A campaña para a implantación da enfermaría escolar suma 33.000 sinaturas para entregar no Parlamento

Unha enfermeira nun centro de ensino ©

Os colectivos que impulsan a Proposición Non de Lei para o Recoñecemento e Regulación da Figura da Enfermería Escolar entregarán este luns no Parlamento 32.821 sinaturas ante a Xunta Electoral de Galicia. O obxectivo da iniciativa é que as escolas teñan no seu cadro de persoal titulados en Enfermería que se encarguen de xeito específico de atender os nenos e nenas con algunha enfermidade crónica, caso da Diabetes Mellitus tipo 1, epilepsia, asma, autismo ou hiperactividade, ou aqueles que se incorporan á escola tras afrontar un recente proceso oncolóxico.

Os enfermeiros e enfermeiras escolares realizan tamén labores de Educación Sanitaria, promovendo hábitos saudables na alimentación, actividade física e educación sexual

Como destacaba nesta entrevista a doutora Maite Peña, portavoz da iniciativa, "a presenza de enfermeiros e enfermeiras nas escolas permitiría unha mellor integración dos alumnos e alumnas con enfermidades crónicas, facilitando tamén a conciliación para as familias". Salientan, igualmente, que na última década se diagnosticaron 559 novos casos de Diabetes tipo 1 en menores de 15 anos, dos cales 330 eran menores de 10 anos.

A campaña subliña, ademais, que as tarefas a desenvolver por un enfermeiro/a escolar non son só unicamente asistenciais ante as alteracións da saúde agudas ou crónicas, senón que tamén realiza labores de Educación Sanitaria, promovendo hábitos saudables na alimentación, actividade física e educación sexual. Lembran neste senso que a obesidade infantil se sitúa preto do 40% en España, sendo un coñecido factor de risco da saúde cardiovascular.

"É beneficioso en termos de produtividade laboral para os profesores e para os pais e mellora a conciliación familiar"

As entidades promotoras engaden que "as experiencias da implantación do enfermeiro/a escolar demostran que a relación custo-efectividade é beneficioso en termos de produtividade laboral para os profesores e para os pais", ademais de contribuír "a reducir o absentismo escolar e mellorar a conciliación familiar".

Rematan sinalando que Madrid, Valencia, Estremadura, e Murcia xa contan con enfermeiros nas súas escolas; e que outras comunidades, como Andalucía, Canarias e Castela e León recoñecen esta figura e están traballando no seu desenvolvemento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.