A incidencia da COVID en Galicia mantense estable nunha nova xornada sen positivos nas residencias e sen mortes

Cribado da COVID en Betanzos a finais de xaneiro de 2021 e evolución dos novos casos rexistrados en Galicia CC-BY-NC-SA Foto: Concello de Betanzos | Montaxe: Praza Pública

A situación da pandemia en Galicia mantén de momento a mesma estabilidade amosada nos días anteriores. A diferenza doutras comunidades autónomas, como Madrid, Navarra, A Rioxa ou Euskadi, o número de positivos segue sen aumentar de forma significativa, aínda que a cifra de novos diagnósticos de Covid-19 hai unha semana que deixou de descender. 

A media diaria de novos positivos nos últimos sete días (121) é lixeiramente superior ao da semana anterior, o que podería estar indicando un cambio de tendencia

Este sábado a Consellaría de Sanidade notificou 108 novos positivos, 90 deles detectados por proba PCR nas últimas 24 horas. Son cifras lixeiramente inferiores ás comunicadas o pasado sábado,  aínda que é posible que exista un certo efecto 'festivo' provocado polo Venres Santo, que provocara este descenso. A media diaria de novos positivos nos últimos sete días (121) é lixeiramente superior ao da semana anterior, o que podería estar indicando un cambio de tendencia, cun aumento da incidencia que comezaría a ser máis claro a vindeira semana.

A taxa de positividade mantense en niveis moi reducidos, por debaixo do 3%, aínda que dende hai dúas semanas amosa unha lixeira tendencia á alza

A taxa de positividade mantense en niveis moi reducidos, por debaixo do 3%, aínda que dende hai dúas semanas amosa unha lixeira tendencia á alza. O número de probas PCR realizadas este venres (2.222) é un dos máis baixos dende hai meses, o que obriga a ollar os datos notificados este sábado con cautela.

Este venres non se produciron novas mortes pola Covid-19 en Galicia e a cifra total dende o inicio da pandemia mantense nas 2.344. Tampouco hai novos falecementos nas residencias dende hai varios días nas residencias, onde por terceiro día consecutivo non se rexistran casos positivos entre os usurios e usuarias. 

O Grove (276), A Pobra do Caramiñal (236), Carral (232), Baiona (231) e Sanxenxo (218) son as vilas que presentan peores datos de incidencia

En canto á incidencia por concellos, A Pobra do Brollón, O Irixo e Beade son as únicas localidades que se sitúan por riba dos 500 casos por cada 100.000 habitantes. Outros tres concellos, entre eles O Grove, presentan datos entre 250 e 500.

O Grove (276), A Pobra do Caramiñal (236), Carral (232), Baiona (231) e Sanxenxo (218) son as vilas de importancia que presentan peores datos.

Pola contra, hai 148 concellos que non rexistraron ningún novo positivo de Covid-19 nos últimos 14 días e 187 localidades que non tiveron casos novos na última semana.

Nas cidades, A Coruña segue a ser a urbe con peores datos (cunha IA de 125), pero cunha clara tendencia descendente. Pola contra, Vigo (105) leva máis dunha semana cunha lenta tendencia de ascenso. O resto das cidades presentan menos casos por habitante, con Ourense e Lugo con incidencias acumuladas por debaixo dos 50 positivos por cada 100.000 habitantes.

É a primeira vez dende xaneiro que a cifra de camas ocupadas aumenta dunha semana a outra

As malas novas chegan este sábado dos hospitais, onde o número de pacientes Covid-19 ingresados é superior ao que se rexistraba o pasado sábado. É a primeira vez dende o mes de xaneiro que a cifra de camas ocupadas aumenta dunha semana a outra. Neste momento hai 30 persoas nas UCI cun diagnóstico positivo e 180 no resto de unidades de hospitalización.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.