Recuperado pero sen certificado da UE: o labirinto imposible para acreditar a recuperación da COVID

Un home amosa o seu certificado COVID CC-BY Praza Pública / Cedida

Persoas que pasaron o coronavirus carecen de certificado COVID dixital da UE de recuperación ao seren diagnosticados cun test de antíxenos e non cunha PCR

Persoas que pasaron a COVID pero non teñen nin certificado dixital da UE de recuperación nin de vacinación porque a súa cita foi aprazada ao teren superado a enfermidade. Non é un caso nin unha ducia, senón o de "moita xente", como recoñece unha das enfermeiras encargadas de administrar as doses en Galicia. Cidadáns que se atopan agora cun problema agravado pola necesidade dese documento para viaxar ou mesmo entrar en locais de hostalería. 

"Estamos nun limbo e ninguén nos dá solución", explica Jorge Conde, unha das persoas afectadas e que relata a situación a Praza.gal. Todos na súa casa pasaron a COVID, con alta do pasado 23 de xuño, logo de que a infección lles fose detectada dez días antes --o 13 dese mesmo mes-- nunha proba de antíxenos. 

Unha persoa realiza un test de antíxenos CC-BY Xunta

Jorge Conde deu positivo nun test de antíxenos e non pode acceder ao certificado de recuperación nin ser vacinado ao serlle adiada a dose por ter pasado a COVID

"Agora, o sistema do Sergas non pode xerar o certificado de recuperación de COVID pero tampouco se nos permite vacinarnos ata dentro de varios meses ao teren pasado a enfermidade, polo que tampouco podemos obter o certificado de vacinación", explica Conde respecto das varias modalidades de certificación dixital da UE que, como explica o Ministerio de Sanidad, "facilita a libre circulación na Unión Europea, garantindo a non discriminación e o estrito respecto aos dereitos fundamentais dos cidadáns da UE". 

O certificado COVID Dixital da UE acredita que unha persoa foi vacinada contra o coronavirus, que se lle realizou unha proba diagnóstica de SARSCov2 con resultado negativo ou que se recuperou da doenza. Malia que Conde, súa muller e un dos seus fillos superaron a enfermidade, tal e como acreditou o Sergas, non teñen certificación ningunha válida na Unión Europea que o acredite. 

A razón explícaa con claridade o Ministerio de Sanidade. No caso do certificado de recuperación, para conseguilo "é necesario ter obtido un diagnóstico de COVID-19 mediante unha proba PCR hai máis de once días ou nos seis meses anteriores á solicitude do certificado". "Se o diagnóstico foi con proba de antíxenos ou pasaron máis de seis meses, non é posible obtelo", advirte. 

O Ministerio de Sanidad aclara que o certificado dixital COVID de recuperación da UE non se pode obter se o diagnóstico foi con proba de antíxenos

A UE non recoñece o resultado da proba de antíxenos como concluínte e, tanto no caso aquí relatado como nos doutras persoas afectadas, a solución non dá chegado. A problemática vai en aumento xa que, nesta vaga estival de coronavirus, os test de antíxenos son a principal arma para detectar positivos entre a xente nova, moita da cal non foi aínda vacinada e non ten ningún tipo de certificado válido aínda que xa teña pasado a COVID. 

O Sergas remite ao Ministerio de Sanidade e desde o departamento estatal non hai resposta ou limítase a unha copia repetitiva do manual básico, sen atender á especificidade de cada caso. Así lle ocorreu a Jorge e á súa muller, cansos de chamar aos teléfonos de incidencias da Xunta sobre a COVID e de poñerse en contacto, tamén vía mail, co Executivo central. 

Unha persoa certifica co código QR a súa cita para a vacinación contra a COVID CC-BY Xunta

Jorge buscou alternativas e o pasado 2 de agosto realizou unha proba serolóxica que deu resultado positivo de anticorpos da COVID, pero tampouco foi dabondo. Nin tan sequera o informe elaborado e asinado polo seu médico acreditando que está recuperado tras pasar o coronavirus. 

Jorge, un dos afectados, ten un test de antíxenos e unha proba serolóxica positiva mais un informe do seu médico pero non é quen de obter o certificado da UE

A outra opción era acceder á vacina para obter o certificado de vacinación que lle permitise viaxar pola UE. "Teño familia en Portugal á que non podo ir visitar e desprazamentos pendentes por motivos de traballo a outros países que non podo realizar", explica. 

Non foi posible. Con 39 anos, Jorge e a súa muller tiñan cita xa para o pasado 4 de xullo pero chamaron ao Sergas para avisar de que acababan de pasar a COVID, polo que quedaron emprazados para unha futura chamada que, de non mudar nada antes, atrasarase varios meses. Para Sanidade xa pasaron a enfermidade, aínda que non teñan certificado ningún europeo que o acredite. 

Tal e como aclara o Ministerio de Sanidad, no caso de ter superado a COVID e ser menor de 65 anos, unha única dose da vacina abondaría para "recibir o certificado de pauta completa". Tampouco é posible polo momento para esta familia, que sofre unha situación denunciada por moitas outras persoas. 

"Non podemos ser vacinados porque o test de antíxenos di que tivemos a COVID, pero tampouco nos dan o certificado de recuperación porque ese test non serve"

"Non podemos ser vacinados porque o test de antíxenos di que tivemos a COVID, pero tampouco nos dan o certificado de recuperación porque o test de antíxenos non serve. Só somos cidadáns buscando a solución a un problema, unha resposta urxente para poder obter un documento que preciso para circular por Europa", insistiu Conde nunha das súas comunicacións co Ministerio. 

"Debería haber uh plan B; entendo que a normativa comunitaria teña as súas esixencias, pero as administracións deben arranxar casos que están no limbo como o noso; non podemos estar facendo probas cada dous días para ir a un bar ou visitar á familia", remata, agardando ainda por unha solución mentres seguen sen ser incluídos nas case 21.000 persoas que en Galicia acadaron xa o certificado COVID de recuperación. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.