A gripe entra nas súas semanas de maior intensidade en Galicia

Falecementos por gripe nos últimos anos CC-BY-SA Praza Pública

A onda de gripe do último inverno foi a máis mortífera en Galicia nos últimos anos. En total, producíronse 223 falecemento relacionados con esta enfermidade, segundo os datos oficiais do SERGAS, un crecemento do 64% con respecto ao ano anterior

O pasado ano das 223 persoas mortas pola gripe, 222 tiñan indicada a vacina, ben por idade ou ben por outros factores de risco, pero 102 non se vacinaran

As mortes por gripe en Galicia levan crecendo dende o ano 2013, despois de décadas de descenso. Na década dos 80 varios anos superaron a cifra de 100 mortes, pero entre o 2001 e o 2013 os números movéranse entre as 8 e as 33. Os últimos 5 anos este indicador non deixou de medrar, chegando a 70 falecementos no 2017 (último exercicio con datos completos), que de seguro se incrementarán no 2018.

Os últimos datos facilitados polo SERGAS, a mediados de decembro, indicaban que máis de 513.000 galegos e galegas se vacinaran esta campaña contra a gripe, mellorando os datos do ano anterior, na que se protexeron un 58% das persoas de máis de 65 anos. Cómpre lembrar que o pasado ano, das 223 persoas mortas pola gripe, 222 tiñan indicada a vacina, ben por idade ou ben por outros factores de risco, pero 102 non o fixeran. Os puntos de vacinación preventiva seguirán abertos durante todo o mes de decembro. 

Este ano a intensidade da gripe aínda baixa e os casos rexistrados, esporádico. Así o indican as estatísticas que semanalmente ofrece o SERGAS, que recollen a evolución das consultas rexistradas por este motivo na Atención Primaria e tamén as chamadas ao 061. Foi un outono cálido en Galicia, o que de de seguro está a adiar o pico da enfermidade.

Na campaña 2017-18 non foi ata as semanas 50 e 51 (na que nos atopamos) que a incidencia da gripe se disparou. E na 2016-17 a intensidade medrou na derradeira semana de decembro

Dende o principio da tempada e ata o mércores día 19 de decembro declaráronse só 24 ingresos por gripe; do total de casos, 5 requiriron asistencia en uci e dos 23 que tiñan indicada a vacina, 18 non a recibiran.

Porén, tamén nos dúas últimas campañas o comezo do mes de decembro rexistraba unha baixa intensidade gripal. Na campaña 2017-18 non foi ata a semana 50 e 51 (na que nos atopamos) que a incidencia da gripe se disparou. E na 2016-17 a intensidade medrou espectacularmente na derradeira semana de decembro. Nos dous casos o pico da gripe estendeuse por todo o mes de xaneiro, descendendo ao longo de febreiro ata niveis basais. A Axencia Estatal de Meteoroloxía adiantou este xoves que se espera un inverno máis frío e máis chuvioso do habitual en Galicia.

Evolución semanal das consultas sobre gripe en Atención Primaria nas tres últimas campañas CC-BY-SA SERGAS

 O problema non é a gripe, senón os recortes, que xeraron unha diminución de recursos que impide atender este incremento de demanda, que se produce todos os anos"

Nos dous últimos anos as semanas de maior intensidade da gripe provocaron situacións de saturación nos hospitais galegos, o que motivou as críticas de sindicatos, asociacións profesionais e pacientes. "Para nós o problema non é a gripe, senón que son os recortes, que xeraron unha diminución de recursos que impide atender este incremento de demanda, que se produce todos os anos, destacaba Manuel Martín (Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública) que engadía que "temos que ter a cantidade de camas necesarias. En Galicia a media de camas por habitante non chega ás 3, cando na UE supera as 5". 

María Xosé Abuín (CIG) ligaba os problemas nos hospitais ás limitacións de persoal e servizos na Atención Primaria. E para Ángel Cameselle (CC.OO.), as solucións que se tomen "non poden atender unicamente á conxuntura, senón ir máis aló, porque as necesidades asistenciais en Galicia están cambiando por mor do envellecemento da poboación".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.