A revolta dos veterinarios pola norma sobre antibióticos: risco ou necesidade?

Un can atendido no Hospital Veterinario HA en Lugo, durante unha visita do presidente da Xunta CC-BY-SA Xunta

A mediados do pasado mes de febreiro, o grupo veterinario Adrisa, con varios centros na Costa da Morte, denunciou que unha cadela atendida nunha das súas clínicas convertérase na "primeira vítima" do novo real decreto que regula a administración de antibióticos aos animais. Selva, que así se chamaba, faleceu por mor dunha sepse tras aplicarlle un protocolo que o sector considera demasiado estrito e que obriga a unhas probas sobre a orixe da infección bacteriana antes de subministrar algúns antibióticos. Segundo os afectados, os resultados sobre a medicina axeitada chegaron demasiado tarde e o caso serviu para que os profesionais advertisen dunha normativa que, denuncian, supón un "risco" e "limita" o seu "criterio" e iniciativa médica. 

Foi a espita que impulsou aínda máis a revolta das e dos veterinarios desde que comezara este ano e que levou a unha manifestación de 2.000 persoas fronte á sede do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) o pasado 5 de febreiro en Madrid, e a outra dos profesionais galegos en Santiago a pasada fin de semana. Marchas ás que se uniron tamén persoas propietarias de mascotas —en Galicia hai rexistrados máis de 720.000 cans—, que advirten dos problemas que lles supón a nova normativa. 

Protestan contra o Real Decreto 666/2023, que regula a prescrición, dispensación e uso de medicamentos veterinarios, normativa publicada no BOE no verán de hai dous anos pero que entrou en vigor neste 2025. E seguirán facéndoo: o vindeiro 26 de marzo xa hai convocadas concentracións fronte ás delegacións e subdelegacións do Goberno tras formarse o Comité de Crise VET, que une a todas as asociacións científicas, facultades e colexios profesionais do sector. 

Protesta de profesionais veterinarios en Santiago, o 9 de marzo de 2025 CC-BY-SA CV A Marosa

Profesionais veterinarios protestan contra o Real Decreto 666/2023 que regula a prescrición de medicamentos por limitar o seu criterio e "poñer en risco" a saúde dos animais

"Foi a última gota, o que faltaba", explica Luís Núñez, ex-presidente e actual secretario do Consello Galego de Colexios Veterinarios (CGCV). O decreto obriga ao sector, entre outras cousas, a informar de xeito detallado sobre cada antibiótico que receitan e inclúese no paquete lexislativo comunitario e estatal que trata de "dar resposta a un problema de saúde de primeira orde: a resistencia aos antibióticos como consecuencia dun uso excesivo e non prudente deles", segundo explica o MAPA en resposta a Praza.gal. 

"Unha resistencia responsable de arredor de 33.000 mortes anuais na UE, unhas 4.000 en España e un gasto derivado duns 150 millóns de euros", engade o Ministerio, que lembra que a "única solución ao problema é o uso prudente dos antibióticos e a redución do seu uso innecesario". 

As protestas céntranse no sistema PresVet, unha base de datos obrigatoria desde este ano que rexistra todas as prescricións de antibióticos realizadas por veterinarios en mascotas. A obriga de informar, nun prazo máximo de 15 días, de quen prescribe e a quen o fai. Unha medida que, segundo os profesionais, supón "burocracia excesiva", ademais de restarlles competencias, restrinxir o seu xuízo clínico, "comprometer a profesión" e "poñer en risco a saúde dos animais" ao colocar trabas na toma de decisións, sobre todo en casos urxentes. 

O Ministerio defende un sistema que "dá resposta a un problema de primeira orde: a resistencia aos antibióticos"; os veterinarios advirten de "burocracia excesiva"

Con consecuencias, segundo relatan algunhas clínicas, como peches de centros "afogados pola burocracia" ou dos que foron "absorbidos por fondos de investimento que aproveitan o desgaste profesional ofrecendo 'alivio administrativo' a cambio do control". 

