A Pobra do Brollón homenaxea o seu alcalde asasinado polo franquismo e retira as distincións outorgadas ao ditador

Escavación no cemiterio de Fornelas, na Pobra do Brollón, na busca de restos de dous asasinados polo franquismo © ARMH

O 7 de marzo de 1938 Antonio Reboiro Rodríguez foi executado en Lugo. Nacido na Pobra do Brollón en 1896, en 1936 -tralo triunfo electoral da Fronte Popular- foi elixido alcalde do seu concello, despois de que nos anos anteriores xa fora concelleiro, formando parte do Partido Agrario Radical Gallego (PARG). Porén, o 11 de agosto de 1937 foi detido e encarcerado na prisión de Monforte de Lemos e meses máis tarde foi xulgado nun Consello de Guerra en Lugo, acusado de "adhesión á rebelión" e de ser masón, sendo finalmente condenado a morte. 

O pleno municipal, ademais de homenaxear o alcalde asasinado, retirará o título de "alcalde honorario perpetuo", outorgado en 1967 a Franco, e do que se tivo coñecemento recentemente

A sentenza executouse en marzo do ano seguinte e Antonio Reboiro morreu canda a outro edil da Pobra do Brollón, Dositeo Casanova Álvarez, igualmente condenado a morte por auxilio á rebelión trala Revolución de Asturias de 1934.

Este venres, o Concello da Pobra do Brollón rende homenaxe ao seu derradeiro alcalde democrático antes da ditadura, nun pleno que tamén servirá para retirar a Francisco Franco as distincións municipais coas que aínda contaba. En 1967 ao ditador foille outorgado o título de "alcalde honorario perpetuo", un feito do que se tivo noticia recentemente, tralo achado da acta municipal que así certificaba este nomeamento. A corporación municipal tomou a decisión de retirar a distinción "nada máis ter constancia do título".

Casa do Concello da Pobra do Brollón CC-BY-SA A fábrica de nubes

“Nun momento no que está en auxe a estrema dereita en toda Europa, é máis importante ca nunca facer memoria para reforzar a democracia, a liberdade e a igualdade, e evitar que algo así se volva a reproducir no futuro", destaca o alcalde

No Pleno municipal, que comezará ás oito da tarde e ao que pode asistir toda a veciñanza, ademais de realizar "un recoñecemento persoal" a Antonio Reboiro Rodríguez, coa presenza dalgúns dos seus familiares, vaise propoñer que a biblioteca municipal, "da que foi o primeiro impulsor", leve o seu nome.

O alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, destaca que “estas accións son un exercicio obrigatorio de saúde democrática que ademais van na liña da Lei da Memoria Histórica". “Nun momento no que está en auxe a estrema dereita en toda Europa, é máis importante ca nunca facer memoria para reforzar a democracia, a liberdade e a igualdade, e evitar que algo así se volva a reproducir no futuro,” engade o rexedor.

En 1936 A Pobra do Brollón contaba cuns oito mil habitantes, fronte aos 1.615 que residen alí na actualidade. A represión franquista foi especialmente dura, como deixa constancia a gran cantidade de persoas represaliadas e asasinadas na localidade

En 1936 A Pobra do Brollón contaba cuns oito mil habitantes, fronte aos 1.615 que residen alí na actualidade. A represión franquista foi especialmente dura, como deixa constancia a gran cantidade de persoas represaliadas e asasinadas na localidade, cuxos restos foron recuperados nalgúns casos nos últimos anos, grazas ao labor de entidades coma a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH). 

Por exemplo, nos últimos anos procuráronse os corpos dos irmáns José María e Ricardo García Moral, residentes en Quiroga e asasinados na Pobra en 1936, o de Gervasio González, veciño de Ribas do Sil membro de UGT e executado no Brollón e atopáronse os restos do concelleiro socialista e tratante de gando Ramón Somoza Álvarez e do xastre José Rodríguez Silvosa, residentes en Monforte e asasinados en 1938 na Pobra do Brollón, onde foron soterrados.

Traballos de procura dos restos dun veciño da Pobra do Brollón asasinado polos franquistas © ARMH

No ano 2011 o Concello da Pobra do Brollón identificou 63 veciños da localidade que sufriron a represión política durante a Guerra Civil e a ditadura franquista, dos que unha vintena foron asasinados. A lista foi elaborada polo secretario municipal, Rafael Castillo Reboiro, neto de Antonio Reboiro. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.