A hospitalización por COVID cae a niveis previos á segunda vaga

Un punto de probas de cribado da COVID-19 nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Sergas comunica dous novos falecementos, o que suma 2.401 desde o comezo da pandemia, e 177 novos casos da enfermidade

Na última xornada o Sergas vén de sumar 177 novos casos de COVID-19 á serie histórica da enfermidade en Galicia desde o comezo da pandemia, o que supón manter o período máis estable desde o pasado verán. Tamén a aquel momento comezan a parecerse as cifras de hospitalizacións totais, que veñen de caer a 172 casos, cifras similares ás de hai un mes e ás que se rexistraban o pasado setembro, ao comezo da segunda vaga.

Na última xornada a Xunta comunica dous novos falecementos, ata un total de 2401, e a realización dunhas 6.500 probas PCR, cifra lixeiramente inferior á das últimas semanas.

Hai 38 doentes en UCI pero a hospitalización ordinaria pasa de 146 a 134 casos

Nos hospitais segue a haber 38 doentes en unidades de coidados intensivos, pero a hospitalización ordinaria pasou na última xornada de 146 a 134 casos. Isto sitúa a hospitalización total en 172 casos. A comezos de abril xa se rexistraran niveis similares e desde aquela houbo lixeiras oscilacións pero sen chegar a superarse os 220 casos.

Estes rangos de cifras, por baixo das 200 hospitalizacións, non se rexistraban desde o pasado verán e contrastan coas preto de 1.500 persoas hospitalizadas que chegou a haber na terceira vaga, a comezos de febreiro. Ademais, o tipo de doente ingresado é xa moi distinto. [Galicia busca comezar o verán co groso das persoas maiores de 40 anos vacinadas e unha redución ao mínimo dos casos graves de COVID].

A estabilidade é tamén a nota dominante na evolución da incidencia nas cidades

Canto a evolución xeográfica, a estabilidade é tamén a nota dominante, con evolucións case planas das curvas de incidencia na maioría das cidades e apenas lixeiros incrementos nos últimos días en Santiago e Ferrol e baixadas en Lugo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.