A retirada de Simone Biles dos Xogos Olímpicos pon o foco global na saúde mental e no seu agravamento na pandemia

Simone Biles CC-BY Fernando Frazão/Agência Brasil

Simone Biles decidiu retirarse en plena competición: "É máis importante a saúde mental que o deporte agora mesmo"

"Sinto que non estou desfrutando como adoitaba (...) Queríao facer por min mesma pero sinto que o fago polos demais e non por min", dixo a ximnasta Simone Biles --unha da grandes estrelas dos Xogos Olímpicos de Toquio-- logo de anunciar que se retiraba da competición por equipos polos seus problemas de saúde mental

"Non estou lesionada, simplemente teño unha pequena ferida no meu orgullo; agora teño que concentrarme na miña saúde mental. Temos que protexer as nosas mentes e os nosos corpos", explicou Biles tras o seu anuncio, que puxo o foco global sobre unha problemática tantas veces silenciada e agravada na pandemia, como levan tempo advertindo os expertos. 

Simone Biles CC-BY Fernando Frazão/Agência Brasil

A decisión e as palabras de Biles poñen o foco global sobre os problemas de saúde mental, agravados coa pandemia

Tamén en Galicia, co aumento nos casos de ansiedade e depresión, o agravamento de patoloxías graves anteriores e o notable incremento da demanda de atención psicolóxica agroman nun sistema desbordado e "en precario". Nun país que está á cola do Estado en cobertura e que xa lideraba antes da COVID os casos de depresión e ansiedade no Estado.

Que unha das maiores figuras deportivas e olímpicas da historia dea o paso en plenos Xogos e ante a ollada de centos de millóns de persoas, deita máis luz sobre un problema decote agochado. "Hai que priorizar a saúde mental. En caso contrario non vas desfrutar o deporte e non vas ter éxito. Non pasa nada por deixar pasar unha competición para te coidar, iso demostra o forte e competitiva que es", engadiu tan só horas antes de que a Federación dos EUA de Ximnasia anunciara que Biles tampouco competiría no concurso individual desta semana. 

"É máis importante a saúde mental que o deporte agora mesmo", advertira quen puxo rostro aos problemas de tantos, incluídos deportistas de elite aos que a presión da competición, as expectativas ou problemas mentais afectaron no seu rendemento e na súa vida diaria. O ciclista Tom Dumoulin, a tenista Osaka, o xigante Michael Phelps, Andrés Iniesta, o baloncestista Álex Abrines e tantos anónimos. 

A decisión e as palabras de Simone Biles rachan tamén coa imaxe dun deporte onde demasiadas veces o silencio deu paso ao descubrimento de historias de presión e esixencia extrema ou mesmo abusos sexuais, como os sufridos por ela e outras compañeiras no equipo estadounidense. A norteamericana ergueu a voz contra todo e tamén agora para advertir de que o primeiro é a saúde. A mental, por suposto, tamén. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.