O sistema xa é aplicado desde 2019 para os animais de produción destinados a consumo humano, de aí que o MAPA responda ás críticas advertindo de que "os veterinarios españois levan tempo transmitindo as prescricións de antibióticos de animais de granxa" nunha base de datos e un sistema de transmisión e información "rodado e que funciona con total normalidade e correctamente". 

Tamén lembra que as novas obrigas foron coñecidas ano e medio antes da súa aplicación polo que os profesionais "tiveron tempo para preparase", máis cando no último trimestre de 2024 se puxo á súa disposición un módulo de probas. Como dato, o Ministerio aclara que o Presvet, xunto a outras iniciativas, tivo un "impacto moi positivo no uso de antibióticos", cunha redución de case o 53% desde 2020 nos animais de produción. 

Protesta de estudantado de Veterinaria CC-BY-SA Fesvet

Os veterinarios, pola contra, indican que a normativa da UE establece que este novo sistema debe estar completamente establecido en 2030 e que non era necesaria tanta présa. "España decidiuno instaurar xa en 2025 e nós reclamabamos que se fose adaptando pouco a pouco", explica Núñez. 

"O problema é o xeito no que se adaptou á lexislación estatal a regulación comunitaria"

Con todo, desde o Ministerio insisten tamén que este polémico regulamento supón a transposición dunha norma da UE —o regulamento 2019/6 sobre medicamentos veterinarios— que seguiría sendo aplicable en España aínda que se derrogase a normativa. Os profesionais matizan: "O problema é o xeito no que se adaptou á lexislación estatal a regulación comunitaria". 

"Aos veterinarios obrígannos a especificar, antes de quince días, o propietario do animal, a súa identificación, o número de receita, o tipo de medicamento... Arredor de vinte items a cubrir en cada tratamento. Non é operativo e tampouco ten moito sentido que se faga así cando a persoa non accede á menciña no momento que se lle prescribe", explica Luís Núñez, que aclara que outro sistema impulsado polo Ministerio de Sanidade controla a dispensación de antibióticos a través das farmacias e das comerciais veterinarias facendo balance dos produtos subministrados a final de ano. 

"Temos unha aplicación de Sanidade onde se recollen os datos das farmacias e as comerciais de maneira moi sinxela, indicando o que vendes e para que; pero logo hai outra do Ministerio de Agricultura onde se achegan os datos dos veterinarios que receitan e dunha maneira moito máis complexa, estrita e restritiva", aclara quen, en coincidencia coa maioría da profesión, non lle atopa xeito ao modelo. 

A normativa europea aclara que o obxectivo é "reducir a carga administrativa, consolidar o mercado interior e mellorar a dispoñibilidade de medicamentos veterinarios, garantindo ao mesmo tempo o máis alto nivel de protección da saúde pública, a saúde anima e o medio ambiente". "Obviamente, Presvet vai directamente en contra do establecido porque supón un aumento da carga administrativa", explica Núñez. 

Pero o Ministerio de Agricultura retruca: "O sistema introduce unha maior conciencia dos profesionais e ten en si mesmo un efecto favorable no uso prudente dos antibióticos, xa que tamén dá aos veterinarios información que lles permite comparar e tomar decisións". 

Protesta de profesionais veterinarios en Santiago, o 9 de marzo de 2025 CC-BY-SA CV A Marosa

Os profesionais denuncian que a obriga de realizar cultivos para determinar algúns tratamentos provoca atrasos e riscos na saúde animal

Ademais, denuncian os profesionais, saltarse algún dos pasos que implica o sistema suporía sancións que, nalgúns casos, poderían ser "millonarias". Desde o MAPA aclaran que polo momento non se puxo sanción ningunha, que estas veñen recollidas na Lei de Sanidade Animal e que son graduadas en función de se a falta de comunicación sobre os tratamentos con antibióticos é reiterada ou non. Así, aclara, o Goberno central xa iniciou unha modificación para reducir as multas no marco da lei contra o desperdicio alimentario, actualmente en trámite parlamentario. 

