A Audiencia Nacional ve "excepcional" o accidente múltiple de 2014 na A-8 pola néboa e exime o Estado, pendente de mellorar a seguridade

Luces contra a néboa activadas no alto do Fiouco da Autovía do Cantábrico (A-8) CC-BY-SA Praza Pública

Nun treito no que meteorólogos e veciñanza constatan que a néboa é habitual en primavera e verán, o tribunal di que “a situación pode cualificarse de excepcional, dado o día, en pleno mes de xullo”

A obriga da Administración de manter as estradas en condicións de uso seguro “non implica que en cada minuto se estea actuando ante eventualidades como a que ocorría” o 26 de xullo de 2014, nunha das frecuentes xornadas de néboa nesa época no alto do Fiouco, polo que pasa a A-8 e no que ese día un accidente múltiple deixou unha falecida e medio cento de persoas feridas. Así o vén de establecer a Audiencia Nacional en dúas sentenzas similares nas que exime o Estado -aínda pendente de novas melloras de seguridade na zona- de responsabilidade polo sinistro, que se produciu nun treito no que meteorólogos e veciñanza constatan que a néboa é habitual en primavera e verán pero do que o tribunal di que “a situación pode cualificarse de excepcional, dado o día, en pleno mes de xullo”.

A-8 ao seu paso polo alto do Fiouco CC-BY-SA Praza Pública

O deber da Administración de manter as estradas en condicións de uso seguro "non implica que en cada minuto se estea actuando ante eventualidades como a que ocorría na data", di a Audiencia

As sentenzas, avanzadas por La Voz de Galicia e consultadas por Praza.gal, son as últimas de diversos procesos xudiciais abertos por varias persoas afectadas polo accidente. A Audiencia Nacional pronúnciase agora na vía contencioso-administrativa sobre a reclamación de responsabilidade patrimonial que formularon sen éxito ante o ministerio por unha banda os pais e unha irmá da falecida e, por outra, a parella e unha filla, proceso que se resolve despois de que a xustiza tampouco vise responsabilidade penal no sinistro.

Cunha redacción similar nas dúas sentenzas, os xuíces din que “non pode considerarse como causa eficiente do accidente a falta de dilixencia da Administración no cumprimento do seu deber de manter as estradas en condicións de ser usadas cuns razoables estándares de seguridade, deber que non implica que en cada minuto se estea actuando ante eventualidades como a que ocorría na data”. E engaden quen que “entender o contrario suporía a aplicación dunha responsabilidade da Administración non xa obxectiva senón practicamente automática en calquera tipo de accidente que se produza na utilización do servizo público”.

O proceso penal previo que rematou arquivado non viu responsabilidade penal no condutor dun camión que levaba velocidade "inadecuada" e cuxa perda de control os técnicos consideraron a orixe do accidente múltiple

Para chegar a esa conclusión as sentenzas refírense tamén ao proceso penal previo que resultou arquivado e recupera a investigación policial, que acepta como hipótese que o comezo do accidente produciuse por unha velocidade “inadecuada para as condicións de visibilidade” dun camión articulado que circularía segundo as estimacións a 86 quilómetros por hora e que ao intentar unha manobra evasiva para evitar outros vehículos perdeu o control. A velocidade máxima para ese tipo de camións nese treito era de 90 por hora, considerouse que a que levaba o sinistrado era “inadecuada” por “non poder deter o vehículo dentro do campo de visión do condutor”, pero estableceuse que a actuación deste non podía era “penalmente punible”.

A Audiencia Nacional considera suficientes a sinalización e as balizas luminosas que había na zona no momento do accidente e rexeita que o feito de que o ministerio posteriormente as reforzase non implican un “nexo causal” entre as mesmas e o sinistro. Isto é, que se mellorasen e aínda se vaian mellorar máis as medidas de seguridade na zona, di o tribunal, non significa que as que había naquel momento fosen a causa do accidente.

Sentenza da Audiencia Nacional sobre o accidente múltiple na A-8 do 26 de xullo de 2014 CC-BY-SA Praza Pública

A argumentación textual que usan as dúas sentenzas é esta: “A Sala considera que non pode concluírse na existencia do nexo causal porque se incrementaran as medidas que se reproducen. As preexistentes eran relevantes, e a situación pode cualificarse de excepcional, dado o día, en pleno mes de xullo, e a hora, no mediodía, non téndose acreditado que no punto quilométrico en cuestión se producisen outros accidentes”

O tribunal usa a expresión “a situación” sen aclarar se a súa consideración de “excepcional” a dirixe ao accidente ou á néboa, que meteorólogos e veciñanza da zona, e mesmo o ministerio, consideran frecuente nesa época do ano. Por outra banda, a referencia a que non se producisen outros accidentes debe contextualizarse co feito de que o treito fora inaugurado o 3 de febreiro de 2014, menos de medio ano antes, e despois del a autovía foi cortada ao tráfico cada vez que se rexistrou unha néboa tan mesta.

Tras o accidente o ministerio consultou posibles inventos para paliar a visibilidade cuxos prototipos aínda están a ser probados agora

Tras o accidente, o ministerio reforzou progresivamente e en distintas fases a sinalización e as medidas de seguridade da vía e abriu un proceso para consultar a calquera empresa ou particular interesado posibles inventos para paliar a falta de visibilidade nese treito. Seis anos e medio despois do accidente, aínda agora están a ser probados na zona os prototipos deses inventos.

Recreación dos prototipos de inventos contra a néboa que se están a probar na A-8 CC-BY-SA Ministerio de Transportes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.