A loita do estudantado de Medicina logra un acordo coa USC que pon fin á folga

Os delegados do alumnado de Medicina reciben o apoio das compañeiras antes da reunión © Asemblea Aberta Medicina

A Asemblea Aberta de Medicina da USC anunciou a última hora deste venres a desconvocatoria da folga iniciada o pasado martes na facultade para reclamar melloras no funcionamento administrativo, a docencia e as prácticas do centro. Logo dunha longa xuntanza, de case nove horas, a Universidade, o decanato e os delegados que representaron o alumnado anunciaron a sinatura dun acordo marco que provoca que as aulas se retomen desde o vindeiro luns. 

Decanato, alumnado e USC ratificaron e asinaron un acordo marco logo de case nove horas de reunión e catro días de folga

“Temos acordos sobre a mesa. Pero isto non remata aquí, pois agora vén o máis complicado: cumprilos”, explicaba a Asemblea nas redes sociais. Desde a USC, o seu goberno emitía un comunicado no que di “apoiar, de xeito incondicional, o acordo marco acadado entre decanato, departamentos e delegadas e delegados do alumnado da Facultade de Medicina”. 

Xuntanza celebrada en San Xerome e presidida polo reitor da USC © Santi Alvite

O documento que puxo fin á folga establece o compromiso de aplicar, de forma inmediata, mudanzas nos criterios de corrección nos exames tipo test, descentralizar as prácticas dos centros de saúde, evitar o exceso de horas presenciais, modificar o plan de estudos e solucións máis rápidas para as convalidacións. Ademais, ambas partes comprométense á apertura dunha caixa de correo electrónico e confidencial onde os mozos e mozas poidan denunciar actitudes reprochables por parte do profesorado para poder logo actuar contra estas. 

O acordo compromete a mudanzas nos criterios de corrección, evitar o exceso de horas presenciais ou modificar o plan de estudos

O acordo é máis amplo, ao incluír tamén compromisos sobre a mellora nas condicións das prácticas clínicas, a posibilidade dos alumnos de seren avaliados en galego e en castelán ou unha mellor planificación dos calendarios das materias. 

A xuntanza que puxo fin á folga foi presidida polo reitor da USC, Antonio López que logo, nun comunicado, quixo “agradecer o compromiso evidenciado polo movemento estudantil para coa calidade da docencia que reciben así como para coa proposta de vías que contribúen á mellora do funcionamento do centro”. 

“O respecto e sensatez co que organizaron as protestas así coma a cordialidade da súa execución non fixeron máis ca lexitimalas contribuíndo, de xeito directo, á construción do espazo democrático do que a universidade debe ser exemplo e garante”, dixo nun texto no que o equipo de goberno da Universidade comprometeuse a “crear novos espazos de diálogo coa comunidade universitaria e poder participar doutros xa creados”, polo que iniciará “unha rolda de contactos” cos representantes do alumnado. 

O reitor comprometeuse a iniciar unha "rolda de contactos" coa comunidade universitaria tras a creación doutras asembleas que piden melloras na USC

Ten en conta así a USC a creación doutras asembleas de estudantes noutros factulades como as de Psicoloxía, Comunicacion, Ciencias Políticas ou Maxisterio, todas elas co obxectivo de reclamar melloras no funcionamento dos seus centros. Segundo o equipo de goberno da Universidade, estes novos encontros “servirán para tratar, entre outros temas, os efectos da implantación do Plan Boloña nos distintos sectores da comunidade universitaria e tratar de corrixir os problemas a que poidan estar dando lugar”. 

"Hoxe baixamos os cartaces. Grazas a todas as persoas que nos amosaron o seu apoio, a todas as alumnas que deron o mellor delas durante estes catro longos días e, sobre todo, ás delegadas. Sen vós non sería posible. Grazas", di a Asemblea Aberta de Medicina nas súas redes sociais. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.