"A mediación pode resolver os conflitos cun menor custo económico e emocional que a vía xudicial"

A mediación é un métado cada vez máis empregado na resolución de conflitos persoais ou organizacionais ©

Este 21 de xaneiro celébrase o Día Europeo da Mediación. A mediación é un método alternativo de resolución de conflitos que busca acadar unha solución aceptable para todas as partes evitando chegar á instancia xudicial. En realidade, pode substituír á vía xudicial, pero tamén pode ser complementaria desta e non a exclúe. É un procedemento que se está a usar cada vez máis en cuestións familiares (por exemplo para o reparto de herdanzas ou para o reparto de ben despois dunha separación), en materia de seguros (entre asegurados e aseguradoras ou entre as propias compañías aseguradoras), en conflitos empresariais ou entre organizacións e mesmo en disputas veciñais.

"A mediación serve para resolver un conflito ou unha discrepancia sen ter que acudir a métodos máis agresivos, como pode ser a vía xudicial", di Elena Miranda

"A mediación é unha maneira distinta de resolver as nosas diferenzas. Serve para resolver un conflito ou unha discrepancia sen ter que acudir a métodos máis agresivos, como pode ser a vía xudicial, na que unha demanda ou unha denuncia se poden converter nunha declaración de guerra", explica Elena Miranda, unha das integrantes do equipo de Enso Mediación, da Coruña, que vén de abrir as súas portas na rúa Castiñeiras de Abaixo.

"En España hai unha gran tendencia a levar todos estes asuntos directamente ao xulgado, pero a xente debería saber que este é un procedemento que ten uns custos non só económicos e temporais, senón tamén emocionais moi grandes", sinala, engadindo que "unha sentenza ou unha resolución xudicial non sempre arranxan o problema, e os conflitos en ocasións agudízanse, enquístanse".

Integrantes do equipo de Enso Mediación © Enso

A mediación non exclúe a posibilidade de acudir aos tribunais

E cal é o labor dos e das mediadoras nestes procesos? Elena Miranda comenta que a mediación "tenta solucionar ese problema nun espazo diferente: un espazo amable, no que podes comunicarte, no que podes explicarte co outro, no que se exploran as necesidades reais das persoas que están no conflito, ás que se lles dá voz e ás que se lles escoita". "Os mediadores somos expertos en comunicación, e buscamos converter ese espazo nun lugar seguro, facilitamos que as persoas se comuniquen dunha maneira diferente a como o veñen facendo. Reunímolas nun espazo, e deixamos que falen, ás veces por separado e ás veces xuntas", di.

"Os acordos aos que se chegan na mediación, cúmprense, porque ninguén chos impón"

"A mediación non exclúe a posibilidade de acudir aos tribunais, senón que é un proceso de comunicación alternativo ou simultáneo a outros, como a vía xudicial ou a arbitraxe", aclara pero advirte de que o paso por un tribunal pode supor "uns custos económicos, temporais e sobre todo emocionais" moi superiores. 

Finalmente, Elena Miranda destaca que a mediación supón tamén unha reivindicación "da autonomía das persoas para resolver os seus problemas, sen agardar a que unha persoa externa, por exemplo un xuíz, decida por elas". E destaca: "os acordos aos que se chegan na mediación, cúmprense, porque ninguén chos impón". "Cando ti chegas a un acordo non estás perdendo, senón que simplemente renuncias a algo para gañar outra cousa", remata.

O Colexio de Psicoloxía reivindica a mediación

"As estatísticas sinalan que os acordos conseguidos a través da mediación perduran máis no tempo"

"A mediación é unha ferramenta de grande utilidade social, que procura unha solución consensuada e satisfactoria para as partes implicadas nun conflito, ao tempo que axuda a aliviar o sobrecargado sistema xudicial", destaca o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG). O COPG defende "a utilidade da mediación na sociedade en todo tipo de conflitos, ben sexa no ámbito familiar, penal, sanitario, empresarial, laboral ou das organizacións" e engade que "as estatísticas sinalan que os acordos conseguidos a través da mediación perduran máis no tempo".

Na última década, o COPG vén desenvolvendo programas de mediación familiar intraxudicial en varias cidades galegas a través de convenios de colaboración asinados con colexios de avogacía, a Fiscalía do TSXG e coa Xunta. Porén, indica que este modelo "non é suficiente para garantir unha cobertura adecuada para toda a cidadanía". Por iso, o Colexio insta ás Administracións públicas a asumir como propio un servizo de mediación intraxudicial en todas as cidades de Galicia. 

 

Demanda á Xunta para que dote de máis recursos a ese procedemento

O Colexio de Avogados da Coruña reclámalle á Xunta "máis recursos e medios" para fomentar a mediación "como alternativa efectiva para a resolución de conflitos"

Aproveitando tamén a celebración do Día da Mediación, o Colexio de Avogados da Coruña presentou as cifras do seu Servizo de Mediación no ano 2019, no que se xestionaron 249 expedientes, a cantidade máis elevada dende a posta en marcha deste departamento no ano 2012. De todos os expedientes iniciados, o 40% finalizaron con acordo, confirmando para o Colexio de Avogados "que a mediación é unha opción a ter en consideración para a resolución de conflitos xudiciais".

"Ano tras ano confirmamos que a mediación é eficaz, é un proceso novo pero que cada vez ten unha maior influencia na sociedade. Non só as cifras aumentan, tamén a visión da mediación que ten a sociedade: cada vez é máis coñecida e ése máis receptivo a iniciar este proceso que favorece a consecución de acordos entre as partes", sinala a entidade.

"A Xustiza é lenta, temos atrasos de anos en moitos xulgados e a mediación é un mecanismo que podería aliviar a carga de moitos deles"

Neste senso, o Colexio reclámalle á Xunta "máis recursos e medios" para fomentar a mediación "como alternativa efectiva para a resolución de conflitos". "A Xustiza é lenta, temos atrasos de anos en moitos xulgados e a mediación é un mecanismo que podería aliviar a carga de moitos deles. Pero para conseguilo a Administración autonómica tería que dedicar unha maior dotación e mellorar os convenios para facer da mediación unha realidade moito máis asentada", sinala.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.