"Dixéronnos que tiñan instrucións específicas de Vueling para non deixar entrar a ninguén cunha proba en galego". Foi a resposta que o persoal en terra da compañía aérea deu ao galego Iván Mato no momento de embarcar xunto á súa familia, o pasado domingo, no voo destino a Londres, cidade onde reside e traballa.
O galego Iván Mato non puido subir ao avión a Londres por non presentar un test en castelán e cando a aeroliña xa validara o presentado en galego
O coruñés subiu con antelación o test de antíxenos que a lexislación británica esixe para volver á Illa á web da aeroliña, que llo deu por "correctamente validado". Pero á hora de coller o avión en Santiago, non puido subir. A explicación: Reino Unido só admite esa documentación en inglés, francés ou castelán. Iván, a súa parella e o seu fillo quedaron en terra e sen devolución do importe, pero non foron os únicos afectados. Son numerosas as persoas que en Galicia denuncian a imposibilidade de viaxar á Gran Bretaña e que sufriron casos semellantes con outras compañías.
O último, o caso doutra familia que intentou sen éxito voar este mércores desde Compostela con Ryanair. Outro, o dun grupo no mesmo voo no que non puido viaxar Iván. "Persoal de Vueling advertiunos de que era un problema frecuente", explica Mato a Praza.gal e na reclamación que cursou ante a compañía. "Faláronnos das posibles multas que poderíamos enfrontar pero elixiron non facer nada para evitar o erro e nin tan sequera validaron con éxito a nosa documentación", explica o afectado.
"Non houbo avisos específicos durante o proceso de reserva nin no proceso de facturación do voo a Santiago de Compostela, un lugar cunha lingua cooficial. Se se trata dun problema frecuente, poderíase ter incluído un aviso para evitalo", lamenta Iván, que lembra --tamén á compañía-- que "se unhas horas antes, ao enviar os documentos, fose advertido o problema, daría tempo a ir a unha farmacia para obter o certificado correcto".
Pola contra, explica, Vueling validou os documentos. "Viaxamos da Coruña a Santiago e só na porta se nos informou de que non podiamos subir a bordo. A súa neglixencia ao comprobar os documentos e a alta de asesoramento durante o proceso de reserva é intolerable", recrimina quen advertiu da "falta de axuda" e da "grosería" do persoal da aeroliña.
A lexislación do Reino Unido só permite viaxar ao país cun test de antíxenos en castelán, inglés ou francés
Nunha resposta en redes sociais, Vueling asegura que "cumpre cos requisitos legais establecidos segundo o destino de cada voo" e lembra que para ingresar no país, "os idiomas válidos do test COVID19 deben ser inglés, francés ou español".
Iván e a súa familia regresaron á Coruña, conseguiron "milagrosamente" un test de antíxenos ás 8 da tarde e voaron con outra compañía desde Santiago na mañá seguinte.
O certificado COVID de proba diagnóstica, de vacinación ou recuperación que achega a Xunta --en inglés, galego e castelán e cun código QR-- non supón problema ningún nos diferentes requisitos dos para poder viaxar a diferentes países, xa que é a documentación oficial da UE. Non ocorre o mesmo cos test de antíxenos como os que esixe o Reino Unido no caso de que sexan expedidos, como se fai por defecto, unicamente en galego. A lexislación británica non o valida nesa lingua e só o fai en español, inglés ou francés.
Para Iván Mato, a lexislación é clara. O problema está na falta de información precisa e previa para poder evitar os problemas e na validación que as compañías fan da documentación sen advertir antes de que non será aceptada por mor do idioma.
"Se as compañías admiten que é un problema habitual, que o advirtan antes porque teñen maneiras moi sinxelas de facelo e, en todo caso, que non validen a documentación se logo non vai valer", di Iván en conversa con Praza.gal, onde recoñece que soubo de moitos casos como o seu de galegos residentes en Inglaterra.
Entre as súas demandas, ademais, que as farmacias advirtan á hora de expedir o documento do test de antixenos que este non será válido para voar a algúns países de estar redactado en galego.
"A problemática non é que as farmacias ofrezan test en galego, o problema radica na discriminación lingüística", di A Mesa
No caso de Iván, o incidente supúxolle ter que solicitar na empresa dous días libres sen soldo ante a imposibilidade de viaxar, alén dos contratempos familiares. Así, e ademais do reembolso dos gastos ocasionados, pide tamén á compañía "unha mellora da súa desastrosa política de verificación de documentos" e que avise con antelación á xente que viaxa desde zonas de España con idiomas cooficiais. Abondaría, lembra, "un aviso específico durante o proceso de reserva de voo de Vueling a un aeroporto situado nas rexións españolas cun segundo idioma cooficial".
Desde A Mesa pola Normalización Lingüística advírtese de que "a problemática non é que as farmacias ofrezan test en galego, o problema radica na discriminación lingüística por facer un test na nosa lingua". "Uns test que deben ser tan válidos como outro calquera. Acaso o galego non é unha lingua válida como outra calquera?", pregúntase a entidade, que se mostra disposta a denunciar os casos e advertir ás institucións.
Segundo a consultora IQVIA, só na semana do 9 ao 15 de agosto, as farmacias galegas venderon case 50.000 test de antíxenos. Concretamente, 49.674.