A Creba, a illa comunal privatizada hai cen anos con artificios legais que pelexa por volver ser "do pobo" ante a inacción das administracións

A ocupación pacífica da Illa da Creba tivo lugar este sábado pola mañá © Plataforma pola recuperación da Illa da Creba

A acción finalizou este domingo pola tarde, despois de que os ocupantes pasasen a noite na illa, destacando que “esta ocupación simbólica é un importante chanzo nesta loita de décadas para que A Creba volte ser pública”

Na mañá deste sábado ducias de persoas ocuparon pacifica e simbolicamente a Illa da Creba, en Muros, para reclamar a súa devolución á titularidade pública e a fin da privatización iniciada hai exactamente un século e que se consumou nas últimas catro décadas, con sucesivas construcións de cuestionable legalidade que acabaron dando lugar a unha residencia de luxo, que na actualidade se aluga a visitantes. A acción finalizou este domingo pola tarde, despois de que os ocupantes pasasen a noite na illa, destacando que “esta ocupación simbólica é un importante chanzo nesta loita de décadas para que A Creba volte ser pública”.

Como chegou a Illa da Creba, que fora sempre un terreo comunal, propiedade da veciñanza de Esteiro, a esta situación? Que fixo e que non fixo a administración para protexer o espazo -mesmo o dominio público marítimo-terrestre- da súa apropiación por parte de particulares? Francisco Abeijón publicou recentemente o informe A Illa da Creba. Un baldío comunal, editado pola Fundación Galiza Sempre, que percorre a historia do lugar e os detalles do seu proceso de privatización.

"A Illa da Creba é, ante todo, un símbolo da loita veciñal na defensa do público", destaca Francisco Abeijón

Abeijón destaca neste texto que "a Illa da Creba converteuse nun símbolo de que, sexa unha marea popular ou un simple veciño indignado, sexa a través dun grupo organizado ou pola vontade e obstinación dun par de persoas, sempre ficará alguén que defenda a lexitimidade da súa propiedade comunal, alguén que defenda que a Illa deixe de estar okupada ilexitimamente e volva a ser e un espazo público para uso e goce do que a xente do común considere preciso usar e beneficiarse". "A Illa da Creba é, ante todo, un símbolo da loita veciñal na defensa do público", conclúe.

A Illa, cunha extensión de 7,5 hectáreas e pertencente ao Concello de Muros, sitúase a poucos metros da costa de Esteiro, en Punta Uhía, e non lonxe da outra beira da Ría de Muros e Noia, en Portosín, na Península do Barbanza. Atópanse referencias sobre a illa nos textos de Plinio o Vello e mais nas crónicas do primeiro arcebispo da diocese de Compostela, Diego Xelmírez, que recollen a importancia do illote durante as incursións de sarracenos e normandos.

Durante séculos a illa foi un terreo comunal e a veciñanza de Esteiro empregaba principalmente as súas toxeiras e herba para o gando, ademais da corta de leña

Como conta Francisco Abeijón no documento, "entre relatos de naufraxios e de batallas contra os invasores, foi collendo entre a poboación un certo aire de misticidade, que levaría a que uns séculos despois se construíse na illa unha ermida dedicada a Santa Mariña da Creba". A ermida xa non existía no século XIX, pero ficou no imaxinario da poboación da contorna. Durante séculos a illa foi un terreo comunal e a veciñanza de Esteiro empregaba principalmente as súas toxeiras e herba para o gando, ademais da corta de leña, aproveitando que coa marea baixa o paso á illa mesmo se podía facer a pé. 

"Ao longo do século XX algúns 'amigos do alleo' puxeron en marcha unha serie de actuacións que tiñan como fin último privatizar un terreo que sempre foi comunal, e que a día de hoxe debera formar parte do inventario de bens do Concello de Muros", di Abeijón

Abeijón subliña no seu informa que a Illa da Creba "foi sempre un espazo público de libre aceso, e así debera seguir sendo". Porén, "ao longo do século XX algúns 'amigos do alleo' puxeron en marcha unha serie de actuacións que tiñan como fin último privatizar un terreo que sempre foi comunal, e que a día de hoxe debera formar parte do inventario de bens do Concello de Muros". Abeijón destaca neste senso que o caso da Illa Creba "serve de exemplo de actuación ineficaz dunha administración que non é quen de protexer os bens de natureza comunal".