Pero hai máis queixas. Segundo explican os veterinarios, e así trasladan nas súas mobilizacións, a obriga de levar a cabo probas de laboratorios antes de prescribir determinados antibióticos máis restrinxidos provoca atrasos nos tratamentos e un evidente risco, máis cando, tal e como denuncian, moitas menciñas non están dispoñibles nas farmacias e teñen difícil acceso. Os cultivos que se impoñen para determinar a infección e o tratamento máis axeitado son, segundo os profesionais mobilizados, ás veces inviables e outras inasumibles polo seu custo. 

Os veterinarios quéixanse dun sistema de prescrición "ineficiente" e pouco flexible que limita as súas capacidades e non atende a necesidades específicas

Supón, aclaran, un sistema de prescrición de antibióticos "ineficiente" que implica, en moitos casos de mascotas como cans, intentar receitar un produto específico para animais e, se non o hai, seguir buscando nese ámbito ata que se dá con el, e só optar por un antibiótico para humanos en último caso. O Ministerio aclara que este método non ten que ver co Presvet e si cunha normativa europea que especifica a orde de prescrición. 

Ademais, como denuncia o CGCV, a nova regulación establece que hai que seguir ao pé da letra "o que din os prospectos" das menciñas cando "moitos non están actualizados á realidade actual ou a novas formas de tratamento" e eran habitualmente utilizados para casos diferentes aos marcados pola "experiencia" e o coñecemento acumulado dos veterinarios en anteriores prescricións. En definitiva, advirten de que se impón un sistema único e pouco flexible que limita a capacidade dos profesionais e non atende a necesidades específicas

Un gato, na asociación protectora de animais Gatocan CC-BY-SA Xunta

"O regulamento da UE tamén obriga a que os laboratorios teñan os seus prospectos actualizados pero non o están; en España estase apertando os veterinarios pero non os laboratorios", denuncia Núñez, que engade outro último problema ao sistema de prescrición de medicamentos en España. "Obrígannos a prescribir con fichas técnicas obsoletas", denuncian desde diferentes clínicas, que insisten en que o método imposto polo Ministerio "anula o criterio clínico baseado en formación, experiencia e evidencia científica". 

A prohibición da libre dispensación

No Estado, son as comerciais veterinarias nas farmacias as únicas con dereito a dispensar os medicamentos, mentres que os veterinarios só poden cedelos se non teñen forma de atopalos doutra maneira e baixo a súa supervisión. "Só hai dous países en Europa onde non se permite ao persoal veterinario comercializar as menciñas: España e Italia", explica Núñez, que aclara que as "restricións" que se lles poñen provoca atrasos e atrancos que se solucionarían permitíndolles dispensar o tratamento necesario e completo, coas doses xustas e evitando acumular pastillas nas casas. "Que as clínicas declaren os antibióticos subministrados e listo", insiste. "Prohiben a libre dispensación, permitida en case toda Europa co mesmo regulamento", lembran os profesionais. 

"Lexislouse para impedir ao veterinario traballar, en contra do espírito da norma europea. É evidente que non se pode ir contra a normativa comunitaria, pero si denunciar que as esixencias aquí son moito maiores que na maioría de resto de países", resume Núñez, que insiste en que "para nada" os profesionais "están en contra de loitar contra a resistencia aos antibióticos". "Pero esa responsabilidade non pode ser nosa; hai que concienciar á poboación", di. 

"No Ministerio deben recoñecer que se equivocaron, que xa había un sistema que funcionaba ben e que con este novo non se nos deixa traballar", remata, antes de erguer outra demanda sobre unha situación que os profesionais tamén consideran inxusta: a baixada do IVE dos servizos veterinarios, que actualmente tributan ao 21%, para pasalo ao tipo reducido. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.