8%, nos mozos dispárase máis de 3 puntos e chega ao 15% mentres nas mozas aumenta catro décimas e chega ao 6,5%.

A Consellería de Educación asegura ter o foco posto nesta fenda de xénero, superior aos 8 puntos. "Actuarase especialmente sobre eles" con "accións dirixidas especialmente á poboación masculina" que "deixou a educación antes de rematala. O departamento que dirixe Román Rodríguez cita entre os seus plans "un sistema de orientación profesional e vocacional" e "ferramentas para facilitar a titulación da poboación moza a través da acreditación de competencias".

Outra volta por riba da media da UE

A repunta da taxa de abandono escolar temperán, que Educación ve "puntual" ao poñer o foco nas melloras previas, aproxima o dato galego ao estatal, que mellorou levemente ata quedar no 13%. E, á espera os datos definitivos de 2024, apunta a que Galicia volve estar por riba da media da Unión Europea neste indicador, que a nivel comunitario vén transitando nos últimos exercicios por baixo do 10%. Hai apenas unha década, non obstante, a diferenza entre Galicia e a media da Unión era superior aos dez puntos.

Menos peso no mercado laboral

Hai unha década a mocidade que non estudara despois da ESO supuña un terzo da poboación de 16 a 29 anos que traballaba en Galicia. Agora non supera o 17%

Dado que os indicadores de abandono escolar temperán derivan da Enquisa de Poboación Activa é posible observar se, como sucedeu no pasado, o incremento desta taxa se debe a un maior peso no mercado laboral da mocidade con menor nivel de formación. E as cifras indican que agora non está a suceder.

Os datos de 2024 amosan que a taxa de ocupación da mocidade galega supera o 39%, polo que case catro de cada dez persoas de entre 16 e 29 anos están traballando, un nivel xa por riba ao acadado antes da COVID. Dende a pandemia tamén vén aumentando de maneira sostida a taxa de actividade -persoas que traballan ou buscan traballo- nesta franxa da poboación ata volver achegarse ao 50% mentres o paro tende a descender, aínda que en 2024 aumentou dous puntos, ata o 20%.

Pero, ao observarmos o nivel de formación acadado pola xente moza que ten traballo o que din os datos é que a que non pasou da ESO pesa cada vez menos. Hai unha década case un terzo da poboación de entre 16 e 29 anos que estaba a traballar no noso país estudara, como moito, ata Secundaria (case 40.000 persoas). Agora son algo menos de 23.000 persoas, o que representa algo menos do 17% da mocidade ocupada. 

A mocidade con estudos superiores gaña relevancia no mundo do traballo e xa supón o 50% da poboación de 16 a 29 anos ocupada en Galicia

Mentres, a poboación moza ocupada que estudou ata o Bacharelato ou equivalente aumentou uns seis puntos nunha década e é case un terzo do total. A que rematou estudos superiores, algo máis de 65.000 persoas, tende a pesar cada vez máis e  en 2024 xa superou o 50% do total da mocidade que está a traballar en Galicia.

A esta ligazón entre maior formación e maior inserción laboral alude tamén Educación na súa valoración dos datos. A Consellería pon especialmente o foco no denominado Plan FPGal 360, que pretende fortalecer a Formación Profesional "como opción de futuro" con accións "preventivas cara á permanencia do alumnado no sistema educativo" coma "o refozo da FP Básica", os devanditos programas de orientación "xa dende a última etapa de Primaria" ou "accións específicas" para colectivos como "novos galegos que chegan do estranxeiro ou persoas con discapacidade".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.