Falamos dun tempo no que en amplas zonas de Galicia moitos terreos comunais foron apropiados por particulares sen que as distintas administracións fixeran nada para evitalo. En ocasións foron as propias autoridades municipais quen se fixeron directamente con estas propiedades comunitarias ou as repartiron entre os veciños dun lugar, privatizándoas.

A ocupación pacífica da Illa da Creba tivo lugar este sábado pola mañá © Plataforma pola recuperación da Illa da Creba

O primeiro paso na apropiación da Illa da Creba chegou en 1922, cando foi inscrita en favor de Tomás Canay Pérez e Encarnación Gerpe Cantorna no rexistro da propiedade do Concello de Outes, a pesar de que a illa forma parte de Muros

O primeiro paso na apropiación da Illa da Creba chegou en 1922, cando no rexistro da propiedade do Concello de Outes foi inscrita en favor de Tomás Canay Pérez e Encarnación Gerpe Cantorna. Como foi isto posible se se trataba dun ben comunal e, ademais, formaba parte do termo municipal de Muros (así quedara acreditado no deslinde do Instituto Xeográfico Nacional de 1920)? O primeiro problema xurdiu da falta de inclusión da illa no inventario de bens da corporación municipal de Muros a pesar de ser unha obriga legal do regulamento de bens das entidades locais.

En segundo lugar, a parella que puxo a illa ao seu nome, que obviamente carecía dun título de propiedade, alegou que recibiran A Creba en herdanza, e ademais asegurou que viñeran pagando nos anos anteriores os recibos da contribución rústica no Concello de Outes, a pesar de que o terreo pertencía a Muros. A inscrición foi legalizada polos funcionarios de Outes. En 1988 o xulgado de Noia ratificou o dominio privativo da Illa da Creba nun proceso no que o Concello de Muros se opuxo pero "incomprensiblemente non foi quen de facer valer os argumentos da titularidade pública", como destaca Francisco Abeijón.

Malia a usurpación legal, en realidade pouco mudou ata o ano 1981. Nese momento comezou a construción dunha vivenda no centro do illote. Ademais, solicitouse a autorización para instalar unha granxa mariña de cultivo de rodaballo e permiso para a construción dunha rampla de atraque

A pesar da inscrición de 1922, a poboación de Esteiro seguiu facendo uso da illa, como sempre fixera. En 1942 os novos donos da Creba tentaron impedilo xudicialmente, pero o tribunal de Outes recoñeceu que este aproveitamento sempre se fixera "por modo público e sen oposición de ninguén, incluso do denunciante".

Malia a usurpación legal, en realidade pouco mudou na illa ata o ano 1981. Nese momento comezou a construción dunha vivenda no centro do illote, solicitándose permiso perante a Comandancia Militar de Mariña da Coruña. Porén, as obras non agardaron nin sequera á resolución desa solicitude e foron paralizadas polo Concello de Muros. Os titulares da illa solicitaron entón permiso no Concello de Outes, que sorprendentemente si llo concedeu, malia non ter competencias para facelo.

En paralelo coas obras de construción da vivenda, solicitouse a autorización para instalar na illa unha granxa mariña de cultivo de rodaballo, concedida finalmente pola Consellería de Pesca en 1987, e outra para o cultivo de ameixa. Porén, nin unha nin outra se executaron en ningún momento. En 1990 tamén se solicitou permiso para a construción dunha rampla de atraque para embarcacións.

A Illa, en 1989 © https://acrebaisland.com/

Toda esta actividade espertou unha vaga de indignación na poboación, dando lugar á creación do 'Comité para a defensa da illa da Creba' e accións de protesta, entre elas unha "toma simbólica" da illa o 1 de maio de 1990, a cargo de 300 persoas

Toda esta actividade, que incluíu a construción dun valado para impedir o acceso da veciñanza, espertou unha vaga de indignación na poboación de Muros, especialmente na de Esteiro, constituíndose un 'Comité para a defensa da illa da Creba' e levándose a cabo accións de protesta, entre elas unha "toma simbólica" da illa o 1 de maio de 1990, a cargo de 300 persoas chegadas de toda a comarca e coa participación de edís de PSG-EG e BNG, entre eles o alcalde de Noia, Pastor Alonso, e mais da confraría de pescadores San Bartolomeu. 

Nese mesmo ano de 1990 a illa foi declarada Espazo Natural Protexido, e así figura nas normas complementarias e subsidiarias de planeamento da provincia da Coruña, o que obriga a seguir procedementos extraordinarios nos procesos de concesión de licenzas que nunca se cumpriron.

En 1999 o Ministerio de Medio Ambiente denegou o permiso para construír a rampla de atraque e ordenou a Costas comezar a caducidade das concesións que estivesen abandonadas e demoler as obras feitas sen autorización

En 1999 o asunto chegou ao Congreso dos Deputados da man de Francisco Rodríguez (BNG), que conseguiu que a Comisión de Medio Ambiente se posicionara de forma unánime en contra da construción dunha rampla de atraque e a prol de repoñer o dominio público ao seu estado natural anterior ao inicio das obras. Pouco despois, o propio Ministerio de Medio Ambiente denegou o permiso para realizar esta obra e ordenou a Costas comezar a caducidade das concesións que estivesen abandonadas e demoler as obras feitas sen autorización. O teórico propietario da illa recorreu xudicialmente esta resolución, pero en 2002 a Audiencia Nacional ratificou a orde ministerial. Porén, vinte anos despois a a sentenza segue sen ser executada polo Goberno central.

En 2002 a Audiencia Nacional ratificou a orde ministerial. Porén, vinte anos despois a a sentenza segue sen ser executada polo Goberno central

O asunto chegou á Valeduría do Pobo, que indicou que debía ser o Concello quen comezase as iniciativas precisas para a recuperación do dominio. Creouse unha comisión municipal e o daquela alcalde Domingos Dosil (BNG) chegou a solicitar a expropiación da illa e a súa inclusión no Parque Nacional das Illas Atlánticas, como recentemente se fixera coas Illas de Sálvora, Vionta e Noro, adquiridas polo Ministerio de Medio Ambiente en 2007 por 8,5 millóns de euros. Porén, as distintas accións non deron resultado e na última década a reclamación dende o Concello de Muros foi perdendo forza. 

En 2007 o daquela alcalde de Muros solicitou a expropiación da illa e incluíla no Parque das Illas Atlánticas, como se fixera con Sálvora

Ata este ano 2022, no que no centenario do primeiro acto de privatización, están a levarse a cabo distintas accións para devolver o espazo a mans públicas, dende a ocupación realizada estes días pola Plataforma pola recuperación da Illa da Creba coa participación de Galiza Nova ata a proposición non de lei presentada no Parlamento polo BNG, rexeitada polo PP co argumento de que se trata dunha propiedade privada inscrita legalmente no Rexistro e que non presenta "valores naturais" que xustifiquen a súa expropiación.

En paralelo, e ante a inacción das distintas administracións competentes, os novos propietarios da Illa da Creba continuaron a realizar modificacións no espazo, convertido nunha vila de luxo

En paralelo, e ante a inacción das distintas administracións competentes, os novos propietarios da Illa da Creba continuaron a realizar modificacións no espazo, convertido nunha vila de luxo (a illa anúnciase en Internet como A Creba, Private Island), entre eles recheos, a construción dun peirao cunha ocupación de preto de 1.900 metros cadrados de dominio público, un heliporto e a plantación de vexetación, unhas obras que tamén puxeron en risco o banco marisqueiro da Creba, rico en ameixa babosa.

O grupo de activistas que este sábado e domingo ocupou a illa recolleu neste senso distintas "probas" de "ilegalidades" que se están a realizar no lugar "para denuncialas publicamente e poñelas en coñecemento das autoridades". Entre elas sinalan "a repoboación forestal con árbores non autóctonas, mesmo con algunhas especies invasivas, a pavimentación ilegal na liña de costa, co levantamento de valados de cemento na mesma, pasando polo mantemento da construción do dique de abrigo, que ten unha sentenza firme de derrubo que non foi executada, até as propias construcións de instalacións hoteleiras e anexos ás mesmas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.